Traxicomedias populares
Hoxe volvemos sufrir un episodio a cabalo entre a indecencia política e a vergoña que senten os cidadáns pola culimaña de caraduras que os gobernan. Despertamos coa información de El País na que saían á luz os documentos sobre a presunta contabilidade en B do Partido Popular durante a época como tesoureiro do xa celebérrimo Luis Bárcenas, onde se debullaban movementos que poderían afectar a boa parte da cúpula da organización naquel momento e na actualidade.
A sucesión lóxica de acontecementos logo das declaracións de Rajoy do outro día viña suxerindo a posibilidade dunha serie de dimisións en masa e cesamentos no cargo de máis da metade do equipo de goberno. Nun país serio ao mellor a media mañá xa se sabería a data das novas eleccións pero, como seguimos falando de España, o único que coñeciamos era que as comparecencias oficiais dos principais partidos se ían pospoñendo. Aquilo do man do aínda presidente debía ser cousa de xogar ao pádel, ao mus ou seguir firmando decretos lei de suba de impostos e recortes.
Seguía matinando no asunto e a iso das 13.15 atopeime diante do televisor agardando a rolda de prensa de Cospedal. Sen palomitas, pero con algo para picar, dispúxenme a ver un filme que non sabía se acabaría por etiquetar como drama, thriller psicolóxico ou simplemente gore. A secretaria xeral do PP comparecía con xesto aparentemente tranquilo e sorrinte, feito que dada a gravidade do tema tinguía a escea dunha dose de sadismo altamente desconcertante. A medida que as palabras ían caendo da boca da comparecente funa imaxinando cavando un burato no que enterrarse politicamente. Cospedal escolleu a estratexia da fuxida cara adiante e negou todas as acusacións coa maior das rotundidades, ameazando incluso con accións xudiciais contra calquera que se atreva a cuestionar a honradez do goberno. Cando lle preguntaron polo paradoiro do Presidente declarou que estaba “tranquilo” e “ocupado nas súas labores para seguir sacando a España da crise”. A secretaria pasaba así con mestría a cultivar o xénero do monólogo humorístico, só faltaban as risas enlatadas e a música de Benny Hill. Gracia non tivo ningunha.

A Cospedal non lle consta nada
Neste espazo de tempo María Dolores enunciou unha teoría conspiranoica contra o partido da que forman parte os dous maiores diarios españois (con liñas editoriais contrapostas), a sociedade que lle dá credibilidade, Esperanza Aguirre en calidade de man que move o berce, o Wall Street Journal que cre a mentira, Compostimes que ten a un redactor escribindo un artigo un Xoves antes de saír e millóns de persoas e institucións máis. No mesmo espazo de tempo o presidente do Senado, Pío García Escudero, cargábase dun só tiro a confabulación da que tratou a rolda de prensa, dáballe veracidade aos documentos que presentaba El País e confesaba un pagamento á súa persoa en calidade de préstamo xa devolto.
As redes sociais levan todo o día fervendo, Twitter xa caeu varias veces e a conta oficial de Facebook do PP está inundada de comentarios con sobres. As palabras de Cospedal enténdese destas horas como un insulto ao conxunto da sociedade. Cada minuto que pasa sen que no asunto exista ningún responsable político fai que o mal humor xeneralizado aumente. Semella que en todo isto só hai unha boa noticia, que o xornalismo aínda non morreu e, de vez en cando, aínda cumpre a súa pretendida función social.
A situación non é fácil: crise económica, altos índices de paro, malestar social, corrupción no goberno, crise da monarquía… Isto non é un caldo de cultivo ideal coma os que estudabamos en Historia cando se aveciñaba un cambio de réxime? En situacións convulsas calquera chispazo pode dar nunha explosión e aí o poder pode acabar nas mans máis inesperadas. Quizá entón debemos ir comezando a preguntarnos se hai alguén capaz de arranxar esta situación. Seguiremos informando.