Selección galega – Curdistán: moita política, pouco fútbol
Nos últimos anos vén sendo costume que, aproveitando o parón que sofre a liga no Nadal, se celebren os partidos das seleccións autonómicas de fútbol. Así pois, nestas datas podémonos atopar partidos coma o disputado o pasado sábado que enfrontou á selección de Euskadi contra Bolivia, que resultou coa victoria da primeira por un abultado 6-1 ou o que se celebrará o vindeiro 2 de xaneiro onde a selección catalana se medirá á de Nixeria. Para as comunidades autónomas cun maior sentimento de identidade propia, estes partidos convírtense nun medio de expresión do sentimento nacional e as actividades desenvoltas en torno ao partido deixan o terreo meramente deportivo para acadar tintes políticos. Incluso nas bancadas se poden apreciar todo tipo de símbolos nacionalistas, como amosa esta imaxe do partido da selección catalana do ano 2008:
En 2005, a selección galega sumouse a esta tradición de partidos disputados polas seleccións autonómicas. O 28 de decembro, o estadio de San Lázaro acollía o debut da selección galega contemporánea (durante os anos 20 e a II República, xa existira unha selección galega de fútbol que competía en partidos amistosos e trofeos interrexionais) contra a potente escuadra de Uruguai, aínda que mermada pola baixa de figuras coma o ariete Diego Forlán. Tiven a sorte de poder acudir a este partido e, pese a ser aínda un neno, gardo unha lembranza moi positiva del. O estadio de San Lázaro cheo a rebentar, o canto multitudinario do himno, o gran espectáculo deportivo ofrecido por xogadores de primeiro nivel coma Diego López, Michel Salgado, Juanito, Godín, Vargas…. En resumo, o encontro foi un éxito rotundo, que tivo como culminación a victoria da selección irmandiña por 3-2.
Nos anos seguintes, continuaron a seren disputados estes partidos nas diversas cidades galegas ante rivais coma Ecuador ou Camerún. En 2009, coa obtención de maioría absoluta do Partido Popular nas eleccións á Xunta de Galicia, as tornas cambiaron. A Secretaría Xeral para o Deporte retirou os orzamentos para a selección galega, nunha decisión que, aínda xustificada por unha pretendida austeridade, tiña moito de política e pouco de económica. Ao non contar co apoio da Federación Galega de Fútbol, a selección galega viuse obrigada a desaparecer. Dende ese ano, a asociación Siareir@s Galeg@s organiza partidos entre xogadores semiprofesionais galegos e combinados doutros lugares, coma o ano pasado foi o caso do partido Galicia-Palestina, que rematou coa victoria galega por 6-3.
Así chegamos á situación actual. Este ano a plataforma Siareir@s Galeg@s organizou un partido entre unha selección de xogadores galegos de Terceira División e Rexional Preferente contra un combinado da nación de Curdistán, sen Estado propio, pois o seu territorio está compartido por entre outros países, Turquía e Irán. Cómpre sinalar a teima da asociación organizadora en elixir como rival para os partidos a pobos que na búsqueda da súa independencia sofren unha forte represión por parte dos aparatos estatais dos países aos que pertencen, polo cal non resultaría estrano que os próximos rivais foran un combinado checheno ou unha selección de Osetia do Sur. O motivo desta escolma é claramente político, pretende equiparar a situación de Galicia dentro de España coa destes países oprimidos. Pero, mal que lles pese, as cousas non son así, pois España nin oprime a Galicia nin asasina a independentistas galegos.
O partido en si non ofrece interese deportivo algún, xa que ademais do baixo nivel dos rivais, a propia selección galega non conta coa aportación dos principais clubes galegos, dende o Celta ao Compostela, pasando polo Lugo ou o Deportivo da Coruña. O medio Praza sacaba a noticia hai uns días de que algúns xogadores recibían veto por parte dos seus clubes a participaren no encontro, mais esta información proviña dun dos organizadores do evento, quen non aportaba proba algunha, así que dista moito de ser certa ao cen por cen.
Por outra parte, o partido da selección galega deixou de ser o partido de todos os galegos, para ser o partido duns poucos. Xa non recolle unha pluralidade de ideoloxías, senón que agora os seus partidos convírtense en eventos políticos para os sectores máis radicais do nacionalismo galego. Para comezar, todas as manifestacións escritas relacionadas co partido están escritas nese idioma utópico que é o galego reintegrado, o cal resulta alleo á maioría da poboación galega que mesmo o despreza, por consideralo unha prostitución con fins políticos da súa lingua.
Resulta sorprendente tamén que os xogadores e xogadoras do conxunto galego saltasen ao campo portando unha bandeira galega nacionalista, coa estrella vermella no seu centro. Esta bandeira non representa ao conxunto dos galegos, pois está relacionada cunha determinada ideoloxía, ademais de nin sequera estar aceptada oficialmente. Os cánticos dende a grada e os actos e discursos previos ao partido tamén se inserían nesta liña do nacionalismo radical, como podemos observar no vídeo do seguinte enlace. O resulado final do partido foi 3-2 a prol do equipo galego, mais isto quizais é o menos importante.
É unha mágoa que Galicia non poida contar cunha selección autonómica propia de primeiro nivel por culpa duns intereses políticos que teñen unha xenreira con todo o relacionado co galego, mais é igual de triste que a selección de todos os galegos se convirta na selección duns poucos. Pero xa se sabe, cando a política interfire no deporte, os prexudicados somos nós, os afeccionados.
Foto de portada: Diego Torrado