Preferente Autonómica: aínda queda moito por loitar
A metade dos partidos xa se disputaron e a tensión vai cada vez a maiores en cada partido. O ascenso á Terceira División ou o descenso á Primeira Autonómica xogarase ata o último minuto. Aquí está o resumo da Preferente Autonómica de Galicia.
Preferente Norte
“O Grixoa e 18 equipos máis”. Nesta oración de seis palabras poderíase resumir o que foi a primeira volta na Preferente Norte. Ou, cando menos poderíase resumir así ata hai un mes, momento no que o insultante dominio do equipo da capital de Galicia parou en seco cunha xeira de tres derrotas consecutivas.
Ata 9 puntos chegou a estar o conxunto de Suso Moure por riba do límite que marca o ascenso á terceira división. Por detrás deles séguenlle, aínda que agora mesmo cunha respectable distancia, o Bertamiráns (a catro puntos) e o Xallas de Santa Comba (a sete puntos). O Boiro, o Dumbría e o Laracha tampouco perden a pista e ven o segundo posto (que daría acceso á terceira) a unha distancia de catro, cinco e seis puntos respectivamente.
Pola parte baixa da clasificación o Chantada e o Lemos son os pechacancelas da categoría, e a día de hoxe parece que tan só o Lemos e O Páramo poderían entrar na disputa por salvar a categoría. Ao estar ben situados na táboa clasificatoria os equipos galegos na Segunda B tampouco parece que se teñan que preocupar máis da conta polos posibles arrastres que poidan ocasionarse así que este ano estar nos postos próximos ao descenso non vai traer máis dores de cabeza da conta. O Sporting Sada e o Silva non deben descoidarse tampouco se non queren meterse na loita pola permanencia aínda que ambos están a seis puntos da zona de perigo.
Este ano está tendo pouca produción goleadora. Non hai ningún equipo que destaque cunha cifra de goles esaxerada, nin positiva nin negativa. De feito, na táboa de goleadores, Enmanuel d’O Val é o pichichi da categoría con tan só dez goles anotados, mentres que na categoría do sur, por exemplo, hai catro xogadores que superan os dez goles.
Na táboa non hai ningunha sorpresa entre os que están arriba. Nunha posición ou noutra xa todos estiveron preto do Narón e do Compostela (os dous que ascenderon) o pasado ano. Quizais o máis destacable é a presenza do Grixoa coma líder indiscutible, xa que, si ben é un equipo bastante ben reforzado non é un club moi grande nin ten un gran apoio social como para ser o principal candidato a estar o ano que vén na terceira galega. Grixoa é unha parroquia duns 300 habitantes situado ao norte de Santiago, xoga os seus partidos en Santa Isabel debido a que o seu campo é de terra e non é válido para a categoría. A súa mellor sorte é atoparse no concello de Santiago, xa que de outra maneira sería difícil estar onde está. O sorprendente do Grixoa é a súa gran defensa, xa que tan só leva dez goles encaixados e ata hai seis xornadas tan só tiveron que recoller o balón da rede nunha ocasión.
O Bertamiráns de Javi Touriño tamén é outra das sorpresas xa que o pasado ano quedara na metade da clasificación. Está a tan só un punto do Grixoa e en zona de ascenso debido a que recentemente aproveitaron un baixón do líder a quen venceron a domicilio. Curiosamente os dous primeiros clasificados, Grixoa e Bertamiráns ascenderon de 1ª autonómica conxuntamente hai tres tempadas.
Quizais esta tempada esperábase máis do Xallas de Santa Comba, o equipo resultante da fusión do Xallas e do Santa Comba que, quedou cos mellores xogadores de ambos equipos e reforzouse coa intención de voltar a ter un equipo na terceira da capital da comarca do Xallas. Aínda así, os de Manolo Corredoira están terceiros, nunha posición preferente da clasificación e haberá que tomalos en conta en calquera prognóstico.
O Boiro, pola súa parte é outro dos equipos a ter en conta xa que o ano pasado quedara ás portas do ascenso directo e se non chega a ser polos descensos de categoría de 2ªB a 3ª do Celta B este ano estaría na máxima categoría galega tras gañarlle a promoción ao Choco. Aínda así, este ano reforzouse, entre outros, co dianteiro procedente do As Pontes da 3ª que xa leva 8 goles. Polo momento está terceiro na táboa.
Pola parte de abaixo este ano é sorprendente a traxectoria do Chantada, que está último con 12 puntos sen signos de ir a mellor. Por outra banda os seis equipos que ascenderon este ano, o Taboada, Sporting Sada, Silva, Lemos, O Páramo e Carral son os seguintes na clasificación por riba do equipo Chantadino, polo que ningún deles está a ser a revelación deste campionato.
Preferente Sur
Só o Ribadumia, o Cultural Areas e o CD Barco saben o que é ser líderes durante a primeira volta. Os ribadumienses gozaron dese privilexio na semana inicial, tras golear ó Pontellas, pero desde ese momento ata o remate da 19ª xornada foron os de Ponteareas e os do Barco de Valdeorras os que se intercambiaban na cabeza deste tren que é a Preferente Sur. O Xuventú de Sanxenxo, Portonovo e Gondomar tamén están na loita polo ascenso. Pola parte baixa, co Ponte Ourense practicamente descendido, son o Arenteiro e o Marín os que loitarán por salvarse de baixar de novo a 1ª Autonómica prexudicando a Lalín ou Pontellas.
O comezo de liga do CD Barco parecía presaxiar que sería moi difícil retiralo do primeiro posto xa que conseguiu seis vitorias en seis partidos. Sen embargo cando os de Iván González sufriron a súa primeira derrota na casa do actual líder chegou unha sucesión de resultados que o sitúan no quinto posto con 31 puntos. No liderado están o Cultural Areas e o Xuventú de Sanxenxo con 38 puntos cada uno. A maior diferenza de goles dos ponteareáns sitúaos na cabeza. O Portonovo, con tres puntos de desvantaxe sobre Cultural e Sanxenso, quere volver á Terceira. Está ocupando a praza de promoción que disputaría co terceiro do grupo Norte. Por detrás está a revelación, o Gondomar. Un conxunto que ascendeu desde autonómica e que aspira a dar a sorpresa e situarse na Terceira para celebrar o seu centenario no ano 2014. Polo momento, batendo ós rivais da zona media-baixa, colócase nunha meritoria cuarta posición a catro puntos dos líderes.
O Arosa SC, o Choco e o Atios loitarán por unirse ós equipos que parece que se xogaran as dúas posicións que dan dereito a ascender. As primeiras xornadas da segunda volta serán chaves para valorar as aspiracións ás que poden chegar a final da tempada. Coa etiqueta de “mataxigantes” está o Ribadumia, que ten 28 puntos na clasificación. As súas vitorias na Lomba por 2-4 contra o Cultural Areas, os empates con Portonovo e Gondomar e o 2-1 acadado na Senra co Barco danlle ese alcume. Terá que mellorar fronte os equipos da zona baixa para poder pelexar polos postos nobres da táboa.
Ademais do Cultural Areas e do Xuventú de Sanxenxo hai dous equipos más que descenderon a tempada anterior. Son o Lalín e o Estradense. Os lalinenses non pasan polo seu mellor momento. Marcan a liña que divide a salvación do descenso. Teñen 18 puntos, dous por riba do Marín. Os da Estrada colócanse na metade da clasificación con 22 puntos.
De pechacancelas está o Ponte Ourense. O plantel de xente nova utilizado polos pontinos para tratar de manter o equipo na Preferente non está dando os seus froitos. Tan só oito puntos, dos cales cinco foron de empates, son o bagaxe do equipo ourensán. O conxunto carballiñés Arenteiro está aferrándose á categoría con unllas e dentes. Con dúas vitorias antes do parón de Nadal arranxou unha situación que tiña case o mesmo camiño que o Ponte Ourense. Sitúanse penúltimos pero a tres puntos do Lalín. O terceiro equipo en ocupar plaza de descenso é o Marín, que o ano pasado acabou na metade da táboa. Suma 16 puntos, dous por baixo da salvación.
O máximo artilleiro do que vai de liga é Carlos do Cultural Areas, cun total de 15 goles, co que colabora a que o seu equipo sexa o máis anotador dos 39 equipos que forman ambas ligas da Preferente. Por detrás vén Víctor Vega do CD Barco con 12, con 11 está Chus do Choco e con 10 Suso e Manu Nieto de Portonovo e Ribadumia respectivamente.
O equipo menos goleado é o Valladares, outro conxunto ascendido da autonómica pontevedresa e que tan só encaixou 14 tantos en 19 partidos. É un equipo moi traballado e que pode poñer en apuros ós grandes coma sufrir cos máis “sinxelos”.
O comezo da segunda volta pode marcar máis aínda as posicións. Os candidatos ó ascenso e ó descenso poden variar, xa que o mercado na Preferente nunca se pecha, polo que haberá incorporacións que poden ser un punto de inflexión. Aínda quedan algo máis de cinco meses de competición e 18 xornadas na Norte e 19 na Sur. Haberá que estar pendentes dos posibles arrastres que tanto dano fixeron nas últimas tempadas na liga do sur. Polo tanto, na Preferente galega non só hai que ter un ollo no teu propio partido, hai que botar a ollada á Terceira ou incluso a Segunda B. Nesta categoría todo conta.
Imaxe de portada: @JuanMaS_G
Preferente Norte: Alberto Rivera
Preferente Sur: JuanMa Serrano