Palestina ten dereito
Cando por primeira vez me propuxeron escribir este artigo non me quedei moi convencido, de feito rexeiteino. A miña escusa foi non ter os suficientes coñecementos sobre o tema. Pouco tempo me levou cambiar de opinión e ó día seguinte estaba escribindo estas verbas. O meu cambio de opinión veu propiciado polo conflito que naqueles días se estaba dando na franxa de Gaza.
O día 14 de novembro o xefe de Hamas e outras 8 persoas foron asasinadas por unha serie de ataques aéreo israelís. A xustisficación destes foi o lanzamento de un foguete por parte de Hamas e que foi interceptado polo sistema de defensa israelí nas proximidades de Tel Aviv (aínda que algunhas fontes din que tal “proximidade” significa preto de 80km). A resposta israelí foi denunciada por Palestina, basicamente pola súa desproporcionalidade, e a rápida escalada na intensidade do conflito.
Pero, aínda que o alto mando israelí xustifica esta ofensiva escudándose na autodefensa, por que se decide levalo a cabo nese preciso momento cando se veñen dando ataques como este por parte de Hamas e outras organizacións terroristas dende bastante tempo atrás (a maioría deles sen chegar a causar danos)?. A resposta é clara. Existen dous motivos que levaron a Israel a responder desta forma. O primeiro, a convocatoria de eleccións lexislativas en Israel para o 22 de Xaneiro deste ano. O actual primeiro ministro Netanyahu aspira á reelección, e o conflito de Gaza é algo que pode repercutirlle moi favorablemente en termos electorais. Temos que ter en conta que o 84% dos israelís apoiaba a ofensiva en Gaza, mentres só un 12% se opón (segundo datos dunha enquisa no diario israelí Haaretz). Tamén nesta enquisa se revela que tanto Netanyahu como o titular de defensa viron incrementada a súa popularidade nun 20% tralo inicio das hostilidades.
O segundo motivo das represalias israelís é a solicitude de Palestina de ser recoñecida como estado non membro observador da ONU, coa finalidade de avanzar na creación do estado palestino e a finalización do conflito con Israel. Por iso, Mahmud Abbas, líder da Autoridade Nacional Palestina presentou o pasado mes de novembro ante a Asemblea Xeral da ONU a petición de tal recoñecemento para Palestina. Ante tales intencións por parte de Palestina, o goberno israelí ameazou con implantar medidas de castigo contra Palestina e os seus líderes, incluíndo a conxelación da distribución de fondos para a Autoridade Palestina e revocando os privilexios especiais dos seus líderes. Ademais, o Ministro de Exteriores israelí, Avigdor Lieberman, ameazou con desmantelar a Autoridade Palestina. Tal decisión deixaría ó pobo palestino desamparado e sen representación algunha ante Israel.
Cabe recordar que Palestina xa solicitara o recoñecemento da ONU como estado propio a finais do 2011, aínda que naquela votación non conseguira a maioría de 9 estados sobre os 15 do Consello de Seguridade necesaria para tal recoñecemento. Desta volta a aplicación como estado non membro non foi dirixida ó Consello de Seguridade senón á Asemblea Xeral da ONU e polo tanto, como era de esperar, Palestina adquiriu tal recoñecemento.
Pero non só tiña interese Israel no conflito nese momento concreto. Organizacións como Hamas sacan beneficio tamén. Declarándose claves na defensa de Palestina conseguen manterse no poder. Manter á poboación reprimida, á vez que usan esta mesma poboación como escudo humano ante os ataques israelís. Esta é a principal razón que me fai crer na necesidade dun estado palestino con poderes e recoñecido internacionalmente. Palestina sen un estado non pode facerlle fronte á violencia interna nin á externa. É dicir, non pode defender ós palestinos de ataques israelís nin os pode defender das organizacións terroristas que se atopan no propio estado. E cabe dicir que son estas as organizacións que están en loita con Israel, non o estado palestino. Hamas, aínda que estea no goberno dalgúns territorios, non pode ser considerado como un poder lexítimo, xa que chegou ó mando nunhas eleccións que careceron de respecto polos máis elementais principios democráticos. Polo tanto, se vemos o conflito desde esta perspectiva observamos que Israel, para “defenderse” de ataques por parte dalgúns grupos armados, está atacando a toda a poboación. A gran prexudicada neste conflito é a poboación palestina e en gran parte os nenos. Aquí cabe de novo denunciar o estado de Israel, xa que non ofrece ningunha protección ós civís que sofren o conflito. De feito, o estado de Israel non ten ratificado o Protocolo I da Convención de Xenebra relativo á protección das vítimas en conflitos armados. Outros dos países que non ten ratificado este protocolo é EEUU, gran aliado de Israel, que nos días da operación “Pilar de Defensa”, apoiou a Israel e ó seu “dereito á autodefensa”.
Como empezaba dicindo hai un anaco, a gran prexudicada neste conflito é a poboación civil. De feito, dende que o mércores 14 de novembro ata o alto o fogo as vítimas alcanzan as 166 por Palestina e 6 por parte de Israel. Cabe dicir que máis de un terzo das vítimas palestinas foron civís. Por certo, máis de 23 destas vidas pertencían a nenos, os cales a única culpa que tiveron é a mala sorte de nacer nunha zona en conflito (das moitas que hai no mundo) como esta.
A operación finalizou o 21 de novembro de 2012. Coa mediación de Exipto e EEUU, Israel e Hamas chegaron a un acordo de alto o fogo. As condicións: cese de violencia por ámbolas dúas partes e apertura das fronteiras e libre tráfico de bens e persoas.
Os resultados do alto ó fogo non son moi claros. Durante algunhas horas máis a tensión continuou, e realizáronse algúns ataques, agora xa cesados. Pero realmente produciuse algún cambio? Israel continúa establecendo colonias en territorios de Cisxordania, entre outro tipo de ataques ó pobo palestino. De feito, o pasado mes de decembro anunciouse o plan para a construción dunha gran colonia Israelí de 3000 vivendas na zona E-1. Para algúns, este plan acaba coa solución dos dous estados, xa que practicamente partiría Cisxordania á metade e a continuidade territorial dunha futura Palestina quedaría esnaquizada.
Para rematar xa, sei que este artigo non entra en todos os puntos que atinxen ó conflito Palestina-Israel, pois ocuparía bastante máis espazo que estas poucas liñas. A pesares disto, atrévome a pedir, ou canto menos sacar en claro un par de puntos. Primeiro, debe cesar a violencia por parte de ámbolos dous bandos. A resolución debe levarse a cabo por vías pacíficas coa colaboración da ONU. O segundo é o cumprimento das resolucións da ONU (181,242 e 338 entre outras) que outorgan ó pobo palestino o dereito a crear un estado propio. Xunto con isto, Israel debe cesar coa súa política de colonias, ocupación e bloqueo dos territorios palestinos, permitindo ós refuxiados volver ó seus lugares de procedencia. Sen cumprir os dereitos humanos máis básicos, ningún estado pode ser considerado “lexítimo”.