Paciencia no Dépor, cousa distinta
Quizais no Deportivo non era necesario un cambio de adestrador, pero si un cambio de rumbo e Oltra non parecía capacitado para poder dalo. O equipo cascarilleiro era o pechacancelas e a situación non parecía mudar a medida que avanzaban as xornadas. Lendoiro, nunha estraña manobra na véspera de fin de ano optou por mudar de capitán no banco de Riazor e destituíu a un adestrador por terceira vez nos 25 anos que leva presidindo a entidade coruñesa.
Moitos foron os cambios apreciables nos dous primeiros partidos. Non na aliñación, xa que a única variación notable comparada cos últimos partidos de José Luis Oltra foi o troco de Valerón por André Santos. André é un medio centro que ata o de agora estaba a xogar bastante pouco. Xogara tan só 90 minutos repartidos en seis partidos xa que Oltra tan só decidira darlle cabida no equipo nalgunha substitución desesperada ou para perder tempo. Algo tiña que ter cando o rapaz seguía sendo convocado pola selección portuguesa Sub21.
Pola contra Valerón estaba a xogalo todo ou case todo. Difícil de crer tras pasar graves lesións e posiblemente estar a resistir os seus últimos partidos coma aquel neno que trata de coidar as últimas lambetadas da bolsa.
Ese troco na aliñación titular provocou unha maior e máis intensa defensa no cadro coruñés. A oportunidade de presionar a saída da bóla do equipo rival é máis latente xa que o físico de Valerón servía para que deixase grandes momentos de calidade pero non para defender xa desde o ataque.
Por outra banda, aínda que o esquema utilizado está a ser practicamente o mesmo, a implicación dos xogadores en defensa está a ser distinta. Domingos Paciencia pídelle aos xogadores de ataque que axuden máis en labores defensivas, o que provoca que a defensa estea máis liberada e acompañada nas coberturas. Faise moito máis notable sobre todo as axudas ofrecidas por Pizzi e Bruno Gama nas bandas.
No ataque tamén mudou a forma de xogo, Oltra era partidario de facer unha especie de “jogo bonito” onde premiaba o fútbol combinativo para intentar chegar á portería contraria. Isto tamén provocaba maior debilidade na defensa ao estar tan envorcados no ataque. Paciencia busca máis atacar desde a defensa, ao contraataque ou buscar a portería de forma máis directa, sen tanta combinación e pase antes de tirar á porta.
Fóra do campo son moitos os cambios que se observan nestas tres semanas que xa leva Domingos na Coruña. Paciencia dá a sensación de maior interinidade, que veu a Galicia para facer un traballo sucio que é salvar o Deportivo e despois marchar. Ten menos presenza na prensa que Oltra, ou o que é o mesmo, airéanse menos os problemas internos, que son amañados portas adentro.
Logo tamén houbo un cambio brusco nos adestramentos, a maioría das veces son pola tarde, combinando en moitas ocasións dobre xornada, ademais dunha maior duración deles e menos días de descanso.
Son pouco visibles os cambios que se observan no Dépor, aínda que quizais de momento sexa cedo para contalos. Polo ben do fútbol galego esperemos que cheguen a bo porto.