Os problemas de Casillas
Seguramente poucos dubiden na actualidade en colocar a figura de Iker Casillas entre a dos mellores porteiros españois da historia. O mostoleño ten xa gardado un lugar para o recordo xunto a outros ilustres como Ramallets, Iríbar ou Arconada. E é que os éxitos de Iker Casillas desde que debutara co Real Madrid aló polo ano 2000 son incuestionables. 5 Ligas, unha Champions League e unha Copa do Rei co club branco ademais de 2 Eurocopas e 1 Mundial coa selección española son algúns dos títulos que comportan o seu palmarés, sendo peza clave en todos eles cun labor sensacional ó longo destes 12 anos.
Nunca ata o momento actual se puxera en dúbida a titularidade de Casillas no Real Madrid e cáseque tampouco na selección española. É que agás un breve período de tempo no ano 2002 onde Vicente del Bosque confiou en César Sánchez para a meta do Real Madrid, Iker Casillas foi o intocable con todo merecemento na casa branca. Gañouno día a día, comezando nese 2002 no que entrando como suplente na final da Champions League salvaba ós seus nos últimos minutos con soberbias paradas ante os remates de Berbatov, Bastürk e o porteiro Bütt. Outras paradas antolóxicas sucederían a esas, desde a de Fernando Torres no derbi de 2005 ata o vital pé ante Robben no Mundial 2010 pasando polas paradas a Pirlo na Eurocopa 2008 ou a bestial parada a Perotti no Pizjuán, as que pouco a pouco farían de Casillas un dos principais ídolos en toda España.
Pero non todo dura toda a vida. Xa Raúl o sufrira e ós 31 anos Casillas vía como pouco antes do Nadal e 10 anos despois (sen contar a Copa do Rei) se quedaba no banco dos suplentes por decisión técnica. Mourinho, o adestrador portugués do Real Madrid, deixábao fóra do once titular. Por que? (como diría o devandito adestrador). Os motivos son varios e diversos, pero imos empezar polos máis obvios para quen siga a maioría dos partidos do Real Madrid e non se deixe cegar polo fanatismo. O actual Casillas non é nin a sombra do gran Iker de hai non tantos anos. Desde despois do Mundial 2010 vense amosando irregular no seu rendemento, combinando grandes partidos grazas ós seus reflexos, rapidez e calidade, con erros derivados case sempre de malas saídas ou defectuosos controis cos pés. Pero ata este ano nunca foi preocupante. Todos os xogadores teñen momentos mellores ou peores e non lle podíamos pedir ó gran Iker que estivese sempre ó seu máximo nivel. Xa a pasada tempada, a 2011/2012, Casillas comezou a amosarse máis irregualar no último tramo de Liga, pero a boa bagaxe do Real Madrid e unha Eurocopa na que solventou con creces o pouco traballo que tivo facían que a figura de Casillas en ningún momento fose cuestionada. Exemplos do que digo na Eurocopa son esta parada ó remate de Rakitic ou o penalti na tanda a Moutinho.
Polo tanto, podemos confirmar que problemas de Casillas veñen na actual tempada. Unha sucesión de erros máis ou menos grandes como nos goles recibidos en Europa contra o Ajax, Borussia Dortmund ou o Manchester City xunto cos irregulares partidos de Liga ante Getafe, Betis ou Espanyol, ademais do partido da Supercopa ante o Barcelona deixan a Casillas no ollo do furacán das críticas, un lugar descoñecido para el. Ou así debería ser nos medios serios se tratasen a tódolos xogadores por igual. E é que Casillas está na súa peor tempada do último lustro, como evidencian os datos.
Vemos como Casillas está máis inseguro esta tempada e xa un pouco máis arriba falei dalgúns dos seus erros. Pero como isto non é medible imos cos datos: Casillas para esta tempada tan só un 65% dos tiros a meta. Isto é unha cifra considerablemente inferior ós seus últimos anos onde o número de disparos recibidos en porcentaxe é similar ou pouco maior. Que porcentualmente o “mellor gardarredes do mundo” baixase 10 puntos en paradas por remate realizado é significativo cando xa consumimos a metade da liga.
E estoutra imaxe ilústranos como está a ser a tempada de Casillas en referencia ó resto de porteiros da Liga BBVA. É o 3º peor no ratio de paradas por lanzamentos realizados (hai unha errata na gráfica e coloca a Víctor Valdés por debaixo cando como vemos ten mellor porcentaxe que Casillas), e sitúase moi lonxe do mellor nesta clasificación, o malaguista Willy Caballero. Ó mesmo tempo os defensores de Casillas poderían dicir que estou dando datos sesgados xa que Casillas é o segundo porteiro que menos goles encaixa por partido xogado. Iso é certo… ó igual que é certo que é o porteiro que menos paradas realiza na liga BBVA por encontro. 14 goles encaixados e 26 paradas leva en 16 partidos xogados.
E se imos ós últimos 6 partidos vemos unha das claves de por que Mourinho sentou a Iker. Nos últimos 6 partidos que disputou de liga Casillas recibiu 13 disparos a porta e 6 deles acabaron no fondo das redes. Estes partidos coincidiron ademais cunha serie de derrotas no conxunto branco. Con isto non quero dicir que Casillas sexa o único culpable do mal estado do Real Madrid esta tempada, xa que o nivel de xente como Di María, Arbeloa (o único xogador do plantel sen suplente que lle dispute o posto, por moi incrible que pareza) ou incluso Xabi Alonso dista moito de ser o mellor que poden dar. Se a iso lle unimos uns irregulares Benzema e Özil, un desaparecido Kaká ou as lesións de Marcelo e Higuaín dan como resultado unha liga case sentenciada a falta de 21 xornadas para o final. Pero o porteiro madridista ten algo de culpa coma todos. Ós 31 anos segue cos mesmos erros que tiña con 25, o que evidencia que non mellorou nada neses anos, cousa que a maioría de gardametas conseguen, pois é dito habitual que os porteiros adquiren o seu mellor nivel a partir dos 30 anos . Pero Casillas parece que non, segue cos seus habituais problemas cando ten o balón nos pés e as saídas nos balóns aéreos son suicidas como as carreiras dos ratos diante dos gatos. Sabes que non van acabar ben. El mesmo di que non lle gusta o ximnasio e houbo pactos desde que el é capitán do Real Madrid para abolir algunha que outra concentración prevista. Está claro que non é un delicto que non che guste adestrar, e máis cando tes unha calidade inmensa e uns reflexos felinos, pero hai algún momento no que todo pesa, e pode que a San Iker lle chegue o momento de sentarse no banco ou deixar o Real Madrid. Veremos.
Con isto quero dicir que podo entender parte das críticas a Mourinho tanto pola súa actitude como polo rendemento do equipo esta campaña, pero non podo entender os ataques que o adestrador luso sufriu por gran parte da prensa escrita, televisións e radios nos últimos días por unha decisión que el dixo que ten un carácter exclusivamente técnico e que eu comparto amplamente. E para iso poño un exemplo: acábovos de dar datos de que Casillas está na súa peor tempada no Real Madrid e ten dos peores datos entre os porteiros da Liga. Se eu podo posuír esas estatísticas, non poderán Silvino Louro, o adestrador de porteiros merengue, e José Mourinho posuír unhas estatísticas moito máis extensas que evidencien algún tipo de problema? Está claro que sentar a Casillas é sentar ó capitán do barco e a un peso pesado do vestiario, pero o realizado é un toque de atención como o que o propio Mourinho lle deu a Vítor Baía no Oporto hai uns anos e un empuxón a un Antonio Adán, ó que lle deron a alternativa porque confían nel e porque buscan dese xeito recuperar a Casillas.
Pero a problemática fundamental deste caso, como adiantei con anterioridade, vén de atrás e nel teñen un papel fundamental os medios da capital (Marca e As) e programas televisivos como Futboleros ou Punto Pelota, os cales ata hai un mes rogaban polo Balón de Ouro para Casillas como se implorasen pola paz mundial. Con comentarios como un “recoñecemento á súa historia” demostraban que pouca idea tiñan do premio en si, o que premia ó mellor xogador do mundo nun ano natural e a min paréceme bastante lóxico que nin se nomee a Casillas entre os candidatos xa que estamos ante a peor ou unha das súas peores tempadas. Pero vaia, ata aí é “entendible”. Na sociedade actual medios como Marca ou As non van pedir o Balón de Ouro para Iniesta ou Xavi xa que non sería un acto de “españolismo puro”. Aínda así o peor nos medios sucedeu desde que ante o Málaga Mourinho deixara a Casillas no banco dos suplentes. Desde ese día a promoción do duelo entre madridistas “Mourinhistas” contra “Casillistas” adquiriu tintes lamentables. O apoio da prensa ó porteiro español decantou a balanza hacia un dos lados. Dese xeito tan claro nos minte a prensa deportiva deste país. Está claro que desde Compostimes non o imos arreglar, así que só deixo este pequeno gran de area para que os afeccionados ó deporte poidan reflexionar e darlle unha volta a todo o que lemos nos diarios “especializados” no deporte.
Por último quería facer unha pequena reflexión persoal sobre o asunto. O fútbol guíase pola actualidade e non pola historia, e agora mesmo Iker Casillas non está para ser un titular por decreto en todo un Real Madrid por moito que lles doia a moitos. E neste caso debemos agradecer a Mourinho que non teña vacas sagradas no vestiario. Raúl, Guti e Míchel Salgado gozaron de moito poder, máis que adestradores e directivos, e o resultado non foi o mellor neses anos. Con isto non digo que non lle volvería dar unha oportunidade a Casillas. Si que o faría nesta tempada, pero todo ten data de caducidade. Se o nivel de Casillas non é o mellor, Real Madrid, avisádeme. Logo acabarei a carreira e estarei no paro, así que se necesitades un ojeador, aquí estou, buscádeme por Compostimes. Polo pronto, só por se Iker non se recupera deixo por aquí algún nome que dará que falar no futuro se non fala xa como Marc-André Ter Stegen (Borussia Möenchengladbach) ou o xa coñecido Hugo Lloris (Tottenham).
Fotos: www.nosolodeportes.net e www.ligafutbol.com
Gráficas: elaboración propia a partir das gráficas orixinais feitas polo medio 20minutos.es