Oda en prosa ó táper
Naceu no 1948 co pintoresco nome de “tazón marabilla”. Chegou á España cañí co nome de “tartera” e á Galicia das Normas Ortográficas e Morfolóxicas como “friameira”, pero hoxendía case ninguén o coñece así. Cada día, o vello químico Earl Silas Tupper é convocado a xeito de ouija polos centos de millóns de persoas que conservan e transportan os seus alimentos no mellor recipiente xamais inventado: o táper.
Chegou o momento de lanzar un breve pero intenso berro de reivindicación do táper, relegado a un segundo plano nas listas de inventos que cambiaron a humanidade (unha caixa hermética de plástico non ten tanto glamour coma o sónar ou o láser). Posiblemente esteamos a falar do mellor método de redistribución da riqueza alimentaria que existe dentro do seo do primeiro mundo. As nais, pais e demais persoas con querencia á cociña pagan un imposto revolucionario, vía táper, ós fillos, cónxuxes ou colegas con menos habilidades para os fogóns. Ábrese así o camiño cara a un mundo alimentariamente máis xusto e equitativo, sen diferencias por idade, sexo ou habilidades culinarias.
A clase social desfavorecida máis auxiliada polo táper é, a bo seguro, a dos estudantes. Cada domingo, os trens, coches e autobuses que sucan o noso país elaboran unha complexa tea de araña. Unha rede viaria dominical con infinitas orixes, poucos puntos de destino (as cidades universitarias) e un único obxectivo: transportar toneladas de tápers, con cadanseu estudante adxunto, dun punto a outro da xeografía galega. Contan as lendas que un esquío podería cruzar Galicia dende Ferrol ata O Barco de Valdeorras sen pisa-lo chan, chimpando de táper en táper.
As neveiras estudantís rompen coa monotonía de latas de cervexa, leite e iogures que as caracteriza e convírtense cada domingo nunha sinfonía de cores: verde, vermello, azul, tantos como ideou a creatividade cromática do señor Tupper. Os estudantes, afectados por un pertinaz desarraigo, enchen os seus frigoríficos de anacos do lar familiar. Nas mañás de resaca, nas noites de vagancia, nas interminables épocas de exames, temos a serenidade do noso fogar a exactamente tres minutos e un “ching” do microondas de distancia.
Nos tempos de obesidade que ameazan a saúde física, mental e sexual do noso país, o táper cobra un papel fundamental na rexeneración nacional. As tentacións axexan: McDonalds, pizza conxelada, restaurante chinés a domicilio, mange du kebab, as infames creacións de Cociña de mercado dos carballeses de Calvo. O táper convírtese así na encarnación da virtude, a tradición, a rectitude. Só despois de comer (táper mediante) os callos, os garavanzos con bacallau ou as sobras do cocido que nos manda mamá podemos berrar con Gadis vivamos como galegos e avanzar un pouco máis pola senda dos nosos devanceiros. O imperialismo culinario de tódalas cores treme cada vez que ve un estudante abrir unha friameira.
Quería pedirvos unha cousa dende este humilde recuncho que Compostimes me concede. Que cada vez que a vosa casa de estudantes se vexa invadida por ese delicioso cheiro a comida da casa, vos acordedes de Earl Silas Tupper. A man que nos dá de comer ben merece unha medalla Castelao.