O soño de Calgary
Din que a historia sempre a escriben os vencedores. Deste xeito, o imaxinario deportivo componse de lendas e xestas de todo tipo, pero sobre todo de vitorias, remontadas históricas e dominios incontestables durante grandes períodos de tempo. Porén, sempre hai oco para ese equipo que tan bo fútbol practicaba ou para esa carreira tan espectacular que acabou lastrada polas lesións. En resumo, o deporte sempre deixa lugar para esas xestas deportivas tan pequenas, pero que ó mesmo tempo poden chegar a ser tan grandes.
As mellores ideas aparecen nos momentos menos esperados. Corría o ano 1987 e, en Kingston, dous homes de negocios norteamericanos tomaban unha copa de ron durante unha reunión de empresa. George Fitch e William Maloney estaban presentes nun típico brainstorming norteamericano e alí, tiveron unha idea absurda, pero que ó mesmo tempo acabou sendo xenial. No medio da súa charla, contemplaron unha competición de Pushcart derby, un dos deportes típicos de Xamaica, e que consiste nunha carreira onde os participantes empuxan os seus propios carros fabricados por eles mesmos. Os norteamericanos, no medio da súa tormenta de ideas, imaxináronse a aqueles rapaces empurrando un carro de bobsleigh. Unha idea tan absurda, xa que Xamaica nunca tivo tradición en deportes de inverno, como xenial, xa que un ano despois ese equipo soñado por George Fitch e William Maloney acabaría disputando uns Xogos Olímpicos.
Os primeiros pasos de calquera proxecto son complicados, e os do soño de que un país caribeño participase por primeira vez nos Xogos de Inverno, non o ían a ser menos. Fitch e Maloney correron a voz por Kingston de que convocaban unhas probas de selección para un equipo que competiría en Calgary, Canadá. A pesar do exótico do anuncio, moita xente acudiu a analizar a proposta dos norteamericanos. Na reunión puxeron un vídeo explicativo sobre o bobsleigh, un deporte tan espectacular como perigoso, e por este motivo a maioría dos curiosos xa marcharan da sala antes de que finalizara o documento gráfico. Tralo fracaso na rúa, os empresarios norteamericanos recorreron ó exército, onde atoparon ós intrépidos que emprenderían a aventura de practicar bobsleigh nun país onde en inverno a temperatura media alcanza os 25º. O tenente Devon Harris, o capitán Dudley Stokes, o soldado Michael White e o enxeñeiro Samuel Cleyton foron os elixidos para representar ó seu país.
Co equipo feito, comezaron os adestramentos, cargados de dificultades polas condicións climáticas. O equipo foi progresando da man do seleccionador norteamericano Howard Siler, e logrou o obxectivo final: clasificarse para os xogos de inverno nas disciplinas de bobsleigh a dous e a catro. Unha vez lograda a clasificación aínda quedaba moito por andar, xa que había que financiar o equipo. Seguindo o exemplo de calquera instituto da zona, o equipo olímpico financiou a súa participación coa venda de gorras, camisetas, chaveiros e diversos artigos. Por sorte, pronto colleron popularidade no seu país e conseguiron os cartos necesarios para viaxar a Canadá co equipamento necesario para unha participación que foi absolutamente histórica.
Cando os xamaicanos chegaron a Calgary, a súa fazaña xa era coñecida, e coparon as portadas de xornais e telexornais en medio mundo. Todo isto os converteu dende o primeiro momento nunha das atraccións dos xogos olímpicos e, sen dúbida, nos favoritos do público, fascinado polo exótico de ver un país como Xamaica nunha das competicións invernais por excelencia. Os xamaicanos destaparon paixóns en Canadá dentro do pista e fóra dela, nunha experiencia que para os catro membros do exército foi tan única como irrepetible.
Pierre de Coubertin, fundador dos Xogos Olímpicos modernos, sempre afirmou “que o importante non é gañar, senón competir” e baixo ese lema iniciou a súa competición de bobsleigh o equipo xamaicano. Tralo primeiro día, os caribeños remataron últimos, e conxuráronse para tentar mellorar a súa imaxe na baixada final do día seguinte. Para sorpresa de todos, tras unha boa saída, comezaron a facer grandes tempos e no segundo punto de cronometraxe estaban oitavos, pero nunha curva pechada perderon o control e sufriron un accidente perigoso. O público de Calgary quedou en silencio, pero os xamaicanos remataron levantándose e finalizaron o percorrido camiñando, mentres o público os recibía cunha tremenda ovación. Os Xogos Olímpicos sempre nos deixan imaxes para o recordo, e non sempre os protagonistas dos mellores filmes son heroes ós que todos lles sae ben. Recordan Barcelona 92? Derek Redmond, o favorito en 400 m, lesionouse na saída e quixo terminar aínda que fora andando. Baixo unha dor tremenda, chegou á meta mentres o público do Estadio de Montjuic o ovacionaba. E os protagonistas desta historia invernal tamén querían terminar aínda que fora andando, xa que eles simplemente querían desafiar ó xeo de Calgary. Quizais non sexan dúas imaxes desexadas, pero quizais sexan dúas das imaxes máis emocionantes da historia dos Xogos Olímpicos.
Moitos pensarían que o soño de Xamaica co bobsleigh morrería en Calgary, pero converteuse na primeira pedra na historia do deporte de inverno xamaicano que dende entón sempre acudiu ós xogos, coa excepción das edicións de Turín e de Vancouver. Os “reggae boys” (así coñecidos dende Canadá) foron mellorando as súas habilidades, e pouco a pouco conseguiron resultados importantes, como quedar por diante de potencias como Estados Unidos ou a URSS no ano 1994 en Lillehammer. Pero sen dúbida, o círculo pechouse en 2001, xa que os xamaicanos se converteron en campións do mundo na cidade de Mónaco. Quen nos ía a dicir, que en trece anos, o equipo ía a aparecer da nada para converterse nos mellores do mundo. Cada vez está máis claro que entre crer e crear simplemente hai un letra de diferenza.
A historia xamaicana serviu para encher moitas portadas na súa época e tamén inspirou a Disney para facer “Cool Runnings” (Elixidos para o triunfo). A película partía da historia orixinal, pero non acaba de ser unha obra demasiado recomendable. Neste caso, a realidade superou a ficción con creces. Nos xogos de inverno houbo máis casos exóticos de participantes, como dous esquiadores filipinos participando no ano 1972, ou un esquiador costarriqueño que logrou clasificarse en 1980. Outras nacións tan exóticas como Trinidad e Tobago ou Samoa lograron participar en bobsleigh. O deporte e os deportistas sempre traspasan as fronteiras e superan as condicións adversas.
A historia do bobsleigh xamaicano quedou un pouco á marxe na década actual, pero sigue sendo unha desas historias que nos recordan que todo é posible. Quen lle ía a dicir ós dous empresarios norteamericanos, que cando pronunciaron a frase: “por que non?” estaban xerando unha historia digna de contar practicamente tódolos días, e que aínda se recorda polas rúas de moitos barrios da illa. O que está claro, é que un pequeno xesto ou unha pequena idea pode cambiar moitas cousas. De feito, os pequenos xestos son os que acostuman a mudar a historia.