O perfil: Arpad Šterbik
27 de xaneiro de 2013. O Palau Sant Jordi vístese de gala para recibir o acontecemento máis importante da historia do balonmán español, unha final na casa. Oito anos despois de que España reinara no mundo en Tunisia, aparece outra oportunidade no mellor escenario posible. En fronte, a todopoderosa Dinamarca, a actual dominadora en Europa e o equipo favorito durante o torneo. España sae a por todas dende o primeiro minuto e completa un partido incrible, especialmente en defensa, onde o 6-0 español funciona á perfección e pode co brazo da primeira liña danesa. Detrás dese 6-0, un home de dous metros remata por baixar a persiana da portería, e axuda a sentenciar o maior logro da historia do balonmán español. Ó mesmo tempo, Arpad Šterbik cumpre o soño de ser campión do mundo tras unha carreira cargada de éxitos, pero tamén de loita. Unha loita que non se limita á cancha, senón tamén ó seu seo interno.

Foto: Europa Press
Arpad Šterbik naceu en Senta, unha localidade serbia ocupada nese tempo por Hungría. Polo tanto, antes de que tivera uso da razón xa tiña unha dupla nacionalidade. Os anos pasaron e pronto deuse conta de que tiña as condicións físicas perfectas para adicarse a un deporte como o balonmán. Dous metros de altura, combinados cunha elasticidade envexable, eran suficientes motivos para que Arpad puidera chegar lonxe na constelación de estrelas dese deporte que en Serbia gusta tanto. Tras un par de éxitos en categorías inferiores coa súa selección (un campionato de Europa júnior e un campionato do mundo universitario) fichou polo RK Jugovic do seu país de orixe.
En Serbia simplemente xogou un ano, xa que as súas actuacións chamaron a atención do Veszprém húngaro, un dos equipos con máis nome do balonmán europeo. Alí estaría tres anos dominando a liga húngara, mentres lograba algúns éxitos coa súa selección. Serbia sumaría dúas medallas de bronce en mundiais de forma consecutiva, no 99 e no 2001, pero despois diso a relación de Arpad coa súa selección foise deteriorando. Se no seu país natal deuse a coñecer, foi en Hungría onde se fixo un nome no balonmán internacional. Tanto, que o BM Ciudad Real, un dos equipos máis potentes de España e Europa, tanto a nivel deportivo como económico, o reclamou no ano 2004. Evidentemente, a economía española vivía mellores tempos.
A chegada a España supuxo un cambio total para Šterbik. Outra cultura, outro idioma, outros xogadores e incluso outra forma de vida. A adaptación para moitos é difícil, pero poucos entenderon a filosofía do balonmán hispano con tanta rapidez como Arpad, e tamén poucos a disfrutaron tanto. En Ciudad Real todo foron éxitos, títulos e boas novas. Como contrapunto, as cousas coa súa selección seguían sen marchar ben, ata que en 2006, tras un incidente co seleccionador Vujović, decidiu renunciar a ela. Foi un asunto turbio e que Šterbik nunca quixo recoñecer abertamente. Ó parecer, o seu adestrador esixiu ós seus pupilos perder un partido con Croacia. Šterbik non o aceptou e decidiu baixarse do barco, porque ante todo os dous metros de Arpad están cargados de ambición.
Šterbik converteuse probablemente no mellor porteiro do mundo nos seus anos no Ciudad Real. A retirada de David Barrufet facía que simplemente Thierry Omeyer lle puidera discutir esa distinción. Era moi estraño que un porteiro de tal calidade non disputara competicións internacionais. Šterbik tiña varias opcións, e entre elas estaba nacionalizarse español e disfrutar coa selección dese país onde se sentía tan querido. As outras opcións, volver con Serbia ou probar con Hungría, quedaron descartadas.

Foto: Marca
“Cambiar de club non é como cambiar de país. A partir de agora tratarei de sentirme español”. Con esas palabras Šterbik xurou a constitución española en 2008, e en 2009 foi chamado ás armas por Valero Rivera para os partidos de clasificación do Europeo de Suíza. Daquela, xa se cumpriran os tres anos regulamentarios para poder defender ás cores doutra bandeira. Nese Europeo non houbo demasiada sorte, e España non fixo un gran papel. Un ano despois, no Mundial, Šterbik tivo que conformarse con gañar outra vez a final de consolación.
En 2012 tocaba regresar a Serbia para disputar o europeo, pero unha arritmia cardíaca foi detectada no corazón do porteiro español. A operación para recuperarse desa anomalía evitou a súa presenza en Serbia, pero o xogador do Atlético de Madrid (tralo cambio de cidade e de dono do Ciudad Real) conseguiu o que desexaba, arranxar o seu problema. Šterbik pasouno mal, como el mesmo recoñeceu, pero este problema serviulle para considerar moitas cousas na súa vida. Un problema no corazón nunca foi o mesmo cunha lesión muscular. O ano pasado foi movido para Šterbik, xa que en verán sumou unha nova decepción nos xogos olímpicos con España e despois decidiu cambiar de aires e forzar a súa saída ó FC Barcelona. Alí completou unha portería soñada co seu antigo compañeiro Danijel Šarić.
Pero o destino aínda tiña preparada unha volta de rosca para Šterbik e a selección española en 2013. Non eran favoritos, pero pouco a pouco completaron un mundial inmaculado, co único borrón da derrota ante Croacia, pero que serviu ó equipo para crecer pouco a pouco. Non foi un mundial onde Sterbik destacou por enriba de todos, como o fixera por exemplo en 2005. De feito, José Manuel Sierra foi vital por diante del en cuartos de final durante moitos momentos. Pero Šterbik apareceu no momento máis importante do campionato, para baixar a persiana da portería española na final e certificar un mundial soñado por Valero Rivera e os seus pupilos. Niklas Landin foi elixido como o mellor gardameta da cita hispana, pero iso para Šterbik foi o de menos. En 2005, cando recibiu este trofeo mentres España levantaba o seu primeiro título mundial, seguro que aceptaría un troco. Desta volta, si que puido gañar unha final que non foi a de consolación. No Sant Jordi, por fin Šterbik tiña a súa desexada medalla de ouro colgada no peito tras tres países, dúas seleccións, un problema de corazón e moito traballo. O destino, que moitas veces é demasiado caprichoso.