O duelo: Totti vs. Del Piero
Se nos pomos a pensar nos mellores xogadores do final do século XX e comezo do XXI, naqueles que encabezaron o pelotón no cambio de milenio aparecerían posiblemente na nosa cabeza nomes como Zidane, Rivaldo, Ronaldo, Raúl ou Shevchenko. Pero se no canto de pensar nos mellores pensásemos naqueles xogadores como algo especial outros serían os que aparecerían no noso pensamento. Se pronunciamos as verbas “mago” e “irregular” dous sobresaen por riba do resto: Alessandro Del Piero e Francesco Totti. Calidade nas botas, destellos a contagotas.

“Pinturicchio”, “Alessandro Magno”, Del Piero
Probablemente a Del Piero e a Totti lles faltou un punto ó longo da súa carreira para ser os mellores e lles faltou algunha fazaña pola que ser eternamente recordados. A nivel europeo só Del Piero venceu nos seus inicios coa Champions League do ano 1996 nunha etapa onde aínda era a segunda espada nunha Juventus comandada por Didier Deschamps. A comezos dos 2000 Del Piero convertíase na referencia italiana, pero o Moggi-gate faría desaparecer paulatinamente a Pinturicchio dos focos mundiais ata que o ano pasado amosou que aínda non estaba morto deixando á Juventus outra vez como o mellor equipo de Italia. Agora ós seus 38 anos deixa pinceladas da súa calidade en Sydney, como os catro goles que anotou esta fin de semana ante o Wellington Phoenix.
Pola súa parte Francesco Totti sempre xogou na Roma, con todo o que isto conleva. Comandou ó equipo na consecución do título na Serie A no 2001 e iso xa é todo un logro. A Roma nunca estivo no primeiro chanzo mundial e a pesar de que leve máis de 15 anos sendo a referencia do equipo, todo isto provoca que pouco se fale del a nivel europeo. O seu ano 2007 reconvertido a dianteiro onde gañou a Bota de Ouro foi a última gran “reseña” dun Totti que nunca foi máis por ser fiel ó club dos seus amores.

“El Emperador”, “Il Capitano, Francesco Totti
Aínda así estas dúas estrelas ían ter un recoñecemento conxunto no Mundial 2006, onde os dous loitaban na selección italiana por un posto por detrás dun inmenso naquel ano Luca Toni. Este foi o gran éxito das súas carreiras, marcadas pola pouca presenza europea dos seus equipos e a súa irregularidade no xogo, sendo capaces de reunir momentos espectaculares xunto con outros nos que os dous se evaporaban durante partidos sen que ninguén soubese se estaban no campo ou no bar do estadio. Aínda así o certo é que foron do mellor que pasou por Italia e Europa nos últimos 20 anos. Sempre lle faltou algo para estar no top-5 mundial, á vez que foron sempiternos xogadores no top-20. Dous xogadores particulares e coincidentes no tempo. É moi difícil pronunciarse a favor dun ou outro. Del Piero guiou durante anos á Juventus con goles vitais levándoa a vencer en Italia, Europa e a recuperar o trono tralo descenso administrativo a segunda. Totti mantivo co seu talento á Roma na segunda liña europea e na elite italiana pouco máis que só na maioría de tempadas.
Os dous teñen puntos a favor que os igualan, así que a mellor forma de dicir quen foi o mellor é estudalos en profundidade. Desde Compostimes atrevémonos a darlle notas. Estades de acordo? Aquí vai o veredicto cun pequeno vídeo de regalo. Talentino vs. Pinturicchio. O rapaz do dedo na boca contra o rapaz coa lingua fóra.