Nostradamus do Deporte 2013
Os redactores de deportes de Compostimes vimos que tal día como hoxe era o día 13 do ano 13. Como este é un número habitual da mala sorte, decidímonos a prognosticar sobre quen serán os mellores e peores deportistas deste 2013. A cantos gafaremos? Cantos farán a súa mellor tempada simplemente por levarnos a contraria? Imos xa cos prognósticos! Credes igual ca nós?
Gonzalo Da Cunha
A sensación: Michu
Chámase Miguel Pérez Cuesta e é asturiano. Hai poucos anos, ninguén o coñecía pero hoxe en día lidera a clasificación de goleadores da Premier League e comanda o modesto Swansea, o equipo galés de dita competición. A tempada é longa pero Michu pode seguir aumentando o seu nivel e completar un ano fantástico onde auguro que pode lograr incluso algún título co Swansea xa que de feito a Capitol One está relativamente preto tralo resultado na ida de semifinales ante o Chelsea. Ademais, creo que o asturiano acabará xogando con España na Copa Confederacións, onde posiblemente a selección de Vicente del Bosque se alce coa vitoria. Por último, e por esas datas, que ninguén descarte un traspaso dende o Swansea ata algún dos grandes equipos da Premier League.
A decepción: Rafa Nadal
Moitos afeccionados ó deporte esperan a volta ó máis alto nivel do tenista balear tras un final de ano onde non puido participar nos torneos de final de ano. As lesións están lastrando unha carreira profesional que tiña uns comezos de lenda. Na tempada actual, creo que a Rafa Nadal vaille custar voltar a coller o ritmo de competición e para cando o faga será quizais demasiado tarde para poder sumar un título de Grand Slam neste novo ano. Recuperar o número un creo que tamén será unha utopía nesta tempada tenística que acaba de comezar.
Alberto Rivera
A Sensación: O Obradoiro
Este é o ano, sen dúbida. Todo está de cara para clasificarse para a Copa do Rei e se o fai aposto a que fará un papel máis que digno, pero non todo quedará aí xa que este equipo cada vez medra máis e non o deberíamos descartar para xogar os playoffs finais da ACB. Varios xogadores tiveron unha difícil adaptación e ao principio non aportaban demasiado pero co paso dos partidos xogadores coma Rafa Luz ou Salah Mejri cada vez o están a facer mellor o que levará ao Obra a acadar grandes resultados. Está claro que este ano non debe de ser a permanencia a única meta.
A decepción: Fernando Alonso
Tódolos anos desde que gañou o seu último mundial o asturiano é sempre un dos claros favoritos ao título mundial de Fórmula 1. Este ano tamén volverá a ser favorito e na miña opinión coma nos últimos mundiales volverá a sucumbir ante os Red Bull. Nada fai entrever que pode mudar algo na configuración dos coches xa que tan só se fala dunha pequena evolución nos Ferrari pero ben seguro que a do equipo austriaco non queda atrás.
José Luis Neira
A Sensación: AC Fiorentina
Coa recente fichaxe do dianteiro ex-Villareal Giuseppe Rossi o equipo de Florencia pasa a ter un equipo temible de tres cuartos cara adiante con xogadores coma Rossi, Valero ou Jovetic. Ademais o estilo ofensivo e de bo fútbol que está ofrecer dende que Vicenzo Montella se fixera adestrador dos viola parece que o converten no único candidato a disputarlle o Calcio a Juventus que está a facer un gran ano pero está sendo menos sólido que a temporada anterior. É un equipo a ter moi en conta o ano que ven nas competicións europeas, especialmente se logra a clasificación para a Champions League.
A decepción: Chelsea F.C.
O equipo da zona rica de Londres entrou nunha espiral perigosa, a pesar de lograr dous títulos na temporada anterior, neste caso a Champions e a F.A Cup Roberto Di Matteo foi destituído a comezo da temporada polos malos resultados. O seu substituto Rafa Benítez non consegue dar coa tecla para sacar o máximo rendemento dun plantel con grandes xogadores como Mata, Óscar ou Hazard, os dous últimos fixaches estrelas do equipo no pasado verán. A falta dun mediocentro creativo e a máis que posible saída de Ashley Cole unida a non renovación de Lampard esixen unha renovación importante do equipo que non parece que vaia a chegar. Outro problema pode atoparse no vestiario que xa se amosou en rebeldía o ano pasado contra Villas-Boas. A pesar da chegada de Ba a dianteira do equipo da capital inglesa está moi lonxe do que debería ser tralas enormes inversións de Abramovich. O final de temporada do equipo ten todos os ingredientes para ser un catástrofe e esixe un importante cambio no verán para poder recuperar o nivel que se lle presupón o actual campión de Europa e un dos clubs que máis diñeiro gastou na última década.
Andrea Oca
A sensación: Ryan Lochte
O nadador estadounidense afronta unha nova tempada sen o seu compatriota Michael Phelps que, tras 22 medallas olímpicas, decidiu abandonar a alta competición. A natación estadounidense ten as súas esperanzas postas en Lochte que en Londres conseguiu ser primeiro a nivel individual nos 400 m estilos, segundo nos 200 m estilos e terceiro nos 200 m espalda. No campionato mundial de piscina corta celebrado en Estambul en decembro conseguiu cinco medallas individuais, atrevéndose a facerlle fronte ao sucesor natural de Phelps nas probas de mariposa, Chad le Clos. Por outra parte, será o encargado de manter a hexemonía estadounidense nas probas por equipos e todo apunta a que non haberá lugar para a decepción. Toca esperar ao campionato do mundo que se celebrará este verán en Barcelona, se a alguén lle apetece ver aos mellores nadadores do panorama actual en vivo só ten que achegarse á Cidade Condal, merecerá a pena!
A decepción: Lewis Hamilton
O pasado mes de septembro sorprendíanos coa decisión do piloto de Formula 1 Lewis Hamilton. O piloto inglés deixaría Mclaren ao final da campaña para fichar por Mercedes. O seu posto pasaría ás mans do piloto mexicano de Sauber, Sergio Pérez. A marcha do inglés pode ser froito das decepcións do último campionato, no que non conseguiu meterse na loita polo primeiro postos con Alonso e Vettel, malia realizar algunhas boas actuacións. A gran pregunta é se Hamilton pode facer que o Mercedes se convirta no seu mellor aliado para volver a loitar polo campionato do mundo. De todas maneiras, vendo os malos resultados da escudería alemá, non pinta moi ben o asunto para o británico. Cabe recordar que Mercedes lle quitou a responsabilidade das malas actuacións aos seus pilotos, Schumacher e Rosberg, aludindo á pouca competividade que lles ofrecía o monoplaza. O vindeiro mes de marzo disfrutaremos de novo da Formula 1 e despexaránse todas as dúbidas.
Juan Manuel Serrano
A sensación: Marc Márquez
É o momento de demostrar a súa valía xunto ós grandes. Tras ser campión en 125cc e en Moto 2 chégalle a alternativa e aínda por riba con moto oficial. Sustituirá a Casey Stoner no equipo Repsol Honda e compartirá box con outro dos prodixios do motociclismo español, Dani Pedrosa. Ten un largo camiño ata adaptarse á moto, máis pesada e moito máis potente, pero Marc pode loitar cos “galos” da categoría e incluso colarse nos primeiros postos da clasificación xeral. De seguro que veremos o número 93 do piloto de Cervera gañando algunha carreira. O seu primeiro obxectivo: o circuito de Losail o sete de abril.
A decepción: Barcelona (baloncesto)
Xa non comezou moi ben na Liga Endesa con nove vitorias e sete derrotas. A pesar de que na Euroliga levan unha traxectoria máis que boa a un equipo da talla do que ten Xavi Pascual hai que pedirlle máis. Entrarán na Copa na última xornada e ahí verase o verdadeiro potencial, se mostra a cara na que vence ó invicto Real Madrid ou esa outra na que cae ante o Blancos de Rueda Valladolid ou Obradoiro no Palau. Para optar a todo hai que ser regulares e este Barça non o está a mostrar.
Roi Rodríguez
A sensación: Los Angeles Clippers
O veciño pobre de Los Angeles está ante a súa oportunidade de lograr o seu primeiro anel. Comandado por un Paul camiño do MVP (con permiso de LeBron) os Clippers están no seu momento máis dulce nos seus 40 anos de vida. O día que Stern e as franquicias NBA vetaron o traspaso de Paul a Lakers non sabían que estaban a crear un monstro no outro lado de Los Angeles. Crearon o equipo máis rápido e atrativo da NBA, un equipo que, machaca ó rival a base de alley-hoops primeiro e o reventa a base de triplas desde o perímetro despois. Aínda así se falamos do factor fundamental e diferencial que converte a Clippers este ano no mellor equipo da NBA ese é a defensa. Intensos desde o minuto 1 ó 48, os de Vinny Del Negro xa son un FAVORITO con maiúsculas. E Paul desde logo non está só. Con el, un Blake Griffin que cada vez aporta en máis facetas e é máis completo, un Crawford que apunta a 6º home do ano pola súa cargada metralleta día tras día e un Matt Barnes que parece o irmán bo daquel de xogaba en Lakers. O resto tamén fan o seu: Butler e Odom aportan veteranía e cada vez un maior rendemento, Bledsoe revoluciona a orquestra desde o banco, Jordan brinca, mata e defende e Willie Green, Hollins e Turiaf aportan a garra, apoio e berros necesarios en todo fondo de banquiño. Xunto a eles esperan lesionados o seu turno Hill, Billups e Thompkins. O labor dos dous primeiros será fundamental en Playoffs, pois a veteranía dos 76 anos que sumarán entre Hill e Billups será o factor que leve a Clippers a non pagar a novatada e gañar (como anunciei na previa NBA xa aló por Novembro) o anel de campións da NBA.
A decepción: Purito Rodríguez
Por moito que me doia dicilo creo que non vai ser o ano do catalán. Ademais dos seus problemas extradeportivos co Katusha que non lle van a permitir comezar a temporada como debera o ano pasado e o anterior alcanzou o seu pico máximo. A idade pesa en todo deporte que se precie e no ciclismo máis. Fracasou o ano pasado na súa tentativa de conseguir unha Gran Volta (mereceu tanto o Giro como a Volta a España) e debo anunciar que seguirá igual no 2013. Unha mágoa que un ciclista que dá tanto espectáculo, é tan amable con todos e pelexa tanto non logre aquilo que tanto ansía. Sen máis, creo cunha forte dor persoal que un dos meus ídolos ciclistas desde hai anos fracasará este ano. Por unha vez, e sen que sirva de precedente, espero equivocarme nas miñas prediccións.