Multados por defender a universidade pública
O pasado 25 de maio alumnos do Campus de Lugo da Universidade de Santiago trasladaron as súas queixas ás rúas e cortaron o tráfico en tres puntos do centro da cidade lucense. Dezasete deles foron identificados unha vez rematada a protesta. A ela, que foi en todo momento pacífica, sumáronse nais e pais, membros da comunidade universitaria, representantes políticos e demáis.
A partir de xullo, trece deles comezaron a recibir as notificación das multas, que ascendían a 200€ acusándoos de “alteración de la seguridad colectiva, así como un grave desorden en una via pública originando grandes retenciones del tráfico”. Tras unha alegación á Subdelegación de Goberno, as sancións foron rebaixadas ata os 100€ por persoa.
Organizáronse varias actividades para recadar cartos, como un concerto solidario no Clube Clavicémbalo e un magosto popular organizado pola Liga Estudantil Galega. Aínda así, non se conseguiron suficientes para sufragar as multas, polo que, trala chegada do aviso definitivo de pago das sancións que ten como data máxima o 20 de xaneiro, habilitaron un número de conta para recibir doazóns ata hoxe mesmo.
Superando tódalas expectativas, os cartos rematáronse de recadar na noite do día 15 de xaneiro, como relata a Asemblea Intercentros no seu blog. A solidariedade, nesta ocasión, estivo do lado dos defensores da universidade pública.
As identificacións da Policía (varios dos axentes non ían debidamente identificados) producíronse cando gran parte dos estudantes que participaron nos cortes marchaban cara a outro lado. No momento das identificacións os estudantes non facían máis que camiñar polas beirarrúas. Ademáis, os cortes de tráfico producíronse sen ningún tipo de incidente coa policía (que se encargou de redirixir o tráfico), nin cos conductores, nin cos veciños, que mostraron o seu apoio.