Morris: “Se hai que sufrir, que non sexa sufrir pedindo esmola”

Antonio Durán Moreiras alias “Morris”, naceu no 1959 en Vigo, moi coñecido polo seu personaxe de Antón en “Pratos Combinados”, traballou en numerosas series e películas, tanto en Galicia como a nivel estatal. O ano pasado foi galardoado cun premio a toda a súa traxectoria no Festival de Cans. Nesta entrevista que concedeu a Compostimes comezamos falando da súa experiencia como actor e rematamos falando de política, pasando pola situación actual do cine, da televisión e do teatro; entre outras cousas.

Sínteste máis cómodo traballando en series como “La Que se avecina” ou “Sin tetas no hay paraíso” ou nas producidas aquí en Galicia como “Padre Casares”?

Síntome igual de cómodo, hoxe en día eu non establezo diferenzas entre as que se fan fóra e as que se fan aquí, o que pasa é que é moito máis familiar aquí, e en calidade non teñen nada que envidiarlle ás de fóra. Quizáis o maior problema é que se fan con menos presuposto e con menos tempo, entón andamos a correr. Pero a nivel de plantexamento, calidade e persoal non establezo diferenzas.

Tamén traballaches como dobrador, que destacarías desta experiencia?

Bueno, a dobraxe é un mundo moi extraño… eu agora que o vexo desde a distancia recoñezo que é un sector onde hai xente moi distinta. Eu participei na dobraxe cando empezou aquí. Foi moi divertido, dobrei as bolas máxicas, outros debuxos e cheguei a dobrar a Woody Allen en varias películas. Hoxe costaríame moito volver a ese mundo, porque somos xente con intereses moi distintos. Ademáis teño as miñas diferencias co concepto da dobraxe. Así como defendo os obxectivos da dobraxe de series de fóra para a televisión, en cine penso que é unha contradición, a dobraxe non axuda a mellorar unha película.

De feito España é dos poucos países en que se dobran as películas…

Sí, a nivel estatal habería que reeducar ao espectador, poñer salas coa versión orixinal. Pero todo isto  faise máis grave cando falamos de Galicia, case non se rodan cousas en galego, e as poucas cousas que se fan logo as ves dobradas e non teñen a calidade que ten o orixinal.

Entre series e películas fixeches máis de cincuenta, traballaches con actores recoñecidos, con quen che gustaría traballar agora?

Bueno, gustaríame traballar con case todo o mundo. Gustaríame que me caeran personaxes atractivos, contraditorios, protagonistas, de todo tipo… O ‘’con quen’’ dame máis igual, bueno, están os grandes… pero prefiro papeis importantes. Por exemplo, un dos grandes cos que traballei ultimamente, aínda que non figure como tal, é Pico; para min é un gran gran actor. As dimensións que adquirimos os actores cando o personaxe se presta, aí é cando ves o talento dun actor, e el chega moi lonxe.

1308069087_extras_portadilla_0

Comezastes xuntos en “Pratos Combinados”. Esa serie serviuche un pouco como unha catapulta para participar noutras series, aínda que só fóse episódicamente…

Bueno, eu cando fixen “Pratos”, que xa fai moitos anos, viña do teatro e era moi coñecido en teatro, e naquel momento cine facíase moi pouco. “Pratos” fixo que eu me acomodase demasiado, estaba a gusto e non saía a facer probas, e serviume para coller experiencia fronte a cámara. Supoñía unha estabilidade nun momento en que estaba comezando todo. Logo tiven a sorte de que traballei con Ernesto, Mabel, Sergio Pazos… con todo creo que esta etapa durou máis do que debería. Pero gardo grandes recordos.

Algunha anécdota?

Pois dábame moito a risa, eu son de risa fácil, e teño pasado momentos delicados, de ter que me agochar  detrás de Miro Pereira cando gravábamos as esceas finais, que tiñamos que mirarnos o un ao outro. Despois hai outra anécdota curiosa que moita xente non sabe, e é que eu non ía facer ese personaxe (Antón); íao facer un home que era gro so, pois o personaxe, que na serie non paraba de comer,  estaba pensado para un actor gordo, grande… Eu ía facer só un episodio e non sei por que chegou o momento de comezar a rodar e o outro actor non puido, así que me chamaron dicindo que o tiña que facer eu. Cando o director de TVG viume entrar polo despacho quedáronlle os ollos a cadros, díxome: “Como imos facer?” Pois  eu son todo o contrario, pequeno… pero o personaxe orientouse máis cara o pillo que cara o gorrón.

Que se sinte cando a un lle galardoan cun premio a toda a traxectoria como é o Pedigree de Cans que recibiches o ano pasado?

Unha alegría moi grande, porque é como triunfar na casa. Eu participei na creación deste festival o primeiro ano, e sei que eles miden moito a quen llo dan. Teño outros premios por traballos concretos pero recibir un premio a toda a traxectoria preocupa un pouco, eu penso: Tan maior vou? (risas) pero indubidablemente formas parte dunha lista de nomes importantísimos: Fernando León, Mabel, Ernesto, Luis Tosar…

A todo isto, cando deixaches de ser Antonio Durán para ser “Morris”?

Realmente o de Morris vén do colexio. Eu chámome Antonio Durán Moreiras entón  de Moreiras chamábanme “Morgan”, “Capitán Morgan”, “Morris”… e na miña etapa política que militei na esquerda, na época progre, era como o meu nome de guerra. Así, ao entrar no teatro xa era Morris, e ata agora.

E falando de política, como notades a crise no voso sector?

Fatal. O teatro está morrendo, non, estano matando. No audiovisual, ou os que teñen posibilidade de dar un golpe na mesa crean unha política cultural cuns obxectivos que agora non se están cumprindo, ou morre todo. Agora non hai nin sequera un responsable a quen dirixirse. É un momento realmente complicado. Se non se fai nada todo o país vaino pagar caro: coa nosa identidade, co que conseguiramos ata agora…

Ano novo, vida nova, que lle pides a este 2013?

Para min, con que fose como o 2012 persoalmente chegaríame, estou pasando uns anos de moita actividade profesional. Pídolle que nos deixen exercer a nosa profesión, con máis ou menos presupostos, con máis ou menos recortes, pero que nos deixen exercer. Porque xa non é que quiten un pouco senón que o están quitando todo. Estano considerando como un mal menor, entón o que pido é unha saída para toda a xente do teatro e do audiovisual. Pídolle que haxa algún responsable con algo de cabeza para atopar camiños, pois o problema é que xa non hai nin xente coa que falar para buscar camiños de saída. Eu creo que é un momento moi importante para que as cousas non morran, dos procesos de crise saen cousas moi boas. Creo que ten que haber unha saída para toda a creatividade que levamos dentro e tódalas posibilidades que se foron creando. Espero que neste 2013 ocorra algo, para ben ou para mal.

Esperemos que para ben…

Esperemos, pero que sexa porque hai que lle dar unha volta a todo, porque algo se rompe e hai que dicir: señores, ata aquí chegamos, este non é o camiño.

Dise que non hai medios para levantar proxectos, pero hai un montón de xente traballando en departamentos que non teñen nada que facer; agora pecharon a rede de teatro… Pero con todo,  estou moi orgulloso do potencial artístico deste país e máis orgulloso que nunca do pais en si. É unha lectura equivocada, bueno equivocada non que a fan a propósito, cando se fala de que “isto é o que hai porque a xente é o que votou”. Non, a xente simplemente non votou. E din que toda a xente que non foi votar está de acordo e isto non é así. Ten que suceder un cambio e creo que se teñen que implicar certas persoas que ocupan unha serie de postos e teñen algo que dicir. O que pasou en Madrid coa sanidade, que dimitiron responsables de centros hospitalarios deberíase facer en tódolos sectores… Pero bueno, polo demais estou moi contento.

Claro, pero porque ti tamén o tes máis fácil que os que aínda están comezando no cine, no teatro…

Sí; eu levanto a voz por todo dios, por eles… pero si, está moi cru; tamén para vós os xornalistas… Penso que hai unha certa responsabilidade dos que supostamente parecían que eran a alternativa… a forma de pechar de El País, todo o que xa comentei antes e un montón de historias máis, fan que me pregunte: era verdade o que estabades dicindo, ou á primeira de cambio isto é unha desbandada?… Porque é a impresión que me da.