“Para o PP é fundamental eliminar a diversidade lingüística”
Carlos Callón é o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Alén diso, tamén é profesor de secundaria de lingua e literatura galega e membro de diversas asociacións e proxectos en defensa da lingua. É autor de diversos libros, a maioría deles centrados na sociolingüística.
A Mesa pola Normalización Lingüística, unha asociación que realiza diferentes actividades tanto reivindicativas coma sensibilizadoras a prol do galego, constitúe a asociación cultural máis grande de Galiza. Impulsou, ademais, a creación da plataforma unitaria Queremos Galego con máis de 700 entidades.
Poderíasnos dar a túa perspectiva persoal sobre a situación actual da lingua galega?
No filme “Scoop” o personaxe de Woody Allen, que é un ilusionista, di que non ve o vaso baleiro senón medio cheo, pero de veleno; esta frase simpática é a que define a situación do idioma galego. Desexaríamos poder ser optimistas sobre a situación mais os datos son demasiado contundentes; é a única lingua do Estado español que ten un rango de oficialidade e que está a perder falantes, non os perde o español, nin o aranés, nin o catalán, nin os perde o vasco, pero pérdeos o galego sobre todo nas zonas urbanas e entre a xente nova de forma acelerada. Os menores de vinte anos que falan galego en Ferrol, Vigo ou na Coruña son moi poucos, o que é o máis preocupante, pois as linguas vivas son as linguas que se falan. Hai aspectos positivos, de calquera xeito, procuramos ver o vaso medio cheo. Por exemplo, que haxa xente que aínda que non fale galego si que o defende, que sae ás mobilizacións na súa defensa, tamén nos amosa, aínda que sexa de forma contraditoria, que existe unha parte importante da poboación galega que aínda que non o practique si que o defende. Se houbese políticas públicas que o defendesen poderiamos ter outra situación.
A que pensas que se debe a perda de galegofalantes se o ensino en galego leva instaurado desde comezos da década dos 80?
Por unha banda, hai unha pantomima en todo isto. Aquela concursante de “Gran Hermano” resumíanos moi ben todo o que foi política lingüística estes anos sen ser consciente de que o facía. Aquilo de “tenían que dar la clase en gallego pero estaba el libro y poco más”, viña dicindo que era pura aparencia, pois en realidade ela non recibía as aulas en galego. E os prexuízos que poidan parecer de épocas pasadas, ela continua a transmitilos de forma descarnada. Mesmo iso de que ela non ligaba cun rapaz polo feito de que lle falase en galego, demóstranos que persisten prexuízos que poden parecer doutra época e que nun contexto politicamente correcto a xente pode dicir que non os ten, mais despois podemos ver que en situacións comunicativas máis informais continúan totalmente en vigor; non houbo desde os poderes públicos campañas para erradicalos e aquelas accións que se fixeron en defensa do galego moitas veces non pasaron do simbólico. Agora mesmo en educación infantil, nas cidades, no 96% dos centros non se imparte nada en galego. Desexariamos que a situación fora outra mais se alguén dubida de que os nosos datos son verdadeiros, que collan o teléfono e que chamen aos centros de educación infantil das cidades e que pregunten en que lingua dan as aulas e encontraranse coa situación. Isto é o que explica que en teoría o galego recoñécese e podemos utilizalo, mais despois, na realidade, non se crean eses espazos para que poidamos facelo .
Galegofobia quizais?
Si, sen dúbida. Cando o director xeral de Administración Local da Xunta envía cartas aos Concellos para que non reclamen o galego para os seus funcionarios, que estes non teñan que facer un exame en galego, non hai nada máis que poida explicar o seu odio cara o mesmo, a súa consideración do galego coma se fose un idioma tóxico. Coas políticas educativas que están a promover desde o Goberno Central, o de financiar escolas privadas para garantir que aquelas familias que non queiran que os seus pequenos teñan contacto escolar co galego é algo impensábel, é financiar a ignorancia co diñeiro de todos e todas. Algo que só pode explicarse desde a fobia.
Que medidas se deberían tomar para solucionar esta situación?
Desde a Mesa máis que medidas propias nosas o que propomos é que se cumpra aquilo que se acordou no seu día no Parlamento, xa que en diferentes ocasións houbo acordos por unanimidade no Parlamento galego ou no Congreso dos Deputados en defensa do galego ou en defensa das linguas do Estado. Mais todos estes acordos tamén eran puro teatro. A idea fundamental é concedemos dereitos a condición de que despois nunca poidades exercelos; se eses dereitos que nos conceden tivésemos a posibilidade de exercelos xa estaba. Nós non reclamamos máis, nós non pedimos que lle retiren dereitos a ninguén. Non dicimos que os castelanfalantes non poidan acceder á xustiza, que non poidan acceder á Administración, que non teñan medios de comunicación, nós en absoluto defendemos isto. Nós o que defendemos é que os galegos e as galegas que queiramos exercer como tal non sexamos estranxeiros no propio país. Por tanto, que se cumpra a Lei de Normalización Lingüística, que se cumpra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que se cumpra a Carta Europea das Linguas. Remover os obstáculos que nos impiden poder vivir en galego.
Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu o fallo que, encamiñado nesta dirección, suprimía dous artigos do coñecido como Decreto do Plurilingüismo. Que consecuencias para a lingua podería ter a súa total aplicación?
As consecuencias, que xa ten neste momento, é a prohibición do galego nas esferas de coñecemento científico-técnico, está prohibido impartir en galego matemáticas, física e química e bioloxía. E, despois, esa pseudoconsulta ás familias sobre a lingua en educación infantil que significa que nas cidades o 96% dos centros barren o galego totalmente. Estas son as consecuencias deste decretazo contra o galego e o peor é que a Xunta quere continuar adiante con el mantendo unha actitude de desafío aos tribunais no sentido de non recoñecer a sentenza, agora vai recorrer ao Tribunal Supremo, o cal significa un gasto de diñeiro público importante. É a primeira vez na historia da democracia que un goberno recorre aos tribunais para atacar a súa lingua, houbo ocasións anteriores que gobernos lexislaron contra a súa lingua, pasou en Navarra, en Valencia e pasou en Galiza. Mais que un goberno recorra aos tribunais para garantir a desprotección da súa lingua é a primeira vez na historia en trinta anos de democracia.
E a mesma mañá que dicían que o Tribunal lles daba totalmente a razón, o Conselleiro de Educación anunciaba á Mesa e a Queremos Galego que presentaban o recurso. Aquí xa non na historia do Estado español nin de Europa, é a primeira vez na historia universal na cal un goberno recorre unha sentenza que lle dá a razón. As mentiras teñen as pernas curtas e o problema é que as autoridades poden mentir sen ningún tipo de consecuencia, vémolo no caso da lingua e en outras situacións.
Na sentenza tamén é moi importante, naqueles artigos que non anula, toda a reflexión que realiza o tribunal recordándolle á Xunta que a súa obriga é potenciar o galego. Vaille recordando ao Goberno que non debe fuxir do tema normalización, xa que agora falan de dinamizar, que equilibrio non significa reparto aritmético das horas, significa potenciar unha lingua dependendo de canto apoio precisa. Se os rapaces e as rapazas non teñen competencias comunicativas en galego, como está acontecendo en moitos casos nas cidades e nas vilas, o Tribunal di que é lóxico que o galego teña un peso superior no horario. Equilibrio significa garantir que quen está debaixo poida estar en igualdade de condicións. Tratar igual a quen é diferente ao final é unha inxustiza.
E as consecuencias da aplicación da reforma educativa do ministro Wert con respecto á lingua, cales serán?
Demóstranos que para eles non é unha cuestión secundaria. Hai xente que ás veces di que o ataque contra o galego é unha cortina de fume e négoo, non é unha cortina de fume, o problema é que hai un incendio. Mais para o Partido Popular e para todos os grupos económicos que o sustentan é fundamental eliminar a diversidade lingüística e, con certeza, eliminar a identidade galega. O seu obxectivo é que no noroeste de España haxa man de obra barata, que sexa unha despensa que en todo caso sirva para maior enriquecemento de Madrid, mais nunca xa unha identidade que sirva de parapeto a isto, a esa explotación. Para eles é fundamental eliminar eses lazos colectivos. Por exemplo, a primeira medida de Núñez Feijóo cando chegou á Xunta non foi nada relacionado coa reactivación económica, a primeira medida foi eliminar o galego como requisito para o acceso á función pública. E non é casualidade que a reforma educativa de Wert saíse xusto despois das eleccións en Galiza e en Euskadi e Cataluña, para eles é algo central. É abraiante que se chegue a propor retrocesos coma eses, lembremos que na proposta de Wert está que o galego teña unha menor carga lectiva, que a materia de Lingua e Literatura galega teña menos horas á semana que español e inglés, menos ca unha lingua estranxeira. Isto que dicía Rosalía de que non sexamos estranxeiros na propia patria é que xa é unha utopía, xa é menos que ser estranxeiros. A reforma significa tamén que con diñeiro público teñamos que financiar aquelas familias que non queiran que os seus nenos non teñan que escoitar galego na escola. O galego non é tóxico. É bo que os nenos e nenas saiban e aprendan tamén a lingua do seu país na escola. Segue a liña xa iniciada aquí en Galiza por Núñez Feijóo, mais facéndoa máis profunda e excesiva.
Para toda a xente que poida ler “Compostimes” e pense “a nós o galego non nos importa, o que importa son os temas económicos”, que se pregunten como é posíbel que nun momento no que nos están recortando por todos os lados, todos os tipos de servizos públicos, se quere impor por lei o financiamento público de escolas privadas que non impartan nada en galego.
Seguindo co ámbito do ensino, que che parece a situación do galego na universidade?
Tamén é máis que preocupante. As porcentaxes continúan a ser moi baixas, o 80% do horario, como mínimo, é en español. E continúan a darse problemas, desde a Mesa coñecemos casos de profesorado en Bioloxía, nesta mesma Universidade, que pon problemas aos rapaces e rapazas que se queren examinar en galego. Ou facultades nas cales entras en primeiro, fas o grao e o mestrado e nunca vas ter unha hora en galego, segundo datos oficiais das universidades.
E a situación da lingua nos medios de comunicación?
O dato máis rechamante é que o galego se utiliza nos medios escritos menos agora que na Transición, e na Transición non había axudas públicas. O que nos demostra, en primeiro lugar, é que cando nos falan desde a Xunta de axudas públicas para a promoción do galego non é verdade. Esas axudas están nunha partida orzamentaria dependente de Política Lingüística, mais non serven para promover a lingua, senón para estender a rede de clientes do Partido Popular. Medios de comunicación que atacan a lingua galega ou que prohiben aos seus xornalistas utilizar a lingua galega, reciben moito diñeiro público para a promoción do galego. É unha vergoña e unha fraude. Significa que o Goberno está incumprindo o Estatuto de Autonomía, que lembra que os galegos e galegas temos o dereito a ter unha oferta informativa no noso idioma. É curioso que nos din nada por riba da Constitución, nada por riba do Estatuto, mais cando menos nada por debaixo.
Que opinión che merecen casos como o da presentadora da Televisión Galega á que a dirección da cadea chamou a atención por empregar a gheada?
Pode ser discutíbel o feito de utilizar trazos dialectais na televisión, mais tamén é certo que isto era un magazine, “A Revista”, que non debería ter problema. O estándar hai que emprégalo nos programas máis formais para iso está, mais claro, isto non era exactamente un espazo informativo. O máis rechamante disto non é ese aspecto, senón que na Televisión de Galicia a unha presentadora que ten unha fonética de matrícula de honra chámanlle a atención. Hai presentadores, que son máis que dedos e dedas temos no corpo humano, que non utilizan o galego co máis mínimo coidado, que se nota que só o utilizan cando teñen o pilotiño vermello de que están no ar, e a eses non lles chaman a atención. Nos informativos da Radio Galega, o outro día, escoitaba que falaban de alguén que viña dun “suízo”, se viña dun “suízo” viría de comer nun restaurante de comida alpina, un “suízo” non é o mesmo que un xuízo; e niso non teñen o máis mínimo coidado. Por non falar de tertulianos que se negan a utilizar o galego… Como ben dicía Manuel Rivas, un dos problemas fundamentais da Radio e Televisión galega é que os que mandan nela son xente que non querería que existise.
Acabas de presentar o teu novo libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”. Con respecto a isto, pensas que se pode estar a dar unha perda da calidade do galego falado?
Si, a perda da lingua pódese producir de dous xeitos. Por unha banda, a substitución total dun idioma por outro, como nalgunhas familias nas cales a chegada dun neno ou dunha nena fai que, a partir dese momento, todos comecen a falarlle español, cando esa familia falaba previamente en galego e agora pasan a falar español entre eles. Mais tamén se produce a substitución máis paulatina de xente que dicía onte e pasa a dicir “ayer”, dicía sempre e pasa a dicir “siempre”; unha serie de formas que se van incrustando no idioma de xeito que perde o seus trazos xenuínos. É unha perda que tamén se está a producir e que non está sempre representada nos mapas sociolingüísticos, mais tamén é unha forma de perder o idioma, mesmo en casos extremos de convértelo nun dialecto do castelán. É responsabilidade nosa termos unha lingua máis xenuína, que non é un convite para ter unha lingua máis artificial senón máis ben para volver ao galego tradicional, depurándoo dos castelanismos que puidésemos atopar. Realmente, é apostar por beber da fonte limpa do noso idioma.
Que pensas do galego dos políticos?
Notase que é ritual. No caso de Núñez Feijóo é bastante evidente; demostra que non considera ao galego unha lingua digna ante o desleixo que fai da mesma. Demostra a súa desconsideración do galego, como se non fose digno, mais tamén un desprezo xeral pola cultura. Cando desprezas unha lingua e unha cultura, non fondo estás a desprezar todo o coñecemento lingüístico e cultural.
E no referido á Xustiza? Véxase o caso do que fora xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, que presentou en contra túa unha denuncia como reacción as túas protestas fronte ao seu mal uso do topónimo A Coruña (La Coruña segundo o xuíz)?
No caso deste xuízo, demostra como hai determinados segmentos do poder estatal que deberían manter unha postura de independencia, de garantía das leis, e que en realidade están totalmente en contra do galego. Este xuíz non cumpre a Lei de Normalización Lingüística e denuncia a aquelas persoas que a defendemos; eu son a terceira persoa á que denuncia por recordarlle que ten que cumprir a lei. E o xuízo continuou coa opinión en contra da xuíza de instrución e da Fiscalía que opinaba que non había razón para xuízo.
No caso da Xustiza temos, por unha banda, declaracións de normas que nos recoñecen os dereitos lingüísticos, mais despois encontramos que non podemos exercelos ou que temos unha verdadeira carreira de obstáculos para podermos fácelo. Por exemplo, en 2010 Alberto Núñez Feijóo ordenou que se distribuíse un programa informático aos xulgados que impide usar o galego. E non é que o galego estea escrito en cirílico, nin en ideogramas chineses; o galego ten o mesmo alfabeto latino. É unha lingua apta para as tecnoloxías. Non hai motivos técnicos para esa prohibición do galego. Agora mesmo, se un xuíz ou xuíza, funcionario ou funcionaria da administración da xustiza quere usar o galego ten o duplo de traballo. É vergoñento.
Como ves o futuro da lingua galega?
A pesar de todo o que acabo de dicir, eu penso que hai razóns para a esperanza. Pode parecer estraño porque o panorama é negativo, mais desde a Mesa pensamos que é fundamental partir da realidade, non enganarnos. Falsificar a realidade non serve para actuar sobre ela. Penso que é moi positivo o fenómeno de toda a xente que non fala galego mais que sae á rúa a defendelo, aínda que non hai mellor defensa dunha lingua que o seu uso. O feito de que haxa xente que non utiliza o galego no día a día, e que asina manifestos, que participa en manifestacións, como a do vindeiro 27 de xaneiro ás 12 da mañá na Alameda de Compostela, é positivo porque nos demostra que se conseguimos que haxa políticas públicas de promoción do galego vai haber moitos que non utilizan o galego, pero que se van a sumar a esas políticas de normalización do idioma. É un camiño de regreso que podemos facer. Ademais, do contrario, eu e moita outra xente se non crésemos firmemente que iso ía ser así non estaríamos, coma estamos, traballando nesta causa xusta.