Mano Solo, desde as entrañas de París
En 1997, dentro do álbum Je sais pas trop, Mano Solo incluíu “Je suis venu vous voir”, o seu particular The show must go on. “Le combat continue sans moi”, dicía. Unha canción de adeus na que se despedía dun mundo do que laiarse.
“Encore une fois, je vous laisse le pire: les larmes qu’on verse sur la mort d’un homme”
(unha vez máis, déixovos o peor: as bágoas que se verten ao morrer un home).
Mano Solo, “Je suis venu vous voir” (Je sais pas trop)
Esas bágoas foron vertidas finalmente hai agora 3 anos, o 10 de xaneiro do 2010. Mano Solo morreu no seu inverno 46, despois de levar media vida loitando contra un SIDA corrosivo. Deixou o peor: as bágoas, os orfos da súa música. Pero deixou tamén o mellor: o legado da gran voz do París máis auténtico. As letras dun artista comprometido, dun buscador radical da liberdade e dun mundo menos cru. O son dramático dun cantante tan tenro como ferinte, dos que conquistan co primeiro acorde, coa primeira frase. Unha exquisita herdanza que, porén, aínda non foi degustada por moitos fóra das fronteiras de Francia. Por iso, nun día coma hoxe, é de xustiza deixar que a súa esencia penetre en todos nós.
O mozo punk
Mano Solo, de nome Emmanuel Cabut, naceu o 24 de abril de 1963 en Châlons-sur- Marne, un municipio situado ó leste de París. É fillo do debuxante e caricaturista satírico Jean Cabut (Cabu) –artífice da polémica caricatura de Mahoma publicada no semanario francés Charlie Hebdo en 2006– e de Isabelle Monin, co-fundadora da revista ecoloxista La Gueule Ouverte. Mano medrou nun ambiente cargado de cultura e de política, rodeado de artistas e intelectuais do entorno parisiense. Na súa adolescencia frecuentaba ambientes ligados á marxinalidade e o consumo de drogas, pero, á vez, dedicábase con empeño á música e as artes plásticas. Con apenas 16 anos, nun París fortemente influído pola escena punk londinense, entrou a formar parte como guitarrista do grupo Chihuahua, que en 1986 sacaría un recompilatorio conxunto con Los Carayos e Hot Pants, bandas nas que participaba un rapaz chamado Manu Chao.
O aburrimento
Nos 80 Mano tamén se dedicou á pintura e o debuxo, participando en exposicións conxuntas, performances na rúa e mostras nocturnas. Baixo o pseudónimo de Boredom (aburrimento), en homenaxe ao Sex Pistols, publicou en diversas revistas francesas e chegou a expoñer en Nova York. En 1989, en París, montou a súa primeira e única exposición persoal: “Le désir, la mort et l’ennui.”
Anos máis tarde, cando xa estaba inmerso no mundo da música, seguiu aproveitando a súa boa man para as artes plásticas deseñando as carátulas dos seus cds.
La Marmaille Nue
Xa nos 90 animouse a compoñer os seus propios temas para o grupo de rock La Marmaille Nue. Xunto con dous colegas, actuaban en bares nocturnos e tamén no teatro parisiense Tourtour, que desde entón se convertería no seu escenario vital.
Logo de que o grupo se desfixese, en 1993 sacou os eu primeiro disco en solitario, precisamente chamado La Marmaille Nue. Nel recóllense cancións moi enérxicas, dunha marcada intensidade. Letras cheas de emoción e de rabia, cun estilo poético e directo co que Mano cuspe contra os problemas a nivel global e persoal. Cunha importante carga instrumental e unha voz rota e profunda, en cancións como “Allo Paris”, “15 ans du matin” ou “Au creux de ton bras” mestura diversos estilos con ritmos étnicos e tradicionais. Desde África ata Centroeuropa, tomando man do jazz, o rock, o flamenco ou o tango, sempre cunha esencia que evoca a capital francesa. A singular combinación entre a beleza estética e o contido crítico fixo que en só un ano vendese 100.000 copias, conseguindo así o primeiro dos seus tres discos de ouro.
La Marmaille Nue tamén foi o nome que recibiu a editorial que Mano puxo a andar cos cartos que estaba a gañar como músico. Con ela publicou dúas obras da súa autoría, o recompilatorio de poesía Je suis là (1995) e a novela Joseph sous la pluie (1996).
Sero-positivismo
No ano 1986 Mano Solo descubriu que era seropositivo. Desde entón, temas como as drogas, a enfermidade, a morte ou a loita pola vida pasaron a ser –xunto coa denuncia social e política- o núcleo das súas letras. En lugar de agochalo, decide facelo público, berralo, o cal lle atribúe unha notable popularidade. En 1995, no medio dun concerto, fixo público que contraera o SIDA:
“Je ne suis plus séropositif, mais j’ai le SIDA”
(xa non son seropositivo, pero agora padezo SIDA)
Precisamente nese ano saíu o seu segundo traballo: Les Années Sombres, que acadou arredor de 150.000 copias vendidas. Nel está moi presente o seu sufrimento. Sucédense as luces e as sombras, os ritmos dinámicos cos máis tráxicos; sempre cun selo persoal de humanidade. Nas súas letras fala abertamente da enfermidade, entre a resignación e o optimismo. A cidade do seu corazón e da súa dor máis profunda segue a estar moi presente en temas como “Paris Boulevards” ou “Barbes Clichy”.
Frères Misère
Un ano máis tarde Mano montou un novo proxecto, Les Frères Misère, a partir da base de Chihuahua, o seu antigo grupo. Sacaron un disco homónimo en 1996 cunha clara aposta punk e unhas letras con maior contido social e político ca nunca, como a directa “La Révolution” ou a desgarradora “Je n’ai pas”
O himno do Sha la la
Logo de Je sais pas trop (1997), onde ademais da citada “Je suis venu vous voir” aparecían auténticas declaracións de intencións como “La Liberté”, Mano Solo editou o seu primeiro album en directo. É o Internationale Sha La La, gravado en 1999 no seu escenario de sempre, o Tourtour, co seu guitarrista Jean-Louis Solane. O título veu dado polo tema que fecha o disco, “Sha La La”, un auténtico himno optimista, de liberación das ataduras, de revolución interior.
Esta peza, que en boa medida define a postura de Mano ante a vida, fecharía tamén o seu segundo album en directo, La Marche (2002), gravado durante a xira realizada polo cantante e a súa banda en 2001. Un ano antes, Mano Solo sacara á luz Dehors, un disco no que incorporou sonoridades con sabor a África e a América, como podemos observar en “Des Pays”, peza que abre a obra. Noutros temas, como é o caso da marabillosa “Les Gitans”, Mano mantivo a súa esencia, voltou achegarse ao centro e ao leste de Europa, deixouse influír polo flamenco…
Cara á indepencia discográfica
En 2004 a Warner editou Les Animals, o novo album do artista francés, que conta con letras dunha grande carga poética e trasfondo social. Boa proba disto é “Du Vent”, cuxo refrán é un auténtico canto á unión por unha vida xusta e digna para todos; ou a animada e mestiza “Barrio Barbès”. Noutra interesante peza do disco, titulada “Botzaris”, Mano conta coa colaboración do grupo de folk francés Têtes Raides, famoso por combinar teatro, circo e pintura na súa posta en escena.
Dous anos máis tarde, Mano Solo decidiu non renovar o contrato coa súa discográfica coa intención de autoproducir o seu novo disco, In The Garden, en 2007. Fíxoo botando man de internet, grazas ao financiamento que os seus fans lle proporcionaron previamente coas súas suscricións. Mano foi así un dos precursores deste sistema que hoxe en día están a utilizar moitos artistas independentes para sacar adiante os seus traballos. En In The Garden, o parisino seguiu cantándolle aos perdedores con temas como “Les Endurants” ou “Aimer d’Amour”, cuxo polémico videoclip foi censurado.
A voz dos sen voz
Todo o seu traballo amosa unha grande sensibilidade e compromiso cos de abaixo, cos marxinados e excluídos, cos derrotados. Mais non só desde as letras das súas cancións. En xaneiro do 2007, Mano Solo decidiu comezar a emitir Le clou de la soirée na radio local Aligre FM, coa intención de dar voz a todos aqueles que non a teñen. A partir de outubro deixou este programa para impulsar outro, Smoke City, co mesmo obxectivo. Estaría en antena até comezos do 2009. Nos estudos de Aligre actuaron, da súa man, moitos músicos da escena parisina; por eles pasaron pintores, escritores, militantes de todas as causas… Unha destas sesións incluso foi filmada por Diane Vattolo, constituíndo o documental De bâbord à tri.
“Le combat continue”
En setembro de 2009 chegou Rentrer Au Port, o último album de estudo de Mano Solo. Publicouno botando man da discográfica Wagram debido ás dificultades que lle conlevara a autoprodución dous anos antes. Pura poesía, un auténtico berro pola vida e o amor. “Rentrer au Port” e “Partir Ailleurs” son algúns dos regalos que Mano nos deixou neste último traballo.
Poucas semanas despois, o 12 de novembro, o cantante daba o seu último concerto no teatro parisino Olympia. Tras a actuación era hospitalizado. Xa nunca se recuperaría. O 10 de xaneiro de 2010 a familia de Mano anunciaba a súa morte a causa dunha serie de aneurismas. Centos de persoas acudían ao cemiterio Père Lachaise para darlle o último adeus ao home do grito desgarrado, que desde o París profundo lle cantara á vida e a todos os perdedores do mundo. Íase así un polifacético artista comprometido con todas as causas xustas que coñecía. Deixábanos Mano, un poeta da rúa, un home libre que non abandora a loita até o último intre. A súa música non nos deixará nunca.
“Tant que quelqu’un écoutera ma voix je serai vivant dans votre monde à la con”
“Mentres alguén escoite a miña voz, estarei vivo no voso mundo de merda”
Mano Solo, “Je suis venu vous voir” (Je sais pas trop)
Este artigo foi redactado por Olalla Liñares e David Fontán