LeBron James, o dominador

Cando falamos de fútbol poucos dubidan en sinalar a Leo Messi como o mellor xogador do mundo. Esta afirmación parece lóxica a tenor do visto os últimos anos e pouco a pouco vaise asentando como unha realidade que cada vez xera menos discusión. Cristiano Ronaldo, Van Persie, Iniesta ou Rooney son outros exemplos de grandes xogadores, pero incapaces de decidir un partido ó nivel de Messi. O arxentino é o número un, o artista capaz de facer algo diferente.

Os dous dominadores xuntos

Messi e LeBron James, os dous grandes dominadores, xuntos en Barcelona

Se extrapolamos isto ó baloncesto cada vez máis sinalan a LeBron James como o número un pero a discusión está servida. Kobe Bryant, Chris Paul, Kevin Durant ou Carmelo Anthony son algúns dos nomes que se poden escoitar como xogadores máis completos, máis técnicos ou con máis IQ (coeficiente baloncestístico) ca LeBron James. Incluso se escoitan frases como as que din que o mellor xogador do mundo non pode ser alguén “que basea o seu xogo na forza bruta”. Pero aquí estamos para defender o contrario. LeBron James é o mellor xogador do mundo incluso con menor discusión que a que pode ter no fútbol Leo Messi (e mirade que ten pouco que discutir esta afirmación). E é que de igual xeito que o astro arxentino, o de Ohio pasa por ser un home diferente ós da súa especie. Un extraterrestre superior ó resto de mortais que practican ese deporte chamado baloncesto. O dominio de LeBron é algo que cada vez ofrece menos discusións. O control do partido cada vez que ten o balón nas súas mans é algo que non viamos desde a época de Michael Jordan máis de 15 anos atrás. Quédalle corroboralo enchendo os dedos con aneis de campión, pero todo se andará se a NBA segue nos próximos o camiño previsto e Miami vence. Equipo para elo ten de sobras.

LeBron James (Akron, Ohio, 30 de decembro de 1984) naceu no seo dunha familia marxinal a uns 100 quilómetros de Cleveland. Desde ben novo grazas a súa nai e seu adestrador no instituto comezou a destacar no baloncesto (á vez que o fútbol americano) e guiou ó seu instituto de St. Vincent – St. Mary High School a vencer dous anos a nivel estatal. Con 18 anos Nike ofrecíalle antes de pisar a NBA un contrato por 90 millóns de dólares e era elixido no primeiro posto do draft polo equipo do seu estado, os Cleveland Cavaliers. Despois dun primeiro ano irregular onde a pesar de todo remataba con máis de 20 puntos, 5 rebotes e 5 asistencias, a máquina LeBron non fixo máis que crecer e pulir defectos. A nivel técnico mellorou considerablemente o dribling e o bote, cada vez foi asistindo e reboteando máis e aumentou a súa importancia a nivel anotador á medida que o equipo o necesitaba. Pero se por algo destacou o crecemento de James foi pola súa lectura de momentos e partidos e a súa selección de tiro (saúdos a Kobe Bryant neste senso), onde a pesar de ser un dos xogadores que máis tira, promedia ó longo da súa carreira un 48.6% de tiros de campo anotados (superando o 50% nas catro últimas tempadas e aumentando paulatinamente nas súas nove temporadas na NBA ata o 54% da actual) e un 33% en triples, se ben desde o 29% que anotaba no seu ano rookie o bo de LeBron James pasou a promediar ata un 40% en triples no presente ano.

LeBron James o día no que foi elixido no draft

LeBron James o día no que foi elixido no draft

A pesar de todo, seguiremos oíndo que é un xogador que vive do seu físico. Efectivamente é unha mole, quizais o mellor xogador fisicamente da historia NBA. Forte, rápido e áxil, o que si lle permite ser o único xogador capaz de xogar nas 5 posicións no terreo de xogo, desde o posto de base cando sube o balón ata a defensa ó pivote rival como puidemos ver nos pasados Playoffs. O único que nos pode levar a dicir que é un alero poden ser a súa altura e os seus inicios no posto de 3 na NBA. O seu físico permítelle entrar a canastra e anotar con facilidade tanto en transición como en estático ante 1, 2 ou 3 defensores. Pero un xogador que promedia 7 asistencias na súa carreira NBA non se pode dicir que sexa un xogador eminentemente físico. A súa visión e capacidade de pase é do mellor que podemos ver hogano na NBA. Se a isto lle sumamos unha capacidade técnica envexable e unha lectura táctica dos partidos brutal, dariamos co mellor xogador da historia. Non é así por 2 factores: un, a irregularidade e erros ata o momento en intres claves ademais da falta de campionatos ata o ano pasado. O outro é que en toda a historia da NBA houbo xente demasiado grande.

Polo tanto, máis que un anotador podemos considerar a LeBron James un xogador total. Un xogador completo pero que aporta en todo e que ademais ata a pasada madrugada levaba unha xeira de 54 partidos seguidos anotando 20 ou máis puntos. Con 3 trofeos de MVP e títulos honoríficos de máis novo en chegar ós 10.000 e 15.000 puntos, James leva desde os seus inicios amosando a todos que quere ser un dos máis grandes. E para selo o único que lle faltaba na súa etapa en Cleveland era gañar. Nunca tivo equipo para elo e iso foi unha lousa para el. O maior logro cos do estado de Ohio foron deste xeito as finais de 2007, onde tras superar ós Wizards de Arenas, ós Nets de Carter e ós Bad Boys de Detroit con Hamilton e Billups na cabeza os de LeBron perdían 4-0 na final ante os Spurs. Rodeado dunha banda de amigos (“Booby” Gibson, Sasha Pavlovic, Drew Gooden e Zydrunas Ilgauskas formaban o 5 inicial) LeBron case lograba a heroica. Desde ese ano a pesar das épicas eliminatorias de “LeBron contra o mundo” ante os Magic de Howard e os Celtics de Pierce-Allen-Garnett, LeBron James non volvería pisar unha final máis cos Cavs.

Wade, James e Bosh posan co título de campións NBA e MVP das finais

Wade, James e Bosh posan co título de campións NBA e MVP das finais

Foi a súa fichaxe como axente libre (anunciándoo ante as cámaras de todo o mundo) no ano 2010 por Miami o que cambiou a sorte de LeBron. Visto que non era capaz de gañar a NBA decidiu fichar por un equipo con aspiracións. Para isto rebaixouse o soldo, nun acto tan raro como criticado, para compartir equipo con Dwyane Wade e Chris Bosh, amigos seus e “compañeiros do draft 2003”. Tras estas inxustificadas críticas ó meu parecer (poucos sendo o mellor renunciarían a cobrar por ter opcións a gañar) chegáballe o turno a LeBron de demostrar que era a súa hora. Pero na primeira tentativa fracasaba. Os Dallas Mavericks guiados por un xenial Nowitzki e rodeado de actores secundarios de luxo acababa cos de King James. Tiña que ser este ano 2012 o ano de James e foino. Recuperaba o MVP que o ano anterior lle roubara Derrick Rose e vencía na final ante os Thunder de Durant. LeBron demostraba que ó fin deixara de ser Poulidor e lograba o anel de campión.

A madurez chegaba ó rei da NBA con ese trofeo e a súa excepcionalidade amosaríaa non moitos meses despois cuns Xogos Olímpicos onde se amosaba o líder dos EEUU ante a vista de todo o mundo. Atrás quedaran os primeiros anos daquel arrogante e “crido” James merecidamente odiado en case todos sitios. É o momento no que lle conceda o que é del. LeBron James, o mellor xogador do mundo, e de momento, só un dos mellores da historia.