Dúo sincronizado sobre o 40×20

Cada un deles chegou ao balonmán por camiños diferentes. Un criouse nunha terra cunha tradición balonmanística moi arraigada e avanzou paso a paso polo mundo do balonmán. O outro xogaba ao fútbol ata que o Barcelona de balonmán o incorporou con catorce anos a través dun campus de verán, así medrou nunha canteira chea de medios e de posibilidades. Non coincidiron en ningún equipo. Un ano despois de que un saíse da Sociedade Deportiva Teucro, chegou o outro. Mais dende que se xuntaron na selección española forman un dúo sincronizado á perfección. Agora, os dous son campións do mundo.

Quen non recorda a aquel extremo que se lanzaba ao contragolpe a alta velocidade? Ou a aquel central que filtraba balóns para un pivote que as recollía todas? E que me din do porteiro que marcou unha época no noso equipo? As figuras mediáticas non acadarían os éxitos sen o traballo “sucio” de moitos outros. Juanín, Iker, Uríos ou Barrufet non serían campións do mundo sen o traballo de Ruben Garabaya ou Juancho Pérez, do mesmo xeito que a actual xeración da selección española non alcanzaría a medalla de ouro de non ser pola adicación, a forza e a concentración de Gedeon Guardiola e Viran Morros.

O escenario, o Palau Sant Jordi, ese lugar que tantas alegrías adoita dar ao deporte español. Diante Mikkel Hansen, Nikolaj Markussen e compañía, unha primeira liña todopoderosa. O momento, a final dun Mundial. No lugar de chegar tarde as accións, de moverse con pés de chumbo e de encoller os brazos, Gedeon e Viran van construír unha muralla insuperable para os lanzamentos daneses. Unha muralla que non vai permitir o contacto co pivote e que vai cimentar, a partir dos dous defensores centrais, un 6-0 estratosférico. É aí, cando a partir desa defensa, que consigue electrocutar a un ataque que viña xogando de memoria, España comeza a construír o seu segundo título mundial. A partir de dous xogadores tan pouco mediáticos, coma efectivos no seu labor.

Viran Morros, o neno que comezou a xogar ao balonmán para conseguir un chándal do equipo de fútbol do que era afeccionado, medrou en Barcelona, gozou dunha histórica clasificación á Copa do Rei durante a súa estancia á beira do Lérez, colleu experiencia en León para converterse no gran xogador que é hoxe da man de Didier Dinart en Ciudad Real. Queimou etapas pouco a pouco, e coma adoita ocorrer cos grandes defensores, comezou a destacar tarde, cando acadou experiencia e deixou de gozar de minutos en ataque. Chegados a este momento, poucos son os que dubidan que estamos diante do gran herdeiro da “Roca” Dinart.

Gedeon Guardiola atopou moitas máis dificultades no seu camiño cara a elite. Nado na provincia de Alicante, un dos grandes viveiros do balonmán español, foi cando chegou ás Rías Baixas, outro dos grandes sementeiros da península Ibérica, cando comezou a tecer unha carreira que o levou ata o Palau Sant Jordi este pasado domingo. Alí, no Teucro, atoparía en Víctor García Pillo, actual adestrador do Balonmán Cangas, a unha das persoas máis importantes na súa traxectoria. A confianza que lle outorgou, fundamentalmente en defensa, onde se converteu en imprescindible, foi clave para o seu afianzamento futuro. Co equipo pontevedrés ascendería a elite e completaría dúas tempadas a un gran nivel, mais foi no San Antonio onde conseguiu o recoñecemento que supón xogar coa selección española.

Uniron os seus camiños por primeira vez no 2011 cando acudiron xuntos á Supercup en Alemaña. Dende aquela ocasión Valero Rivera xa non o dubida e agora son os afeccionados ao balonmán os que gozan con estas dúas grandes torres que conforman esa muralla que é o 6-0 español. Un dúo que dirixe os contragolpes dunha selección que se atopa cómoda á carreira. Un dúo de obreiros do balonmán. Un dúo a partir do que se cimentou un ouro.

Foto de portada: Frank Fife