Demasiado ruído
Cando Shannon e Wiever formularon a súa teoría da comunicación, definiron o ruído como calquera elemento que perturbe ou dificulte a correcta transmisión da mensaxe entre emisor e receptor. Polo tanto, de primeiras, o ruído enturba, xera problemas e non deixa que as cousas parezan claras e que a xente se centre no importante. No Celta, ultimamente, hai demasiado ruído.
O un de xaneiro abriu as súas portas o mercado invernal, e con el, pasaron a coller sitio na humilde vivenda celtiña milleiros de rumores sobre a súa estrela e xogador clave a día de hoxe: Iago Aspas. Reading, Swansea, Chelsea ou Valencia apareceron nas páxinas da prensa deportiva como posibles compradores do xogador moañés, que ten unha cláusula de rescisión de dez millóns de euros, algo pequena tras ver o seu rendemento na primeira volta da liga española. Iago Aspas gusta polas súas características e porque ten gol, algo moi valioso no fútbol actual. Iso, combinado con que a prensa española é moi amiga de especular e de falar de fichaxes de xogadores instalados en equipos pequenos, forman o cóctel perfecto.
Iago Aspas saíu a rolda de prensa e afirmou que quedará no Celta polo menos ata verán, pero despois diso os rumores sobre a súa saída parece que se acrecentaron. A baixa de Aspas neste mes suporía un grave contratempo para un equipo con graves problemas para xerar perigo en ataque, e ademais parece difícil atopar un recambio neste mercado. Porén, o celtismo está preocupado polo ruído que rodea a figura do seu xogador máis relevante e esa preocupación dunha forma ou outra estase trasladando ó equipo.
Dicía Paco Herrera que non lle preocupaba a saída de Aspas, senón que lle preocupaban os “paxaros na cabeza que lle poden entrar ó moañés”. Hai factores que axudan a eles, como que o dianteiro celeste non ten un axente único e parece que algúns se queren subir ó carro agora que as cousas pintan ben. E nesas, Aspas fixo un partido bastante frouxo en Cornellá El-Prat e o seu adestrador aproveitou para darlle un pau. Outro recibiu Roberto Lago, que abandonará case seguro o barco céltico a finais de campaña con rumbo a Xetafe. Demasiados problemas e rumores para un vestiario novo e inexperto en primeira división.
Coas chegadas tamén temos capítulo de rumores centrados na figura de Fabián Orellana, pero parece moi complicado que o chileno recale de novo no equipo olívico. As chegadas de Demidov e a posible de Pranjic parecen os reforzos definitivos para contrarrestar as saídas de Joan Tomás e de Bustos. Con todo, ata finais de mes parece que por Vigo vaise seguir falando de todo menos de fútbol e a min iso paréceme un problema bastante grave.
A situación do Celta é cando menos perigosa, xa que o equipo leva rozando os postos de descenso toda a campaña. O xogo é moi bo, pero o equipo de Paco Herrera sigue pecando de inexperto nas áreas e así é moi difícil sacar os partidos adiante. Asegurar os partidos da casa e mellorar nos partidos como visitante, onde o Celta súa para xerar verdadeiro perigo, son a receita do duro camiño que queda para a salvación.
Polo tanto, creo que chegou o momento de pensar en fútbol en Vigo, de esquecerse dos rumores e centrarse no verdadeiramente importante, porque aínda que se diga que o entorno non afecta, si que o fai en certa medida. Esperemos que a nova rolda de prensa dada por Iago Aspas no día de hoxe, axude a calar este ruído que pode chegar a complicar moito a existencia do equipo no que queda de campaña. De tódolos xeitos, o único que queda é esperar e desexar que o tempo pase rápido e que a tranquilidade en forma de 31 de xaneiro chegue canto antes.
Foto de portada: Sportige