David Amor: “Agora o público é máis esixente pola saturación que hai con Internet”

O polifacético David López, de apelido artístico “Amor”, concédenos un anaco para respostar á unhas cantas preguntas vía email para Compostimes, nas que falaremos dos seus primeiros anos como xogador de balonmán, das súas primeiras aparicións en televisión logo dunha lesión que o deixou durante un tempo fóra de xogo, do seu pasado máis recente na televisión nacional en “El Club del Chiste” e dos seus proxectos presentes e futuros.

¿Cando decidiu David Amor “mamá, eu vou facer rir á xente”? ¿E por que“Amor”, como apelido artístico?

Non houbo tal decisión, foi una cousa na que me fun vendo metido, ¡pero inconsciente total! E saiu da miña etapa de Supermartes: consideraban que debería ter un nome artístico, e como a miña personaxe era moi melosa… pois quedoume.

¿Que pasou despois de que te lesionaras? ¿Truncouse a túa carreira como deportista ou seguiches practicando?

Truncouse un pouco con 20 anos, pero nunca deixei de xogar e de feito os meus maiores éxitos con clubs acadeinos despois, con 27 anos, xogando no S.D. Teucro. Esta é a primeira tempada na que non xogo.

¿Que che parece, como deportista, a situación de “monopolio futbolístico” que sufre o país?

 É o que a xente quere ou sexa que…  Dáme pena que sexamos tan ignorantes a nivel deportivo, pero a xente prefire que lle condonen as débedas ós clubs de fútbol antes que estes descendan. Así somos…

Logo deste cambio de rumbo na túa vida, chegou o paso por O Rei da Comedia, por onde desfilaron personaxes do panorama galego como Isi (Luar), Roberto Vilar (Land Rober) e Rubén Riós (Vilamor). Foi un gran cambio de traxectoria, ¿Qué nos podes contar desta primeira toma de contacto cos medios?

Diversión e inconsciencia a partes iguais. Foi onde descubrín o mundo da tv e onde descubrín tamén que me gustaba. Aínda que, dos que nomeache, só coincidín con Isi.

Pouco despois, entraches a colaborar nun dos programas máis míticos da TVG: ¡Supermartes! Dinos o que todos queremos oír: ¿quen se agochaba detrás do disfrace de esquelete-tocatrompeta? Poñéndonos serios, ¿Como foi o traballo con Xosé Manuel Piñeiro e o resto de colaboradores?

Pois foi a miña escola, das mellores que se poden ter: dúas horas en directo xogando, e con intervencións improvisadas.

¡¡E o esquelete era Atilano, das personaxes máis míticas da TVG!!

E fai uns anos, das o salto á televisión nacional: tódalas semanas, David Amor entra na casa de tódolos españois a través de El Club del Chiste, retransmitido por Antena 3. ¡Menudo cambio! ¿Como empezou todo?

Pois comezou como comezan estas cousas, por un casting.

©LaRegión

©LaRegión

Neste caso, tamén tedes un apartado de interpretación, ¿Cres que é necesario ser un bo actor para ser un bo humorista, ou a actuación só é un “engadido”?

Imaxino que si, que algo de actor hai que ter para que a interpretación sexa o máis completa posible.

¿Cómo é un día de gravación con Anabel Alonso, Martina Klein, Leo Harlem e demais familia? ¿Moitas risas, ou iso reservádelo para o escenario?

 Largo, pero tremendamente divertido, pensa que son algúns dos máis grandes talentos de este país e con mellores currículos. As risas estaban presentes constantemente.

Outra das características do show é que hai unha especie de “separación temática” dos chistes: Leo conta os chistes máis “verdes”, Diego Arjona céntrase no humor “andaluz”, Meritxell Huertas ironiza cos tópicos cataláns, … ¿Suponvos isto algún problema, ao ter que adaptarvos a un patrón predeterminado?

Para nada, realmente cada un foi buscando o seu camiño e no que se atopara o máis cómodo posible.

Danos a exclusiva: ¿Haberá novas tempadas de El Club Del Chiste?

Nooo!! Hahaha. Xa non quedan chistes para contar, contámolos todos!!!! Hahaha

Logo de máis de 10 anos no mundillo do humor, ¿Cres que é máis difícil facer rir á xente dende o inicio da crise? ¿Cambiou o humor do público nestes anos?

Eu non notei grandes cambios a verdade. O que si, que agora o público é máis esixente, pero pola saturación que hai co de YouTube e Internet.

Cal é o mellor humorista para ti? (E non fagas trampas: ¡non serve que te poñas a ti mesmo!)

Noo! Nunca o faría, non o penso. Pero tamén che digo que non me podo quedar con un só. Son moitos ós que admiro.

Parece que a temática humorística está en auxe. Despois de todo, nos últimos anos estades aparecendo no panorama nacional un gran número de novos humoristas (Dani Mateo, David Guapo, Luis Piedrahita, Berto Romero…). ¿Estás dacordo?

Para nada, o humor está aí dende tempos inmemoriais, simplemente se van renovando as xeracións.

E parece que a túa é unha profesión con “pouca presenza feminina”, ¿botas en falta un maior número de muller humoristas?

Si que hai poucas mulleres si, pero é que seguimos sendo un país moi machista….en xeral diría que o mundo é machista…

¿Que hai das actuacións en directo? ¿Algún show novo á vista?

Iso sempre está aí, nunca faltou dende que comecei con isto. Estarei una temporadiña actuando máis por fora, sobre todo Cataluña.

Agora oímos que andas liado con varias cousas: por unha banda colaboras en “Monólogos R”, ¿non si? ¿Que nos podes contar deste proxecto?

Pois acabamos de remátalo. Un proxecto moi bonito, que acerca a xente pouco habitual nos monólogos. Ademais compartindo con Carlos Blanco e Rober Bodegas, ¿que máis se pode pedir?

Ademais es co-director dun dos shows máis vistos da TVG: Tourilandia, presentado por Xosé Touriñán. Véndenolo un pouco: ¿Por que ver Tourilandia?

Porque ten a un dos mellores humoristas do país e ao maior talento xurdido nos últimos tempos como presentador: Xosé Touriñán.

Asemella que na actualidade andas bastante liado, pero ¿tés algún proxecto en mente para un futuro? ¿Pódesnos contar algo del?

Pois polo de agora deixar que remate o 2012 e descansar un pouco. Aínda que xa teño cousas pechadas para teatros para o 2013, pero a nivel televisión, sentareime e toca pensar cara a onde quero ir.

E aquí vén a pregunta por excelencia: ¿Que che parece o proxecto ComposTimes? ¿Oíras falar del?

Pois non o coñecía, pero agora tratarei de informarme ben sobre el, aínda que sexa só para ver como transcribides a entrevista ; )

E xa para rematar, hai que pedilo: o chiste que nunca lle falla a David Amor é:

Sabedes que eu por iso cobro non? hahahahahaha