Corbacho Selección

É obvio e non lle pasa a ninguén por alto que Alberto Corbacho está a ser unha das sensacións da Liga Endesa deste ano. É unha das mellores pezas do perfecto engrenaxe que está a ser o Obradoiro esta tempada e que case o levan a meterse na Copa do Rei.

A selección española vén de cambiar de adestrador. Juan Antonio Orenga sustituíu a Sergio Scariolo no banco. Tamén é probable que sufra unha importante revolución na convocatoria para o Eurobásket deste verán en Eslovenia. Homes que o ano pasado foron claves na consecución da medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres é probable que tomen un descanso. Pau Gasol case seguro será dos que non viaxen a Eslovenia preferindo descansar. Juan Carlos Navarro pola súa banda está a vivir unha das peores campañas da súa carreira deportiva onde tamén carrega certos problemas físicos.

Por outra banda un dos xogadores que comparten posición con Alberto Corbacho, Víctor Claver, está a ter unha convulsa tempada na NBA onde non acaba de destacar cos Portland Trail Blazers e xa foi enviado varias veces a xogar na Liga de Desenvolvemento.

No Obradoiro Corbacho está a ser unha das sensacións da Liga Endesa. Leva un 45% desde a liña de 6,75m e un 93% de tiros libres anotados, errando tan só 3 no que vai de tempada. E unha das cousas máis importantes, está a promediar 13,5 puntos de valoración cada xornada.
Entre os seleccionables por España é o máximo anotador na Liga Endesa, sendo o quinto entre tódolos xogadores. Ademais que é o máximo anotador en triplas, sendo o único que promedia máis de 3 por partido.

É claro que en números é o xogador dos seleccionables máis en forma do que vai de tempada. Os xa mencionados Víctor Claver e Juan Carlos Navarro, xunto de Fernando San Emeterio que estaba acudindo ultimamente coa selección están a un nivel moi por debaixo do xogador mallorquín este ano.

Cabe destacar a gran evolución que está a ter o mallorquino nas últimas tempadas. Pasou por varios equipos antes de chegar ao Obradoiro o ano que estivo en LEB Ouro, e tamén pasou de ser un máis dentro das rotacións a ser a estrela e un dos xogadores franquicia, xunto con Levon Kendall do que hoxe é o equipo revelación da ACB.
A pasada tempada, a primeira que xogou na máxima categoría, promediou en triplas o 35% e nas súas anteriores tempadas na LEB Ouro tamén promediou sempre darredor do 40% en triplas, se ben ata este ano o número total de canastras que marcaba era similar ao número que este ano leva anotado tan só na primeira volta deste ano.

Por outra banda o seu rol tamén mudou dentro do xogo, ata agora era un habitual do banco, onde saía á pista para buscar os seus máxicos lanzamentos e así intentar romper o partido, ou intentar recuperar unha distancia en contra. Este ano é titular habitual e xa non é só ese home que busca anotar de tres, senón tamén unha das pezas básicas no xogo de ataque. Quizais un dos seus únicos peros estarían en mellorar o seu traballo defensivo.

O pasado ano Corbacho xa foi seleccionado para a Selección B, un equipo que se limita a xogar algún amigable ou a adestrar contra a Selección para axudarlles na súa preparación aínda que finalmente non puido acudir á concentración por mor dunha lesión.

Chegou o momento para o aleiro do equipo santiagués de dar un paso máis na súa incrible progresión. Está a merecer ser chamado ao equipo español onde ben seguro que podería aportar moitas das súas triplas. Haberá que ver se finalmente Juan Antonio Orenga se atreve a chamar ao xogador obradoirista.