As rebaixas de inverno

Pasou noiteboa, o Nadal, recibimos un novo ano e viñeron a visitarnos, con maior ou menor sorte, os Reis Magos. Para continuar coa tradición, agora chega a época da dura costa de xaneiro, que se ve acompañada como tódolos anos das famosas e típicas rebaixas. Os consumidores expertos afirman que estas son as mellores rebaixas do ano, unha época para atopar oportunidades que sirvan para reforzar o teu vestiario e chegar con tranquilidade ó ansiado verán. Aínda que pensedes que non, estou falando do fútbol, que a fin de contas non se diferencia tanto do noso día a día.

O un de xaneiro abriuse o período de fichaxes de inverno, un período que utilizan a maioría de equipos, pero especialmente aqueles onde a primeira metade do ano non saíu de todo ben. Os primeiros reforzos xa aterraron en Galicia, onde por desgraza os nosos equipos loitan por non perder a categoría. Demidov xogará co Celta de Vigo en calidade de cedido ata finais da campaña, mentres que en Coruña recibiron cos brazos abertos a Silvio e Assunçao, ademais do xa coñecido cambio de adestrador coa chegada de Domingos Paciencia.

O mercado de inverno é un mercado curioso, que pode arranxarte a tempada pero que tamén cha pode complicar. Como diciamos antes, non existe demasiada diferenza entre comprar nas tendas da rúa e entre comprar nas tendas futbolísticas. O mellor é comprar pouco e ben, porque non están os tempos para gastar sen sentido. Pero sobre todo, o que deben evitar os equipos é adquirir xogadores que non teñan un bo rendemento e que queden ligados ó club por un tempo determinado.

Na liga española tivemos grandes casos recentes de decepcións en inverno. Faubert chegou ó Real Madrid como un auténtico revulsivo para a banda dereita do Santiago Bernabéu, pero ó final rematou sendo unha auténtico revulsivo para os bancos españois, onde nos deleitou con algunha que outra cabezada. Sen irnos tan lonxe, en Vigo viviron a explosión de Papadopoulos, un dianteiro que simplemente demostrou olfacto goleador ante o Ourense en partidos amistosos. No caso contrario, vivimos tremendos acertos, como a chegada de Edgar Davids durante uns meses ó Barcelona, onde tivo un rendemento espectacular. Tamén temos exemplos máis achegados, como a traxectoria do sueco Wilhemssom no Deportivo. Nese mercado de inverno, Lendoiro acertou ó cen por cen na súa elección, xa que o sueco foi un dos artífices dunha gran segunda volta.

E como estes catro pequenos produtos, moitos outros foron mercados á prezo de saldo, ou non tanto, no mercado de inverno. En conclusión, o mercado ofrece oportunidades de todo tipo, polo que é moi difícil acertar coa tecla axeitada na maioría dos casos. O mercado de inverno debe ser máis ben un recurso ca unha rutina, pero hai anos que moitos equipos o veñen convertendo niso, nun mecanismo desesperado para enderezar o seu rumbo.  Non nego que ás veces poida saír ben, pero en moitos casos pode saír moi mal e hipotecar o futuro dun club por traer xogadores non contrastados e facerlles contratos de longa duración.

A planificación dunha tempada debe realizarse en verán, e xaneiro debería quedar para algún capricho que poida servir para cambiar algo no teu equipo. Como dixo Paco Herrera hai uns días, no mercado de inverno “tes que ter moitos cartos ou tes que ter sorte” e, correndo os tempos que corren, esperemos que os equipos galegos teñan sobre todo sorte nas súas eleccións. E en xeral, que todos aprendan que nun día de rebaixas poden saír tódalas compras perfectas, pero tamén podes volver a casa coas bolsas baleiras ou cargadas de elementos sen valor.

*Foto de portada: Abc.es