As confesións de Armstrong e o devir do ciclismo

Hai pouco máis de 3 meses, nos inicios de Compostimes, un servidor publicaba esta reportaxe sobre as acusacións que a Axencia Estadounidense Antidopaxe vertía sobre a figura de Lance Armstrong. Pouco máis de 90 días despois o americano deu un paso adiante e no coñecido programa de Oprah Winfrey admitía por primeira vez na súa vida que se dopara. Tras negalo en innumerables ocasións, confesaba deste xeito no programa que puidemos ver en Discovery MAX a semana pasada o que case todos sabíamos desde que a USADA (Axencia Estadounidense Antidopaxe) amosara as probas na súa contra.

A vida de Armstrong daba un xiro desde o momento que respondía cun efémero e rotundo “si” á pregunta que realizaba Oprah Winfrey sobre se utilizara algún tipo de métodos dopantes na consecución dos seus sete Tours de Francia. Nese intre demostrábase tras longos anos de éxitos que Armstrong era mentira. Recoñecía ademais que o seu “cóctel” ía desde as transfusións ata o uso de EPO e testosterona. En numerosas ocasións pediu perdón ós seus seguidores e recoñeceu que se equivocara, queréndose sentir intocable admitindo incluso por primeira vez que era o “capo” do pelotón na súa época. Esta foi a fin dese ciclista chamado Lance Armstrong, exemplo da loita contra o cancro e un dos personaxes dos últimos vinte anos.

Lance Armstrong o día que lograba o seu 7º Tour de Francia. Eran épocas mellores para o texano.

Lance Armstrong o día que lograba o seu 7º Tour de Francia. Eran épocas mellores para o texano.

Nestes últimos días todos (ou case) xulgaron e degradaron á miseria a Lance Armstrong. Xornalistas, ciclistas e autoridades amosáronse sorprendidos deixando ó texano á altura dos maiores asasinos da historia. O tratamento nestes días a Armstrong pouco distou de se falásemos de Jack o Destripador ou do Carniceiro de Milwaukee. Podo adiantar que neste artigo polo menos non estamos para iso, non imos ser polo menos tan hipócritas como o 90% dos ciclistas e xornalistas que levan falando estes días. Simplemente a miña intención é a de reflexionar e facer reflexionar. E é que Armstrong non é o único malo da película. Estamos a falar da peor época do ciclismo como deporte da historia. Son os anos da dopaxe organizada, as mafias médicas nos equipos e os resultados adulterados. Armstrong foi vendido polos seus ex-compañeiros (merecidamente) e vai ser o que máis pague. Pero que facemos co resto de implicados en operacións de dopaxe? Onde queda a persecución ós médicos e directores que fomentaron o dóping organizado? Onde quedan as sancións económicas ou de por vida? Por que o doutor Ferrari ou Eufemiano Fuentes poden seguir tan tranquilos colaborando con entidades deportivas? Son moitos os porqués e poucas as respostas para que os xornalistas deportivos sacrifiquen só a Armstrong. Por que non investigar a Operación Puerto aquí en España? Tantos son os intereses ou ídolos españois que poderían saír implicados? Incluso me preguntaría por que agora os ciclistas españois demonizan a Armstrong. Compartiron unha época con el e viviron o mesmo. Díxérono Ullrich, Jäksche, Basso, Manzano, Leipheimer, Hincapie, Riis… Foi a época da dopaxe sistemática onde os principais equipos contaban cos seus médicos e o seu material particular. Todos os que falaron confesaron isto (á súa maneira, porque todos calaron moito, pero confesaron polo menos algo). Dos principais equipos non se salvaba ninguén. Contadas excepcións eran os que non ían dopados. Así que é o momento onde os xornalistas e ciclistas se quiten as caretas e admiten o que había. É o momento de que desaparezan os ídolos.

Foto parodiando sobre traxectoria de Lance Armstrong (vía: www.eljueves.es)

Foto parodiando sobre a traxectoria de Lance Armstrong o día que visitaba o programa de Oprah Winfrey (vía: www.eljueves.es)

O peor disto é que a prensa deportiva ten interese en que non se saiba máis. Está claro que se os xornalistas deportivos publicasen todo o que saben decaería o interese polo deporte. Sacarían trapos sucios de ciclistas, futbolistas, tenistas e todo tipo de ídolos en forma de dóping, apostas ilegais e chanchullos varios que todos descoñecemos pero “cheiramos” que existen. É o peixe que se morde a cola. Os intereses impiden amosar sempre a verdade e o deporte non ía ser menos. E no caso Armstrong pois tampouco. O estadounidense non falou porque quixese contar a verdade, falou porque se viu obrigado a elo. As declaracións de seus compañeiros á USADA deixárano sen outra saída que antes ou despois declarar a verdade. Pero falou o xusto e imprescindible. Lance Armstrong deixou moitos cabos sen atar. Acusou indirectamente á UCI pois dixo que lle “doara” 120.000 dólares. Desde aquí non estamos seguros de que a palabra “doar” sexa a correcta… Pero o que resulta incrible é que despois de tantos anos acudindo ás mellores clínicas, con métodos indetectables e rodeado de compañeiros e rivais ós que controlaba ó milímetro, Armstrong non acusase a ninguén. Ese é o gran problema dos “arrepentidos”. Non sabemos cal será o motivo para non falar, quizais a mafia que hai detrás, pero apenas ningún soltou máis do indispensable. Manzano foi o único que falou en España claro no Diario As no 2004 sendo vilipendiado por todo o colectivo ciclista e gran parte da prensa. Pero non é suficiente xa que a maioría calan. Falta o momento onde un ciclista estea arrepentido de verdade e destape a trama que hai detrás, acuse a médicos e compañeiros con nomes e apelidos e axude a descubrir todo o que existe para que por unha vez se poida comezar a purgar o ciclismo. Máis que a dopaxe nunha época onde case todos ían igual o silencio é do que debemos acusar a Armstrong. Entendo que a moitos lles doese despois de ver durante anos ciclismo que a triste realidade fose así, pero o mellor é facer de tripas corazón e quedarnos co espectáculo que puidemos vivir con Armstrong aguantando os ataques de Üllrich, coas aparicións de Beloki, Ibán Mayo e Óscar Sevilla, o sufrimento de Mancebo, os ataques de Vinokourov ou a espectacularidade de Pantani. Eles fixeron afección, e esa afección debe quedarse cos momentos. Os resultados foron roubados por tramposos e xa non importan, pero na miña mente ó igual que na de moitos están esas tardes de verán de Tour e Volta e esas clásicas de Abril gravadas con lume, e esa emoción e recordos ninguén mas roubará nunca. Iso son para min Armstrong, Beloki e incluso Chente García Acosta ou Massimiliano Lelli. Recordos de grandes días deportivos que agora se tornan película.

Por momentos coma este o ciclismo sairá adiante. Boonen ponse en cabeza  na París-Roubaix con Cancellara á súa roda.

En canto o ciclismo poida disfrutar de momento como estes nunca morrerá (aínda que moitos así o desexen). Na imaxe é Tom Boonen quen se pon en cabeza no mítico Carrefour de L’Arbre da París-Roubaix co suizo Fabian Cancellara intentando seguilo.

Porque o certo é que os últimos vinte anos no ciclismo son os anos “da peste”. Sempre foi un deporte perseguido á vez que cheo de tramposos, pois xa o mellor ciclista da historia, “O Caníbal” Eddy Merckx dera dúas veces positivo hai máis de corenta anos. Pero a última etapa desde incluso antes do caso Festina foi a época da dopaxe organizada e sistemática. Non sabemos o que deparará o futuro, polo momento o presente por moito que nos vendan non é moi prometedor. Os directores actuais son ex-ciclistas (moitos manchados por dopaxe, como Riis, director do Saxo Bank de Contador) e os médicos seguen sendo os mesmos dos últimos anos. Certo é que os controis son máis efectivos, pero o desenvolvemento científico e as ansias por gañar permiten que a trampa vaia por diante da lei. E se un equipo se dopa, os seguintes van imitalo para non partir en desvantaxe. Como na época de Armstrong e Üllrich. Porque se che venden algo que é a panacea que che permitirá vivir do teu e ser o mellor, por que non probala? É máis, se che aseguran que non é mala, por que non tomala habitualmente? O único que debemos é tomarnos a situación como normal e disfrutar do espectáculo, esperando que nun futuro o deporte sexa deporte e deixe de ser a película na que progresivamente se foi convertendo. A solución non a lograremos rompendo a nosa pulseira Livestrong ou deixando de ver o ciclismo polo mal que fixo Armstrong. A solución pasa por recordar os grandes momentos ciclistas que cada un pode ter na cabeza e deixar que o sorriso ilumine a nosa cara. Deixade a mente en branco e pensade en ciclismo. Porque eu xa estou vendo a Mosquera atacar a Nibali na Bóla do Mundo, a Armstrong esquivar polo campo a caída de Beloki, a Samuel Sánchez gañando o sprint nas Olimpiadas de Pekín, Simoni atacando a falta de 150 quilómetros en busca do Giro, Landis gañando o Tour cunha exhibición e a Pereiro póndose líder cunha fuga-bidón con máis de 30 minutos de vantaxe sobre o pelotón. Porque á fin e ó cabo, o ciclismo é o que ves en directo ou na televisión e que co tempo permanece na túa cabeza.