As alternativas a Monti: retorna a momia?

Hai unhas semanas publicabamos de xeito case premonitorio un artigo sobre a inminente saída de Monti  como xefe do goberno italiano. A poucos meses das eleccións o futuro parece aínda pouco claro. Vaivéns de nomes de candidatos máis ou menos extravagantes, figuras que optan polo “agora si, agora non” e o presidente saínte, que logo de moitas dúbidas xa se postulou en firme. O partido de Monti será unha “coalición de centro democristiano” co nome de “Scelta Civica” (Escolla Cívica).

Nun primeiro momento semellaba que Berlusconi estaba agardando a que Il professore abandonase o cargo para abalanzarse unha vez máis sobre o poder no país transalpino. Comezou o seu desfile polos medios de comunicación cal momia que volve á vida trala invocación dun conxuro maldito. Supoño que nos meses de letargo no seu sarcófago gozou dos praceres necesarios para volver con forza á súa droga máis dura: os focos e as portadas.

Malia o fato de bobadas do ex-primeiro ministro e as ínfulas de salvador da patria que só están ao alcance de privilexiados populistas da súa pelaxe, semellou coller medo a enfrontarse a un candidato serio como Monti e, en principio, tomou a decisión de recuar. Debeu pasar por un dos poucos momentos de lucidez da súa vida e darse conta de que precisamente o tecnócrata podía ser o que lle fixese poñerse encarnado en campaña ao detallar a situación do país logo da súa xestión.  Con todo, eu non me fiaría, esa cara estirada por ducias de liftings cada vez é máis dura e, como o sigan dando por morto, ao mellor resulta que só estaba de parranda.

Il Cavaliere

O boneco anteriormente coñecido como Silvio Berlusconi

Ante a retirada aparente de Il Cavaliere, queda como alternativa máis sólida nos o Partido Demócrático, que é unha grande coalición que se define como de centro-esquerda (un PSOE á italiana).  Confeso que, nun inicio, me acheguei ás primarias do PD por uns comentarios do xornalista Josto Maffeo nos que dicía que os candidatos, Matteo Renzi e Pier Luigi Bersani, estaban discutindo nun debate televisado pola RAI  sobre a necesidade de privatizar boa parte do sector público e liberalizar a economía como un principio programático de ambos adversarios. Por un momento sentín tremer todas as nocións de política que puidera ter e decidín afondar no asunto.

Primeiramente debemos coñecer un pouco máis os dous candidatos do PD:

Dunha banda, Pier Luigi Bersani, secretario xeral do partido e home soporiferamente gris. Non é nada máis nin nada menos ca un burócrata, un home do sistema que ocupou canto cargo se poida ocupar na administración italiana e europea . Se o tiveramos que comparar cunha figura do panorama español sería unha sorte de Javier Solana. O seu ton desganado no falar recorda ao de certo senlleiro político nacionalista galego. Bersani representa o inmobilismo máis duro do statu quo administrativo italiano e non aporta nada novo a un sistema cuxo descontento da poboación se manifesta meridianamente en que Berlusconi fose quen de gañar as eleccións máis dunha vez.

Pier Luigi Bersani

Pier Luigi Bersani coa paixón que o caracteriza

Da outra, Matteo Renzi, alcalde de Florencia e rara avis nun país como Italia (do mesmo xeito que o sería tamén en España). Podemos encaixalo no perfil de político novo, pois aínda non chega aos 40, e nesa liña ideolóxica que algúns chamarán socio-liberal. Cunhas capacidades de oratoria á altura de moi poucos na actualidade, o seu discurso leva a bandeira da honestidade e a transparencia, soa sincero e próximo ás necesidades do cidadán nos tempos que corren.  Atreveuse a cometer  imprudencias coma pedir que os partidos non fosen subvencionados cos impostos do pobo, insinuar que a culpa da crise non é dos empresarios senón dos políticos que corrompen o sistema e prometer unha redución da ineficiente estrutura administrativa italiana. Avalouno en todo momento unha xestión impecable á fronte tanto da provincia coma da cidade da capital da Toscana.

Matteo Renzi

Matteo Renzi en pose de alumno repelente

Finalmente, como  non podía ser doutro xeito, Bersani gañou as primarias. A maquinaria de partido funcionou á perfección e o portaavións acabou coa carabela que navegou durante o período electoral contra a corrente maioritaria. Porén, debemos destacar dous feitos capitais: o primeiro, que Renzi, cun programa máis ca atrevido, conseguiu rozar o 40% dos votos do electorado co centro-esquerda, o que lle pode dar folgos para seguilo intentando; o segundo, que o modelo de primarias do PD é digno de envexar, pois permite votar a calquera que se declare simpatizante do partido ou do candidato en cuestión.

Italia acabou escollendo e, sen ánimo de ofender a ninguén, penso que escolleu  seguir cunha xerontocracia que xa se demostrou incapaz por vez de intentar, canto menos, lavarlle a cara e mudar o sistema. Veremos como lles vai, seguímolos de preto.