Á carreira dende os balcáns

Croacia vence, non sen dificultades, a Eslovenia na loita polo terceiro e cuarto posto e volve acadar o bronce. Unha medalla á que se comezan a afacer os balcánicos, xa que repiten o éxito dos Xogos Olímpicos de Londres e do pasado Europeo de Serbia. A afección croata, maioría no Palau Sant Jordi, estoupa de ledicia. Veteranos coma Petar Metlicic, agochado entre os seus compatriotas nas gradas, ou Ivano Balic apresúranse a felicitar aos seus compañeiros. Forman unha roda no 40×20 e agradecen o apoio dos seus afeccionados. Os croatas son felices despois de realizar un gran torneo no que só a maquinaria danesa foi quen de detelos. Case todos o demostran. Todos menos un.

Corre o minuto 58 de partido, a vantaxe croata xa é suficiente para facerse coa medalla de bronce, cando nun choque totalmente fortuíto contra Jure Dobelsek, Ivan Čupić cae á pista do Sant Jordi de tal xeito que se manca o ombro. A xogada continúa e remata con gol de Domagoj Duvnjak, os compañeiros aínda tardan en entender a situación mais o pequeno extremo dereito croata fica tirado no chan. Cupic debe abandonar a pista acompañado polos servizos médicos da súa selección, os seus xestos demostran que acaba de sufrir un golpe doloroso. Será atendido detrás do propio banco mentres se xogan os últimos minutos. A imaxe aporta un gran contraste. Diante, a pé de pista, os compañeiros xa non agardan a que soe a bucina de final do partido e comezan a celebrar o bronce. Primeiro son os eslovenos os que se achegan ao banco croata a interesarse polo estado de Čupić, para despois os seus compañeiros tratar de incorporalo a celebración.

Ivan Čupić acaba de firmar un Mundial maxestoso, de principio a fin, coa única pega da semifinal diante de Dinamarca. Se Domagoj Duvnjak se encargou de dirixir o equipo balcánico, Cupic foi quen liderou os contragolpes dun equipo que gozou coa alta velocidade. Así conseguiron superar a primeira fase invictos e eliminar á actual campiona do mundo e olímpica, a todopoderosa Francia. Demostrou unha gran velocidade e un acerto moi alto de cara a portería, calidades das que puidemos gozar anos atrás por terras galegas, cando se deu a coñecer no Academia Octavio. Foi na tempada 2007-2008, na que se situaría de sétimo máximo goleador da Liga Asobal e na que levou un dos maiores sustos da súa carreira. Atopábase en Rijeka, preparando os Xogos Olímpicos de Beijing, cando ao intentar saltar un valado a súa alianza quedou prendida do mesmo esgazándolle o dedo. Operado de urxencia, fóronlle amputados dous terzos do dedo anular. Xa non se trataba da participación nos Xogos Olímpicos senón do futuro da súa carreira balonmanística, poucos crían que volvería render ao mesmo nivel.

Mais Čupić non se deu por vencido, volveu con máis forza e coas mesmas ganas de competir que sempre demostrou. Acompañado dunha vendaxe branca que protexe a falanxe amputada dende o 2008, o croata veuse obrigado a modificar certas pautas do seu xogo para adaptarse a súa nova realidade. Á sombra dun dos extremos máis brillantes dos últimos tempos na selección croata, Mirza Dzomba, foi quen de recoller a testemuña cando este se achegou ao fin da súa carreira, ao igual que moitos compañeiros de selección que están agora a substituír aos Ivano Balic, Vlado Sola, Petar Metlicic e compañía.

A figura de Čupić explica a perfección o que é esta nova xeración da selección croata. Forza, ambición, loita, velocidade e tensión. Unha selección moza que basea o seu xogo na defensa, nas saídas ao contraataque e nunha primeira liña que aporta lanzamento exterior e que demostrou un moi bo nivel durante estes quince días. Apoiado nos Alilovic, Duvnjak, Kopliar, Nincevic ou Vori; Čupić confirmouse coma o segundo máximo goleador, só por detrás do danés Eggert, quen o superou no duelo particular na semifinal contra Dinamarca. Aquel día, Ivan Čupić non estivo acertado e atopouse a un Landin tan inspirado en fronte que chegou a desesperalo. O único semáforo que atopou en vermello nun Mundial cheo de verdes.

Tras gañar a medalla de bronce foi o último en chegar ata o centro de campo para saudar aos compañeiros eslovenos, e foi o primeiro en marchar camiño dos vestiarios mentres os seus compañeiros continuaban coa festa no 40×20. Correu o último contragolpe deste Mundial cara os vestiarios. Pensando, probablemente, no próximo obxectivo, na próxima competición e nas próximas ocasións que terá de engaiolar ao mundo do balonmán. Ninguén dixo que con catro falanxes non se puidese facer maxia.

Foto de portada: David García Saíz