2013, un ano que traerá moito deporte
O 2012 foi un ano con moitísima carga deportiva. Foi ano de Eurocopa e Xogos Olímpicos. Pouco tempo houbo para poder descansar do marabilloso mundo do “zapping” entre as canles deportivas. Somos moitos os que estrañaremos esas tres semanas de fútbol ou esas dúas semanas con tódolos deportes olímpicos e onde os galegos puidemos celebrar grandes xestas dos nosos.
2013 non será igual pero aínda así hai moitos grandes eventos que ben seguro nos entreterán máis que unha tarde.
Fútbol
O deporte rei este ano non terá nin Eurocopa nin Mundial pero terá Copa África de novo ao adiantarse aos anos impares para non entrar en interferencia co calendario FIFA. Comeza en dúas semanas, irá do 19 ao 30 de xaneiro e xogarase en Sudáfrica, nos campos onde se xogou o último mundial. Inicialmente íase xogar en Libia pero mudouse debido ao conflito que viviron no 2011. O gañador terá dereito a xogar a Confederacións, que será do 13 ao 27 de xuño no Brasil.
Non haberá Eurocopa masculina pero si femenina, onde España, con Vero Boquete á cabeza intentará chegar o máis lonxe posible. Disputarase do 10 ao 28 de xullo en Suecia.
No fútbol de seleccións tamén haberá un evento que adoita ser tamén de bastante interese, en Turquía, do 10 ao 20 de xuño teremos a oportunidade de ver aos xogadores do futuro. O Mundial sub20 disputarase este ano con España coma unha das principais favoritas tras gañar os dous últimos europeos sub19. E, do 5 ao 18 de xuño tamén teremos a Eurocopa sub21 en Israel.
No fútbol de equipos debemos marcar tres datas importantes no noso calendario. A final da Champions League será de novo en Wembley o 25 de maio. 10 días antes a Europa League coñecerá ao seu novo gañador no Amsterdam Arena e no fútbol español liga BBVA aparte, teremos a final da Copa do Rei o 18 de maio nun campo aínda por coñecer.
Baloncesto
Coma tódolos anos teremos competición internacional por seleccións, este ano toca Eurobásket en Eslovenia, do 4 ao 22 de setembro onde España intentará conseguir o seu terceiro ouro consecutivo, algo non visto desde a Iugoslavia dos 70. Tamén as mulleres terán o seu Eurobásket, do 15 ao 30 de xuño en Francia.
O Obradoiro soña con chegar á copa de Vitoria, que se xogará no fin de semana do 7 ao 10 de febreiro. Ademais na ACB a fase final xogarase do 23 de maio ao 22 de xuño. A euroliga, por outra banda, terá a final a catro no fin de semana do 10 ao 12 de maio no O2 arena de Londres.
Ao outro lado do océano Atlántico, as finais da NBA serán coma sempre a finais de maio-principios de xuño aínda que sen datas concretas que se coñecerán a ritmo que vaia avanzando a competición.
Balonmán
Este venres comeza unha das grandes citas do deporte mundial deste ano e farao ben preto de nós. Do 11 ao 27 deste mes teremos a oportunidade de ver o mundial de balonmán en España, onde os locais intentarán lograr o triunfo ante os seus.
No balonmán por equipos o Atlético, o Ademar León e o Barcelona seguen vivos na EHF a onde intentarán chegar á final four, o 1 e 2 de xuño en Colonia.
Tenis
Rafa Nadal intenta recuperarse da súa lesión o mellor posible e está prevista a súa volta ás canchas no torneo de Bos Aires ou Acapulco. Este ano a competición ao non ter os xogos olímpicos recupera o seu calendario habitual onde teremos que marcar en vermello os grand slam:
-Open de Australia do 14 ao 27 de xaneiro.
-Roland Garros do 27 de maio ao 9 de xuño.
-Wimbledon do 24 de xuño ao 7 de xullo.
-US Open do 26 de agosto ao 8 de setembro.
Tamén o Másters final da ATP disputarase do 4 ao 10 de novembro en Londres, onde os oito mellores tenistas do ano intentarán demostrar quen é o mellor. A final da Davis será na fin de semana do 15, 16 e 17 dese mesmo mes.
Natación
Este é un esperado ano para a natación xa que volveremos a ver en acción aos mellores nadadores do mundo no mundial de Barcelona, do 19 de xullo ao 4 de agosto.
Ciclismo
O importante da tempada ciclista non comezará ata o mes de marzo pero para ir abrindo boca teremos este mes o Tour Down Under (do 22 a 27) e o mes que vén a Challenge de Mallorca xunto con algunha carreira menor máis. Do 20 ao 24 de febreiro teremos no medio o Campionato do Mundo de ciclismo en pista. Logo diso moitas serán as carreiras que se sucederán: a Milán-San Remo (17 de marzo), o Tour de Flandes (31 de marzo), a París-Roubaix (7 de abril) e as tres clásicas de Ardenas onde se inclúen a Amstel Gold Race (14 de abril), a Flecha Valona (21 de abril) e a Lieja-Bastoña-Lieja (21 de abril). Tras o Giro de Italia (4 ao 26 de maio) e o Tour de Francia (29 de xuño ao 21 de xullo) teremos por España a Clásica de San Sebastián (27 de xullo).
A Volta a España este ano sairá desde unha batea na provincia de Pontevedra e terá varias das súas etapas por Galicia, disputarase do 24 de agosto ao 15 de setembro. Pena non poder ter un equipo galego correndo pola nosa terra.
A última gran cita da tempada será o Mundial, o 22 e 23 de setembro en Florencia.
Motor
Desde onte e ata o 20 de xaneiro córrese o Dakar, que este ano recorre de novo sudamérica, atravesando Chile, Arxentina e Perú.
O 17 de marzo voltará a Formula 1 da man do gran premio de Australia. Este ano disputarase unha carreira menos debido a que desaparece o Gran Premio de Europa que se celebraba en Valencia.
As motos, pola súa banda, regresarán na fin de semana do 7 de abril, no circuíto de Qatar.
O rally de Monte Carlo dará comezo á tempada do WRC dentro de dúas semanas, que durará ata o mes de novembro, cando se dispute o rally de Gran Bretaña.
Atletismo
Do 1 ao 3 de marzo correrase o campionato de Europa en pista cuberta en Gotemburgo e do 10 ao 18 de agosto en Moscova o mundial en pista descuberta onde Usain Bolt intentará voltar a batir o record do mundo dos 100m lisos de novo.
Rugby
Do 2 de febreiro ao 16 de marzo disputarase o Seis Nacións e do 17 de agosto ao 5 de outubro o Campionato Mundial de rugby.
Voleibol
Do 6 ao 14 de setembro teremos o campionato de Europa feminino en Alemaña e Suiza e do 20 ao 29 en Dinamarca e Polonia o masculino.
Piragüismo
Un dos deportes onde sempre triunfan os nosos deportistas terá este ano dúas citas ineludibles. Do 12 ao 14 de xuño remarán por ser os mellores de Europa e do 21 ao 25 de agosto os mellores do mundo.
Fútbol Americano
Outra das grandes citas é a Superbowl de fútbol americano que se xogará o 3 de febreiro en Nova Orleáns, o que provocou que se tivesen que aprazar unha semana as tradicionais cabalgatas do Mardi Gras.
Ben seguro será un ano para gozar de grandes xestas de novo.
Foto de portada: Charlie Peartree