Xulia Alonso: “A crise económica favorece a expansión do negocio das drogas”

Santiago, anos 80. Miles de mozos descobren e exploran o mundo das drogas e moitos rematan enganchados a elas. Cidade de arte e rebeldía. Xulia Alonso axúdanos a colocarnos de primeira man nesta emblemática época compostelá coa súa exitosa novela Futuro Imperfecto. Obra autobiográfica feita para sentir e gozar. Xulia cóntanos como se enganchou ás drogas, como se namorou. Comparte a súa experiencia na cidade e todo o que supuxo o seu paso por ela, o importante cambio que provocou na súa vida. A obra xira en torno a morte de Nico, o seu home, morto de sida en 1992, relatándonos toda a súa historia de amor desde o comezo ata os seus últimos días xuntos. Historia tráxica á vez que fermosa, real e próxima.

Xulia, como recorda o seu paso por Santiago? Que pode dicirnos acerca de como era esta cidade nos seus tempos?

Imaxina, anos 80 en Santiago, sendo a única cidade universitaria de Galicia. Era un fervedoiro de xente nova. Tardabamos meses en volver á casa e tiñamos moitas ganas de vivir libremente. Date conta que tres o catro anos antes morrera Franco e nós eramos dos primeiros que podiamos gozar deste novo tempo de liberdade. Neses anos chegaron moitas cousas, ademais das drogas. Santiago abriuse e éramos continuos receptores de arte, cine, literatura, música… Na Quintana, o centro de reunión por excelencia, nós pisabamos pouco a zona nova, atopabas xente lendo, debuxando, tocando algún instrumento. Iamos as proxeccións dos ciclos de cine no Capitol ou no Yago. No medio de todo isto chegaron as drogas tamén. Había moito que descubrir e algúns de nós andabamos a todo.

Como lembra esa gran adicción ao consumo, ese desenfreo?

Foi todo moi rápido, vertixinoso. O cambio foi brutal. No ano 79 o ambiente na cidade era festivo e todo se compartía; no 84 a violencia, os roubos, as liortas consecuencia da adicción ás drogas o transformaron todo. As drogas consumíanse con moito descaro, mesmo publicamente e Santiago é unha cidade moi pequena, todo se sabe, pero aquel novo negocio desenvolveuse sen interferencias, sobre todo nos primeiros anos. Este foi un fenómeno xeral en toda España. Non era tempo de prohibicións, só hai que recordar aquela famosa frase de Tierno Galván, alcalde de Madrid, nun concerto en 1984: “Rockeros, el que no esté colocao que se coloque”. Foron anos no que parecía que todo era posible, tempo de liberdade, de oportunidades e nós eramos moi novos. Creo que foi un privilexio vivilos, aínda que a factura foi demasiado alta. Morreu moita xente, demasiada xente. Este é un dos motivos polos que penso que lembrar aquel tempo permite recuperar tamén a memoria dos que se foron.

Que opina hoxe da cidade de Santiago? Que sente respecto a ela?

Realmente a parte dos anos vividos en Santiago foi a que me resultou máis difícil de escribir, non por Santiago, senón por lembrar todo aquel tempo, situarme neses anos. Volver alí coa perspectiva de hoxe puxo en evidencia todo o que perdín, todo o que quedou polo camiño. Foi moi duro, digamos que a miña memoria resistíase a lembrar. Con todo, para min Santiago segue sendo unha cidade moi especial. Aínda hoxe teño una relación con Santiago moi afectiva, encántame, e é unha cidade na que me sinto moi cómoda, coa que me identifico dalgún xeito, teño marabillosos recordos dela, tamén os teño tristes, si, pero, con todo, pesan máis os positivos.

Entón despois de todo, non lle queda ningún tipo de rexeitamento cara a cidade? Non lle causa dor ir a Santiago, recordar… ?

Hai una cousa que aprendín cos anos que creo que é una lección importantísima. Ao longo da vida hai una emoción que hai que intentar eludir: o resentimento. É unha emoción estéril, tóxica, que impide que nada positivo se desenvolva na súa presenza. O que pasou en Santiago pasou en moitos outros lugares de España e de Europa. Ademais, eu alí tamén descubrín cousas marabillosas, alí empecei a traballar, alí descubrín a sensación de liberdade, alí me namorei… Tamén me enganchei ao cabalo, si, é certo, pero esa unha das cousas que pasaron. Evidentemente, esta tivo graves consecuencias, pero sigo viva, e o que son hoxe é o resultado de todo o que vivín, polo tanto non renego de ningunha das experiencias do pasado. Teño un relación con Santiago moi sentimental, incluso romántica. É unha cidade que sempre me sorprende, nunca me é indiferente pisar Santiago.

Por que decidiu publicar a súa historia?

O libro non foi escrito para ser publicado. Eu xa pensara en escribilo había moitos anos, xusto cando Nico morreu. Non se esperaba que eu durase moito máis e eu pensaba que a miña filla co tempo se faría moitas preguntas ás que podería non atopar respostas. Nese momento pensei que era importante escribir a nosa historia, a miña e a do seu pai, porque esta sería a base da súa. O que pasa é que as emocións non son fáciles de manexar e precisei tempo ata atopar o momento axeitado para facelo.

Entón deixou de lado a preocupación pola harmonía, pola beleza do texto, pola adecuada redacción?

A min sempre me gustou ler. Eu son fundamentalmente lectora, co termo escritora aínda non me identifico. Por outro lado amo a lingua e amo a literatura. A min paréceme que a literatura é unha forma de comunicación moi eficaz, pois permite transmitir experiencias e emocións de forma que o lector as experimente como se as vivira. Cando eu empecei a escribir esta historia, dende o primeiro momento comecei a escribir un libro, neste caso para consumo doméstico, pero un libro. Intentei escribilo en clave de novela, buscando a forma máis fermosa e eficiente de transmitir os feitos, pero sobre todo, as emocións, porque Futuro Imperfecto é un libro para sentir.

Por que en lingua galega?

Eu pertenzo a unha xeración que foi educada en castelán, aínda que na miña casa se falara galego. Meus pais falaban en castelán con nós e en galego entre eles. Os meus avós só falaban en galego. Xa co tempo a cuestión de usar a lingua galega converteuse nunha cuestión de compromiso persoal, de compromiso coa lingua, tan maltratada e desacreditada desde o poder sempre. Ademais, o galego é unha lingua moi fermosa, moi musical. A nosa lingua ten unha musicalidade que eu creo que para a literatura é moi axeitada.


Como ve o problema coas drogas hoxe en día?

En relación coa heroína, o consumo descendeu desde a expansión do VIH, pero a situación que estamos vivindo pode facilitar un repunte. A situación de crise económica favorece a expansión do negocio das drogas nun entorno de necesidade e precariedade, e isto é moi preocupante.

Como leva a enfermidade? Dispón de medios? E eficiente o sistema sanitario cos infectados de VIH?

Dende o ano 1990 que comecei a tratarme sempre tiven acceso a todos tratamentos farmacolóxicos que precisei de xeito gratuíto. Tanto a asistencia médica como a farmacéutica foi sempre impecable e isto é moi importante para crear un entorno de confianza e estabilidade que axuda a afrontar a enfermidade, sexa cal sexa. Se non sentes esta sensación de protección, de seguridade, o medo incrementa o sufrimento. Agora as cousas están cambiando e os recortes ameazan á nosa sanidade pública dun xeito moi preocupante. De feito agora certos tratamentos, unha vez pautados polo especialista correspondente, deben pasar por un comité que autorice esa decisión. Isto implica un retraso de meses, comprometendo a saúde dos pacientes. Isto xa é unha realidade.

Despois da acollida que tivo o libro, non pensa escribir mais?

Hai tempo lin un libro de Henning Mankell titulado “Moriré pero mi memoria sobrevivirá”. Nel fala sobre os Memory books, libros de recordos que algunhas mulleres en Uganda, enfermas de sida, escriben para os seus fillos e fillas. Desde que souben dos Memory books sinto un forte vínculo que me une a esas mulleres, gústame pensar que o meu tamén é un Memory book. As forzas que moven ós seres humanos son as mesmas sexa cal sexa o lugar onde se viva. Elas e eu escribimos polos mesmos motivos, aínda que as nosas situacións sexan escandalosamente diferentes. Por iso teño como proxecto escribir sobre este tema.

Por último ,como está vostede agora? Como é a súa vida na actualidade?

Síntome bastante ben. Teño una vida tranquila, moi normal, sempre a tiven. Intento coidarme, fago vida saudable, escribo, leo, levo una vida normal. Durante os anos mais complicados tamén a tiven. Tamén colaboro coa consulta de VIH de Vigo nun proxecto dirixido a mulleres con este virus.