Voluntariado en Compostela

Os proxectos de voluntariado son habituais na maioría das cidades galegas, pese a isto só unha minoría coñece o seu labor. Co inicio da crise en 2008 houbo un aumento da vontade a colaborar da cidadanía con consecuencias positivas ao poder atender a un maior número de persoas. Porén, as institucións e demais organizacións nunca chegan a todos e todas que o precisan. En Compostela existe un número considerable de voluntarios, moitos deles aínda estudantes, que axudan a mellorar esta situación.

En setembro de 2011 Xacob Rivas Varela, estudante de Bacharelato, comezou a participar en proxectos de voluntariado coa Cruz Vermella. Desde aquela, colabora no Centro de Mediación Social (CMS), traballando con nenos de dez a catorce anos. “Dedicamos dúas horas a axudalos cos deberes da clase, e unha terceira a facer actividades, atendendo a unha temática de integración social; aínda que tamén programamos algunhas actividades con temas puntuais nalgunhas semanas, como por exemplo o día do maltrato de xénero ou o día da auga“.

A Cruz Vermella, situada na compostelá Avenida de Lugo, leva a cabo programas de diversa índole. Hai algúns dedicados aos maiores, como o Proxecto de axuda a domicilio, outros ás persoas sen fogar, é o caso do coñecido coma Calor Café, no que os voluntarios ofrecen café e conversa a estas persoas. Tamén existen programas de emprego e de inmigrantes, como clases de castelán, así como os orientados cara a xuventude e os de socorros e emerxencias. Para colaborar é necesario facer unha breve entrevista e posteriormente realizar un pequeno curso moi sinxelo, que pode ser asistencial ou online, parar coñecer mellor o seu funcionamento.

Outra opción de voluntariado na cidade é Cáritas Diocesana de Santiago, ligada á Igrexa Católica. Para colaborar a única condición requirida é a de ser maior de 18 anos; a partir de aquí pódese comezar a participar escollendo entre unha gran variedade de proxectos. Como a Cruz Vermella, atende á infancia e adolescencia, con programas que van desde a área educativa ata a área psicolóxica, á muller, aos desempregados, á familia, aos maiores… Segundo datos ofrecidos por Javier García, responsable de comunicación de Cáritas Diocesana de Santiago, existen 1656 voluntarios na Diocese, os cales atenden a boa parte da poboación galega.

A Cociña Económica ofrece outras posibilidades. Fundada aproximadamente hai 110 anos está dirixida polas Irmáns da Caridade e conta cun reducido número de traballadores e máis de vinte voluntarios, sobre todo xente nova e xubilados. É o caso de Laura Álvarez Troitiño, estudante de Pedagoxía na Universidade de Santiago: “colaboramos un grupo de rapaces e segundo os teus horarios elixes un día á semana; eu, por exemplo, vou á hora da cea, estamos alí desde as 7.45 que empezamos a preparar os pratos e a organizalo todo, logo hai unha persoa que recolle os tickets e dá o pan, ou o postre, e outras serven a comida. Ao acabar recóllese todo e déixase preparado o almorzo do dia seguinte”.

Como algunhas das persoas que participan en proxectos deste tipo en Compostela, Laura Álvarez entrou a través do Departamento de Voluntariado da USC. Situado na rúa das Casas Reais, a través del pódese acceder a diferentes proxectos doutras organizacións ( non ten ningún propio). O departamento de Voluntariado naceu en 1997 e desde aquela leva ligando estudantes e proxectos, os cales malia a seren bastante variados teñen prazas reducidas. Como a maioría das organizacións, atenden aos colectivos desfavorecidos máis habituais, pero tamén ofrecen voluntariado en museos e outras entidades de tipo cultural, aínda así os proxectos varían segundo o Campus, non son os mesmos en Santiago que en Lugo. Ao realizalos, segundo o número de horas, son recoñecidos como ECTS optativos para as titulacións de grao.

Recentemente, como resposta á crise económica, e diferentes ás opcións tradicionais, están comezando a xurdir en Galiza os coñecidos como Bancos de Alimentos, xestionados na súa maior parte por persoas voluntarias. Un exemplo é o futuro Banco de Alimentos de Teo que se porá en marcha a finais deste mesmo ano. A maiores, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, sen ter programas propios, fai un labor de intermediario entre voluntarios e organizacións de toda Galiza, como a AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias de Lugo), algunha A.N.P.A, diferentes agrupacións de protección civil de concellos como Boqueixón ou Brión. Para colaborar un débese rexistrar no Rexistro de Acción Voluntaria e posteriormente incluírse nun dos programas.

Con máis de 11 millóns de persoas en risco de exclusión social en todo o Estado non é mala idea participar neste tipo de proxectos. Se ben é certo que cada persoa o fai por diferentes motivos. “Colaboro porque sinto que fago un labor directo cos nenos, e realízome ao ver que van adquirindo coñecementos e aprendendo valores que non poden aprender doutra forma, porque non teñen os recursos que deberían ter, segundo os dereitos humanos”, é a razón pola que Xacob Rivas participa, entre outras.

O que si é común a case todos os voluntarios parece ser a súa opinión ao respecto. Para Xacob “é un dez redondo. Ao mesmo tempo que fago un labor social desinteresadamente, coñezo a moitas persoas bastante afíns a min coas que comparto gustos, ideais e valores”. “É unha maneira de axudar a aqueles que máis o necesitan, e ademais cos tempos que corren… Unha hora ou dúas á semana non é nada, sería xenial que máis xente invertese o tempo neste tipo de actividades”, afirma Laura Álvarez.

Realmente parece que tiña razón Gustave Flaubert cando afirmaba que “a fraternidade é unha das máis fermosas invencións da hipocrisía social”. Ou case mellor expresado por Laura Álvarez, “felicidade en estado puro, un sorriso é algo que di moito”.