Un ano máxico para o Club Deportivo Lugo

Cando Quique Setién se embarcou no proxecto dirixido por Xosé Bouso e Carlos Mouriz, o club lucense atravesaba unha longa travesía pola Segunda División B, tras o ascenso conseguido na tempada 2005-06. Tan só un curso lle bastou ao técnico cántabro para implantar as súas ideas e o seu estilo de xogo nun Lugo ao que a xente comezou a chamar o ‘Nabo Mecánico’ facendo unha sutil comparación coa ‘Naranja Mecánica’ de Cruyff e compañía que exhibiron un excelente nivel de xogo alá polos anos 70.

Na temporada 2010-11 o equipo remataba a Liga no primeiro posto do Grupo I e acadaba o tan ansiado play-off de ascenso á Segunda División A, a liga de prata do fútbol español. Na primeira eliminatoria de ascenso directo quedou emparellado co Real Murcia co que caeu eliminado, polo que tivo que disputar unha segunda fase de repesca. O primeiro equipo co que se enfrontou foi o Deportivo Alavés ao que conseguiu superar acadando a derradeira eliminatoria fronte ao Alcoyano. Na ida, o partido rematou coa vitoria do Alcoyano por un tanto a cero. O 26 de xuño de 2011 a cidade enteira envorcouse co seu equipo para conseguir a remontada. Aquel día, a pesar de non lograr finalmente o ascenso, será recordado por todos os afeccionados que asistiron ao partido e que tras o asubío final tomaron o terreo de xogo para pasear en ombros o seu adestrador e consolar as súas lágrimas, ao grito de ¡Quique Setién!

Un ano máis tarde, o equipo volveu a clasificarse para o play-off de ascenso, rematando a temporada no terceiro posto. Na primeira fase os lucenses venceron ao Eibar pola mínima, acadando a segunda fase na que se enfrontarían ao Atlético Baleares. Esta vez dun xeito máis folgado o Lugo volvía acadar a terceira e definitiva eliminatoria, o rival a bater agora era un equipo histórico da primeira división e cunha afección de primeira, o Cádiz.

Cun resultado de 3-1 no partido de ida a favor do conxunto de Quique Setién, todo facía pensar que esta vez si, o ascenso estaba moi preto. Pero o conxunto gaditano non puxo as cousas fáciles e ante uns 15.000 afeccionados que se achegaron ao Ramón de Carranza, conseguiu igualar o resultado da ida. O ascenso decidiríase nunha fatídica quenda de penaltis.

Manuel Rodríguez, ‘Manu’, sería o encargado de escribir unha das páxinas máis gloriosas deste Club Deportivo Lugo, tras marcar a derradeira pena máxima, confirmábase a súa promoción a Segunda División, algo que só acadara unha vez na historia, na tempada 1992-93.

Lugo

Tras lograr a xesta, a maior parte dos heroes do ascenso cambiaron de aires neste mercado estival. Precisamente o destino, caprichoso, fixo que un dos poucos que aínda permanecen no equipo se convertera novamente no protagonista do primeiro partido disputado en Segunda División, vinte anos despois, marcando o único gol do partido, José Manuel Rodríguez, o eterno capitán.

Dezanove xornadas despois, o Lugo camiña firme pola división de prata, ocupando a duodécima posición con vinte e seis puntos. En cada partido demostra un carácter propio e insaciable. A súa personalidade non lle deixa baixar os brazos nin renderse ante ningún rival; así, logrou vitorias como a conseguida fronte ao líder da categoría, un Elche que se está a mostrar intratable. O punto conseguido no Madrigal fronte ao Villareal é boa mostra do traballo ben feito. Un ano atrás o ‘submarino amarillo’ estaba a disputar a Liga de Campións, mentres que o Lugo militaba en Segunda B, non fai falla engadir nada máis.

A vitoria conseguida fronte ao Sabadell no estadio Nova Creu Alta, na última xornada disputada de Liga, pecha un ano para enmarcar e colma de ilusión aos afeccionados para este 2013. Alcanzar a permanencia o antes posible será, con toda seguridade, o desexo de moitos seguidores albivermellos para este aninovo.