Só queda un lonxe triste
Supoño que aínda coa resaca da celebración deste día sinalado (centos de persoas ateigaban onte a noite compostelá cun inequívoco fervor polo solemne aniversario) é o momento idóneo de reflexionar un intre sobre a Constitución Española. Brincadeiras á marxe, o terreo da política española semella sementado unicamente de pura nostalxia. Cada vez que se fala agora da Carta Magna recordo aquel “lonxe triste” que sentía María Mariño e que se antolla abstracción perfecta do que sucede con este documento.
Alén do que é estritamente o contido da Constitución moitos queren ver nela un soño ou unha promesa. O soño dunha España unida e democrática e a promesa de que todos poñerían da súa parte para conseguila. Esta mensaxe tiña sentido no 1978, xa que logo de corenta anos de ditadura o parto do novo réxime necesitaba dunha cesárea na que todas as partes cederan para que a criatura fose viable. Agora cambiou o escenario e debemos lembrar que aquel documento non deixara contento a ninguén, pois algún aínda botaba de menos a Franco, outros querían voltar ao punto no que quedara España no 36, os federalistas crían que o modelo de estado era demasiado centralista e estes temían que as novas Comunidades Autónomas tomasen demasiado poder. Todos asumiron que non era tempo de quimeras e o fondo prevaleceu á forma.
Se entendemos a Constitución de 1978 como unha solución de compromiso e como un intento de poñerlle os cueiros a aquel sistema recén nacido non debería existir o medo a reformar o que sexa necesario. Un cueiro non pode durar máis de catro décadas, pouco sentido ten seguir aludindo a que a democracia española é aínda nova e que hai que seguir construíndoa. Se, como di xa o artigo 1 no seu segundo punto “A soberanía nacional reside no pobo” é de xustiza darlle a este a oportunidade de decidir como e cal é o Estado no que queren vivir.
Cal é o motivo entón desta defensa enconada da Carta Magna como documento eternamente inmutable? Non é máis ca unha expresión das teimas da clase política por manter o statu quo que lle outorga todos os privilexios dos que crean necesario gozar. O xogo do reformismo constitucional é ben simple: na oposición pídense modificacións e no poder escóllese entre facer oídos xordos ou exercer de garante manifesto da “inviolabilidade” do documento. Quizá este sexa o problema, que a Constitución xa foi a puta de todos aqueles que se erixen defensores dela e a incumpren de xeito sistemático. Son os mesmos que se queixan da complicación de cambiala, dos complexos mecanismos que se necesitan e despois se poñen de acordo para facelo nunha tarde sen case consultalo con ninguén.
Para rematar, como nestas ocasións os políticos teñen que saír a dar discursos, Rajoy fíxoo hoxe tamén para dicir que o documento “está plenamente vixente e debemos conservalo”. Ao presidente dáselle moi ben retroceder e sentir nostalxia de tempos pasados. Por certo, isto díxoo no Senado, creo que é un sinal.