Singular e plural
Non temades: non veño ofrecer outro alegato a favor da ortografía coma o do meu amigo e compañeiro de redacción Álex Salse. A RAG aínda non financia Compostimes para tal fin (aínda que todo se andará). Aquí quería proporvos un exercicio mental que pode resultar mesmo máis doado ca distinguir entre “se non” e “senón”. Imaxinade que vos ofrecen unha illa deshabitada con abundantes riquezas no medio do mar, estilo pedrolo de Perejil pero ó revés. Para xestionar os innumerables tesouros que se atopan entre os seus límites déixanvos levar convosco un grupo de persoas. Chegados a este punto, ábrense dúas posibilidades ante o futuro virrei insular (ti): levar un grupo de xente que comparta no esencial o teu pensamento e convertir a illiña no paraíso terreal da túa ideoloxía ou ben coller xente coas ideas políticas máis dispares posibles, crendo que do “caos creativo” que aí se orixinaría pode saír algo con xeito. Vós que elixiriades?
Esta dicotomía entre o organizado e o desorganizado, o coherente e o incoherente, o unitario e o variopinto (hai máis binomios que podedes engadir) pódese aplicar de xeito moi parecido a esas illas no medio do océano informativo que son os medios de comunicación. Cando un grupo de persoas crea un xornal, unha radio ou unha televisión ten que decidir se quere que sexan órgano de expresión dunha liña ideolóxica determinada ou se, polo contrario, prefire que nas súas páxinas teñan cabida varias tendencias. Ámbalas dúas opcións son igual de lexítimas, mais a súa función é diferente. O labor dun medio unidireccional é provoca-lo asentimento dos seus lectores, que se reafirmen nos seus pensamentos anteriores, que alimenten a súa opinión pero que non a cambien. Pola contra, un medio plural nace para fomenta-lo debate, mesmo o enfado entre os seus lectores, que a bo seguro serán cada un do seu pai e da súa nai.
Sempre crin que Compostimes debía ser un medio plural. Ora ben, nestes máis de dous meses que levamos na rede, aprendín que non hai un só concepto de pluralismo. Hainos que defenden unha visión à la Aído: a igualdade é que haxa o mesmo número de artigos de esquerdas ca de artigos de dereitas, fifty-fifty. Este prantexamento fai augas por moitos lados, pero especialmente por un: que é un artigo de esquerdas e que é un artigo de dereitas? Hai que medir tamén “a intensidade” do dereitismo e o esquerdismo? Como o mundo non é bicolor, branco e negro, concluín que era imposible impor este tipo de cota en Compostimes. Xurdiu ante min logo outra opción: que escribisen o mesmo número de persoas dunha e doutra tendencia. Sistema de cotas 2.0, chamémolo. Pero hai outro problema: que as persoas (por desgraza para algúns) non son máquinas de cacarexar programas políticos. Aínda que en Composturas escribisen cinco persoas de esquerdas e cinco de dereitas (se é que se poden pór semellante etiquetas), quen asegura que van escribir coa mesma frecuencia? Que os seus artigos terán o mesmo “grao de esquerdismo” ou de “dereitismo”? Que pasaría se un redactor “de dereitas” fai unha semana un artigo puramente ideolóxico e o “de esquerdas” se mete cunha reportaxe na que non queda patente o seu pensamento? Choveríannos as críticas e empezaríamos a coxear compulsivamente dalgún pé, a ollos dos nosos lectores.
Despois de moitas noites de insomnio, de soñar con Lenin e con Von Mises en diversas situacións, aparecéuseme de madrugada o mesmísimo Clarence Leonard “Kelly” Johnson (non, eu tampouco sabía quen era) e díxome catro sabias palabras: “keep it simple, stupid”. Acto seguido deume un bico e marchou ó recuncho do subconsciente de onde viñera. Por que, en vez de convertir Compostimes nun banco de experimentación de delirios planificadores, non o deixaba simplemente existir? É dicir, por que non deixar de mirarlle a cada redactor o carné político (afección coñecida no eido xornalístico galego coma “síndrome Sermos”) e fixarme só en como escribía? A pantasma de Paco Marhuenda que aparecera no meu soño fuxiu despavorida. Iso era a pluralidade: que no noso medio non existise un filtro ideolóxico, senón que houbese tantas liñas editoriais como redactores.
Os que formamos parte de Compostimes cremos que diferentes á marea xornalística e xornalística que nos espera en quioscos e navegadores de internet, temos que empezar por incluír todo tipo de opinións nas nosas pezas. Que para ser singulares, hai que empezar por ser plurais.