“Que no me impongan el gallego”
Unha onda de xacobinismo percorre o estado español avanzando implacable e impune amparada polos estamentos de poder. A lei de involución Wertiana e a actitude porfiona do presidente Feijóo e acólitos fan que moitos estean quitando os antefaces e adoptando unha posición de vítima que só agocha unhas ganas sádicas de converterse en verdugo. Os voitres saen das súas covas e voan en busca dun botín, agardando a que estea moribundo para despezalo. Non perden oportunidade de amosar o seu gusto pola prea.
O nacionalismo español, sobre todo aqueles que o empregan con afán autoritario, compórtase desde tempos antigos de xeito que intenta eliminar os demais utilizando todas as armas que están ao seu alcance. Sacódese esa etiqueta para atribuírlla só aos “periféricos” e cárgaa de todas as connotacións negativas que se lle ocorran. É mentireiro porque non se define como tal e, ademais, é bipolar porque amosa ao mesmo tempo o seu odio polos outros do estado e combínao cunha obsesión enfermiza porque sigan formando parte del. A todas luces, un cadro de síntomas digno de diagnóstico psiquiátrico.
Un dos últimos episodios, se aínda queda algún lector deste xornal que non o coñeza, produciuse o pasado 17 de decembro no programa Pensando en ti, presentado por Alberto Freire. Todo transcorría con normalidade ata que recibiron unha chamada controvertida. Unha oínte quería expresar o seu descontento, e mesmo a súa indignación, polo feito de que a Radio Galega, un medio que “lo pagamos entre todos”, cometese a desvergonza de usar como lingua vehicular a que é propia desta terra. Déixolle ao lector que xulgue por si mesmo a profundidade de argumentos do tipo: “Evidentemente no soy de izquierdas, soy española” ou “Es una falta de educación que yo le hable un idioma, que es el español, y usted me hable en gallego”. Ante semellante situación, o condutor simplemente tira dun mínimo de cordura para respostar coa Lei de Creación do Ente Autonómico na man cal foi o motivo de que comezase a andaina de dita radio e cales son as súas normas.
Non podo agochar a miña fascinación polas críticas contra a “imposición del gallego”. Debe ser que un servidor vive nunha realidade paralela e diferente a aquela do Partido Popular e secuaces. Debe ser que é certo que a maioría da poboación non só fala galego senón que tamén marxina aos que falan castelán. Debe ser que existen milleiros de medios de comunicación de masas na nosa lingua e que os que escollen aquela que vén de fóra non reciben ningunha subvención que os manteña.
Realmente, o único que sei é que me sentei a escribir isto de moi mal humor e que xa estou algo canso. Por se fora pouco, acabo de ver a portada de hoxe de El Mundo. Creo que por estes lares non todos están preparados para a democracia. Opinen vostedes.
Foto destacada: Isidro Cea