Premios Composturas “Os máis” de 2012
Reunido todo o conciliábulo das Composturas decidimos facer este repaso particular ao 2012 que xa se nos vai en clave de premio. Como o Nadal é unha época de excesos, e este foi un ano de excesos no panorama político e económico, que é o que nos ocupa, estes galardóns concedémosllos aos “Máis” do ano. Aí van os afortunados:
O máis deportista
Se algún de vós cría que o mellor deportista de risco do ano fora Felix Baumgartner ou algún indocumentado polo estilo é que non coñece as fazañas do noso Juan Carlos. Por se fora pouco a súa práctica do tiro ao elefante con tirabuzón e medio en Botsuana, demostrou a súa habilidade na doma de xenro corrupto ou na inmersión en asuntos nos que ninguén o chama, entre outras especialidades. Concedemos este premios porque estamos indignados con que este ano non falasen nada del os compañeiros de Depórtate Ben.
Darío Domínguez e Mario Nespereira
O máis retro
“Si gana el tripartito, Beiras sacará el zapato y esto será el corral de la Pacheca”, advertira un dirixente do PP durante a campaña electoral. Mais confundirá o cañí da metáfora co estilo “retro” da nosa personaxe. “O Beiras” voltaba coa elegancia intelectual de sempre. Se cadra por iso, había quen lle tiña medo. Tanto, que cando entrou con paso firme no Parlamento tras unha marcha polas rúas de Compostela algúns ollaron cara a abaixo, na busca dos seus zapatos. Alí estaban, ben lustrosos, esperando ser manchados pola area da primeira liña da política. Se os sacará ou non, ignorámolo. Mais intúo o segundo. Ó fin e ó cabo, tratábase de bailar flamenco…
Marcos Fernández
O máis educado
O ministro de Educación, Cultura e Deporte destaca por riba dos seus competidores nesta categoría. Co seu anteproxecto de lei educativa pretende reeducar aos rapaces españois e “españolizar” aos nenos cataláns. As novas xeracións sentirán no seu cogote a presión das famosas reválidas que xa fixeron sufrir aos nosos pais. Quen dixo que na innovación estaba o gusto? Nada mellor coma volver aos anos 70 para acadar unha educación de calidade. Seguro que o ministro Wert era gran seguidor do famoso programa de Antena 3 “Curso del 63” cuxa metodoloxía de ensinanza era sumamente estricta, rancia e dereita. Por iso Compostimes o ten claro. O premio ao máis educado de 2012 non pode acabar noutras mans que non sexan as de José Ignacio Wert. Todo sexa polos nenos españois e a súa educación, a ver se o ano que vén lle sae competencia.
Lara S.Santos
O máis insensato
Aínda que non foi o único, si que foi o primeiro e merece que o homenaxeemos. Alá polo comezo de Outubro, cando aínda non era de dominio público sequera o nome de Compostimes, o intrépido Rafa Cuiña cometeu a imprudencia de enfrontarse a uns xornalistas veraces e voraces que non sabía case nin de onde saían. Tal foi a súa heroicidade que non só saíu indemne da contenda, senón que aínda quedou como amigo do xornal e se puxo da súa parte cando Caneda nos chamara mentireiros en Marca TV.
Ademais de semellante mostra de valor, acometeu outras iniciativas como abandonar o Partido Popular para formar parte do proxecto de CxG. Non lle ten medo a nada. Agardamos que teña un magnífico 2013.
Darío Domínguez
O máis “mollabragas”
¿Esqueceríades a Miranda Kerr se falades das mulleres máis guapas do mundo? Eu tampouco podería deixar no caixón desmemoriado a Julio Anguita nos máis destacados do ano. É por iso, e polo seu discurso, que é casi obligatorio darlle este premio na pola súa intervención en Salvados: ciudadano Klinex. As súas verbas foron coma golpeciños no peito. Golpeciños que fan que queiras coller a capa e máis a espada e saír a conquistar mundos. Ou cambiar o que temos. E xa se lía en Twitter: Julio Anguita acaba de deixar embarazada a mil mulleres co seu discurso en Salvados. Touché ao que dixo semellante verdade. Lembrade que mentres esteamos tranquilos ante o actual panorama, non faremos nada.
Karla Barca
A máis xulgada
O pasado verán a socialista foi “a comidilla” polo seu video erótico difundido pola rede. Deste xeito, non podía estar noutra categoría. Unha muller condenada vía Twitter e opinión pública polo feito de aparecer masturbándose nun vídeo e envialo a un único destinatario. Tamén Olvido podería estar na categoría “a máis inxenua”. Sexa cal sexa a categoría, o que sí teño claro é a reivindicación en voz moi alta e case a berros, da liberdade sexual. Non da libertinaxe, máis ninguén pode ser xulgado de maneira sanguinaria polo feito de masturbarse. Pregunto eu, os ataques eran polo seu cargo, pola súa condición de muller ou pola falta de respecto da que abusamos? Ten a culpa Twitter ou témola nós?
Karla Barca
O Nadal tamén é unha época de bondade e solidariedade, así que n’O máis xeneroso non conseguimos poñernos dacordo. Deixamos que decidades vós ante os argumentos que vos damos. Os nominados son:
Está ben, o dono de Inditex non será un modelo a seguir: dar traballo, pagar impostos e donar a Cáritas non é nada fóra do común. E menos se es o terceiro home máis rico do mundo. Con tanta pasta podes facer o que che pete. En vez de lle dar traballo remunerado a un cativo indonesio como alternativa á mendicidade e que cosa uns pantalóns que acaben a un prezo aceptable para calquera currante picheleiro de clase media que despois te critique, ben podías tirar billetes de 100 desde un dirixible e aliviarnos a todos a crise. Total, se fixeches a túa fortuna a base de dobrar camisas e vender batas como un mero portugués non che custaría tanto traballo construíla. Pero en fin, con 20 millóns de euros en Cáritas algunha comellada aínda farán e o que conta é a intención.
Simón Caaveiro
Obvio. Non concibo que poida existir esta dúbida, e menos cando enfrente só atopamos a un sucio capitalista explotador. O alcalde de Marinareda, como todos os iluminados revolucionarios, sentiuse na necesidade de cambiar o mundo. As lendas chegan a afirmar que esa noite Marx apareceu nos seus soños. Outros din que Lenin e algúns sosteñen que foi “El Che”. Mais alá de quen fose, encargoulle a difícil misión de derrocar o sistema, e él, sobresaltado pola responsabilidade, despois de refrescar o seu TL en Twitter e actualizar o seu estado en Facebook dende o Iphone 4S que se encontraba sobre a súa mesiña de noite, dirixiuse ao Mercadona con paso firme, sabendo que outro planeta é posible para acabar con este consumismo que nos aparva. Gordillo demostrou que se pode loitar contra a poderosa patronal sen mais armas que un pouco de convicción ideolóxica e un par de carriños da compra, que o espírito Robin Hood segue vivo e que respectar a lei parece pasar a ser algo secundario se as túas intencións son boas.
Martín Pardo
Feliz ano a todos, en 2013 prometemos seguir dando guerra.