Os 110 metros vallas, a proba en auxe do atletismo

Falar de velocidade no mundo do atletismo na actualidade significa facelo de Usain Bolt. O xamaicano logrou coas súas proezas e récords do mundo reenganchar a unha boa parte do público deportivo ó atletismo nos últimos anos. Os duelos con Yohan Blake e as aparicións de vez en cando de Tyson Gay, Justin Gatlin ou Asafa Powell como convidados especiais dánlle ós 100 metros lisos unha dimensión antes nunca acadada pola proba por excelencia do atletismo (sempre con permiso do maratón, claro está). Para recordar momentos de tanta expectación ante unha carreira dos 100 metros lisos deberíamos retroceder 25 anos ata os tempos onde Ben Johnson e Carl Lewis paralizaban ó mundo diante das primeiras televisións a cor.

Pero non só a proba dos 100 metros lisos está no seu mellor momento histórico. A outra gran proba da velocidade pura e da técnica por excelencia, os 110 metros vallas, viu nos últimos 6 anos como 3 atletas batían un detrás doutro o récord do mundo. O ídolo chino Liu Xiang en 2006, o cubano Dayron Robles en 2008 e o estadounidense Aries Merritt neste pasado setembro establecían marcas estratosféricas por debaixo dos 13 segundos. A proba conta na actualidade cun elenco de atletas capaces de baixar desa barreira de maneira continua e ofrecernos unha competitividade e marcas xamais vistas ata agora.

Liu Xiang, Dayron Robles, David Oliver e Jason Richardson nos Mundiais de Daegu 2011

Liu Xiang, Dayron Robles, David Oliver e Jason Richardson nos Mundiais de Daegu 2011

Se falamos dos comezos da proba, debemos dicir que os 110 metros vallas é unha proba centenaria, pois era en 1912 cando a Federación Internacional de Atletismo (IAAF) recoñecía a oficialidade da mesma outorgando ó estadounidense Forrest Smithson o récord do mundo pola súa marca de 15.0 segundos dos Xogos Olímpicos de Londres en 1908. Forrest Towns, outro atleta inglés, sería o encargado de ser o primeiro en baixar dos 14 segundos. Lográbao en 1936 en Oslo cunha marca de 13.7 segundos. Xa cos medidores electrónicos sería Renaldo Nehemiah o primeiro en lograr un tempo de 13.00 en 1979, logrando dous anos despois en Zúrich baixar a barreira que daquelas (e ata non moito) parecía insuperable dos 13 segundos cunha marca de 12.93, resultando máis incrible dado que a proba fora realizada con vento en contra. A pesar disto non será recordado como un dos grandes Nehemiah, xa que a pesar de ser un dos principais recordmans da proba nunca logrou vencer no Olimpo. Deste xeito a marca de Nehemiah mantíñase ata 1989, ano no que o dobre campión olímpico Roger Kingdom baixaba unha centésima ó récord colocándoo en 12 segundos e 92 centésimas. 4 anos despois era o británico Colin Jackson quen lle baixaba outra centésima a esa marca, colocando o récord do mundo en 12.91.

E deses tempos e esas marcas pasamos á actualidade. Tras uns anos onde o dominio foi obra de Allen Jackson (4 mundiais para el e un triunfo nos Xogos Olímpicos en Atlanta 96), non foi ata a chegada de Liu Xiang onde as vallas recuperaron un pouco o seu lugar e importancia no atletismo. O chino lograba en 2004 en Atenas vencer diante de Terrence Trammell e Anier García e igualaba o récord do mundo de Colin Jackson once anos atrás. Liu convertíase nun dos ídolos do país asiático e conseguía relanzar o atletismo en China. En 2006 conseguiría colocar o récord do mundo en 12.88 segundos, baixando 3 centésimas a súa propia marca. Desde ese momento Liu Xiang converteuse na principal imaxe de Nike en Asia a pesar de que as continuas lesións o levaran a fracasar ante as lágrimas do seu público en Pekín en 2008 e en Londres no 2012.

Pero non só o chino é unha das estrelas das vallas agora mesmo. O cubano Dayron Robles supuña ata fai pouco a súa principal ameaza. Foi de feito o encargado de baixar en 2008 en Ostrava o récord que ostentaba Xiang colocando a marca dos 110 vallas en 12 segundos e 87 centésimas. Seu sería tamén o triunfo en Pekín en 2008. A polémica descualificación nos Mundiais de Daegu en 2011 por tocar a Liu Xiang e a lesión nos últimos Xogos Olímpicos de 2012 impedían ver ó mellor Robles nos últimos anos, pero ós seus 26 anos aínda ten moitos anos por diante.

Dada a mala sorte nos últimos anos de Robles e Xiang os 110 metros vallas parecían ter un maleficio cara as súas estrelas, polo menos ata este 2012, ano da explosión de Aries Merritt. A vitoria do estadounidense nos Xogos Olímpicos de Londres e o récord do mundo en Bruxelas neste setembro pasado evidenciaban que unha nova estrela aparecera nas pistas de atletismo. Os 12 segundos 80 centésimas de Merritt configuran unha marca histórica xa que baixa en 7 centésimas a marca de Robles e sitúa ós tres mellores velocistas en activo por debaixo da barreira dos 12.90. E aínda así non están sós: Jason Richardson (non confundir co xogador NBA) vencía o ano pasado nos mundiais de Daegu aproveitando a descualificación de Robles e lograba este ano un segundo posto nos Xogos Olímpicos de Londres por detrás de Merritt. David Payne (prata olímpica e dobre prata mundial), David Oliver (bronce olímpico e 4º atleta en baixar de 12.90 da historia) ou Ryan Brathwaite (ouro nos mundiais de Berlin 2009) son xa clásicos nas loitas polos metais, mentres que promesas como Orlando Ortega ou o xa medallista olímpico este ano Hansle Parchment constitúen as alternativas dos vindeiros anos

O mundo das vallas é propiedade de 3 monstros. Por detrás están unha serie de aspirantes sempre atentos e calquera pode vencer. A precisión nunha carreira de vallas antóllase fundamental, e hai que estar perfecto desde a saída ata o salto e as zancadas entre cada valla. Un erro é crucial. En 12 segundos unha mala saída, un mal paso, unha zancada mal tirada, un mal paso de valla… acaba coas opcións de vencer. A técnica antóllase clave no paso de vallas e a explosividade na saída e na caída tras cada valla. A coordinación é o terceiro factor clave, e a pesar de ser adestrada diariamente durante anos pode irse ó trasto no momento máis inoportuno. Esa é a principal razón pola que é tan difícil reinar nas vallas. Na velocidade Bolt é superior a todos e case imposible de derrotar, aquí o dominio de Merritt, Xiang ou Robles é moi difícil que se manteña por un longo período de tempo. Por iso as vallas nos ofrecen a maxia da velocidade e da habilidade reunidas nunha disciplina espectacular para a vista do espectador.

Non sabemos de quen será o futuro das vallas, o que está claro é que si o“personaxe” do seguinte vídeo quere vencer nalgún momento da súa vida terá que depurar un pouquiño a súa técnica…