O perfil: Verónica Boquete
Hai goles que poden chegar a cambiar a vida dalgunhas persoas. Outros, simplemente serven para recompensar o traballo ben feito. E algúns, directamente, poden significalo todo e levar á persoa que os marca ó máis alto. O vinte e catro de outubro, Verónica Boquete conseguiu un gol que conxuga absolutamente todo. Foi no día no que España podía clasificarse para todo un campionato de Europa por segunda vez na súa historia. Pero neste caso, só había oitocentos espectadores presenciando o encontro en directo e as audiencias do partido eran de todo menos multitudinarias. Tralo 1-1 da ida, España recibiu a Escocia co traxe de batalla enfundado para a ocasión. Os dous equipos repetiron resultado durante o encontro, polo que a prórroga ditaría a sentenza final. Escocia adiantouse no marcador e o equipo español aferrouse ó milagre de marcar dous goles en moi pouco tempo. A sete minutos do final, Silvia Meseguer conseguiu igualar a contenda, e o equipo español soñaba con ter unha última ocasión para darlle a volta ó encontro. Cando quedaban dous minutos, por unhas mans na área visitante, España dispuxo dun penalti. Verónica Boquete lanzou o que ela cría que era o tiro máis importante da súa vida, pero a porteira Gemma Fay detivo o lanzamento. Porén, a galega non se viu abaixo e no último minuto, recolleu un balón, revolveuse na área e mandouno ao fondo das mallas. Ese si que foi o disparo máis importante da súa vida. A decepción e a rabia tornaban en ledicia en escasos minutos. España volvía a un Europeo despois de quince anos pola vía da épica. Pero para Verónica Boquete o destino aínda tiña reservado outro premio uns días despois: o título da liga sueca co Tyresö, o seu primeiro título ligueiro nunha carreira futbolística chea de goles e triunfos, pero tamén de decepcións. O fútbol sempre acostuma a devolver o que quita.
Verónica Boquete Giadans naceu en Santiago de Compostela en abril de 1987. Probablemente, se houbese emigrado a Estados Unidos, houbese completado unha exitosa carreira futbolística sen sobresaltos, sendo unha auténtica estrela ao nivel de moitos xogadores da NBA ou da NFL. Pero sobre todo, houbese aforrado moitos desgustos. Porén, Verónica Boquete creceu en España e quixo ser futbolista como o seu irmán Adrián. Cun pai que era toda unha institución nas categorías inferiores do país, a afección polo fútbol foi case automática e ninguén lle puido sacar ese marabilloso vicio do corpo. Moitos tentaron disuadila do seu cometido, pero Verónica non cambiou de opinión, a pesar de que ós seis anos tivo que deixar de xogar unha tempada enteira co Don Bosco porque a normativa impedía que xogaran equipos de fútbol sala mixtos. Coa insistencia do seu pai e do seu club, ese obstáculo foi derrubado. Pero aínda quedaban moitos máis por esquivar.
Tras probar sorte en dous equipos galegos como o Funeraria Apóstol e o Xuventude de Aguiño, aos dezaoito anos decidiu emigrar a Zaragoza, onde no Prainsa lograría xogar a Superliga Feminina. Porén, a primeira división feminina en España é simplemente semiprofesional e a galega aproveitou a súa estancia por terras aragonesas para comezar os seus estudos de maxisterio, e ter así unha formación complementaria para o futuro. Corenta goles despois, fichou polo Real Club Deportivo Espanyol, un equipo con expectativas maiores e onde a santiaguesa esperaba conquistar os seus primeiros grandes éxitos no mundo do fútbol.
Alí, cun promedio goleador superior ó de moitas megaestrelas da fútbol masculino fíxose un nome. Ademais, no Espanyol conseguiu conquistar os dous primeiros títulos da súa carreira: a Copa da Reina dos anos 2009 e 2010. Os seus goles levaron ao equipo perico ó máis alto, alcanzando no ano 2010 tamén o subcampionato na Superliga, un torneo que aínda se lle resiste a nosa protagonista. Ademais, conseguiu chamar á porta da selección española ó mesmo tempo que chamaba a atención por todo o mundo. Tanto, que no verán do 2010 acabou firmando polo Buffalo Flash, un equipo da segunda división americana. Verónica Boquete chegou a unha liga profesional e nin sequera se preocupou de cumprir o período de adaptación. En nove partidos marcou nove goles e conseguiu ó ascenso co Buffalo Flash ó mesmo tempo que concretaba a súa fichaxe polos Chicago Red Stars. Alí, debutou na primeira liga americana á que prometeu voltar o seguinte verán con moitas máis expectativas. As vacacións parecían secundarias para unha galega que abraiaba ó mundo enteiro e da que se falaba máis en Estados Unidos que no seu país de orixe.
No 2011, voltou a un Espanyol que se quedou de novo ás portas de gañar a Superliga, sendo de novo unha das futbolistas máis destacadas de todo o campionato. Nese ano, tampouco lle importou quedarse sen sol e praia, xa que fichou por un equipo gañador en EEUU como o Philapelphia Independence, onde aspiraba a gañar a Women’s Professional Soccer, a mellor liga do mundo. En Philadelphia fixo unha gran campaña xunto coa súa compañeira Laura del Río, outra futbolista española que tamén quixo emigrar. Alí, as dúas por fin sentíronse como futbolistas profesionais, desfrutando dunha igualdade de oportunidades que por desgraza non existe no noso país. En norteamérica, podes ter a tranquilidade de vivir do que máis te gusta, xogar ao fútbol. Como en tódolos lugares polos que pasou, o éxito e os goles estiveron garantizados na cidade do estado de Pennsylvania. Ademais, ese verán foi nomeada como a mellor xogadora da liga americana, por diante de megaestrelas mundiais como a brasileira Marta, coa que agora comparte vestiario en Suecia. Porén, quedouse a un chanzo do premio definitivo xa que o Philadelphia Independence perdeu a gran final da liga ante o Western New York Flash. Foi un novo xerro de auga fría, pero a Verónica aínda lle quedaba moito que ofrecer ao fútbol.
Tras probar fortuna na Top Division rusa, Verónica firmou polo Tyresö, un dos equipos máis potentes dunha das ligas máis profesionalizadas de Europa, a liga sueca. No país nórdico, a santiaguesa tivo que retrasar a súa posición e xogar de mediocentro. Acostumada a xogar de segunda punta ou de dianteira, os números goleadores de Verónica víronse reducidos, pero a cambio convertiuse no motor dun dos equipos máis potentes de toda Europa. O Tyresö ten un gran plantel, pero non ten nin moito menos as cousas sinxelas, xa que en Suecia tamén xoga o Malmö, un equipo temible e que aspira a todo. De feito, na final de Copa, o Malmö levaríase a vitoria nun encontro tremendamente igualado quitándolle o primeiro título da tempada ó Tyresö. Pero aínda quedaba a liga, un título que Vero desexaba dende a súa época do Espanyol, ese premio para o equipo máis regular durante toda unha tempada. Cunha remontada de puntos bastante importante, o Tyresö conseguiu chegar a última xornada a simplemente tres puntos do Malmö. A liga decidiríase no estadio deste último, nun partido dramático e espectacular. O Malmö tivo o título na man cun penalti no minuto vinte da primeira parte, pero a porteira Soberg conseguiu deter o lanzamento. O paso dos minutos sentoulle de marabilla ó Tyresö que acabaría levándose o partido e a liga na recta final. No oitenta, Edlund marcou de cabeza e aínda quedou tempo para que o Tyresö estrelase un palón no pau. Así rematou a liga sueca para Verónica Boquete, con éxtase e ledicia. Un logro que se unía ao conseguido con España poucos días atrás. Uns días de gloria que a santiaguesa merecía e necesitaba dende sempre.
Verónica vive o seu mellor momento deportivo. Hai poucos días, foi nomeada como mellor centrocampista da liga sueca, un recoñecemento a súa gran adaptación a súa nova posición no campo. A carreira de Vero pode resumirse como un camiño cheo de obstáculos que foi eludindo ata chegar ó máis alto. O éxito e o recoñecemento quizais chegan un pouco tarde, pero debemos ter en conta que estamos nun país onde é moi difícil falar de fútbol feminino en igualdade de condicións. Pero agora chega o momento de aproveitalo e de desfrutar do que pode chegar. O seu equipo, o Tyresö, parte como un dos favoritos na Copa de Europa feminina da vindeira tempada, e con España disputará o Europeo en Suecia, un lugar que coñece perfectamente. Verónica ten licenza para soñar, pero como sempre cos pés na chan e con moito traballo. O que si é seguro, é que Verónica Boquete, xunto coas súas compañeiras, logrou que se falara de fútbol feminino en España, aínda que fora por uns días ou por uns meses. O desexado, sería que isto non se quede nunha mera anécdota que recordaremos uns poucos. O ideal é que para as nenas que soñan con ser como Verónica, todo fose máis doado a partir de agora.