O perfil: Michu
En setembro de 2012 comezou unha nova tempada da Premier League, esa que moitos consideran a mellor liga do mundo aínda que sexa simplemente pola organización. Os focos do fútbol español centrábanse no debut de Santi Cazorla no Arsenal, pero os gunners non pasaron do empate sen goles no seu estadio ante o Sunderland. A poucos quilómetros do Emirates, no estadio do Queens Park Rangers, debutaba outro asturiano que entraba de forma inmellorable na Premier con dous goles e unha asistencia, desviando totalmente a atención deses focos. Os xornalistas ingleses quedaron abraiados con ese xogador corpulento e potente, con moita chegada e gol. Pero sobre todo con moitas ganas de darse a coñecer no fútbol de elite despois dun camiño cargado de goles, decepcións e sobre todo de decisións moi difíciles. Eses xornalistas ingleses falaban de Michu, un xogador cunha historia que merece a pena coñecer.
Os inicios no equipo da casa
Miguel Pérez Cuesta naceu en Oviedo un 21 de marzo de 1986. Alí, pronto descubriu o fútbol da man dun histórico do fútbol español que pasaba por problemas, o Real Oviedo. En idade alevín, logrou entrar nas categorías inferiores de dito equipo e a súa progresión levouno a debutar en Terceira División en 2003, nun encontro ante o Siero. Michu cumpriu un dos seus soños e para facer a festa completa anotou o gol da vitoria do seu equipo. Comezaba así a súa etapa no equipo da súa vida que completería cun ascenso á Segunda División B e un novo descenso á Terceira División. Co descenso confirmado e co Oviedo cargado de débedas, Michu decidiu dar un paso adiante na súa carreira e atendeu á chamada do Celta de Vigo para xogar co seu filial, sempre coa promesa de poder chegar ó primeiro equipo. Tiña 21 anos e o seu futuro estaba noutro lugar.
Na súa primeira tempada co filial céltico tivo un rendemento excelente na categoría de bronce. En 28 partidos marcou dez goles e demostrou que a Segunda División B quedábaselle pequena. Ese mesmo ano logrou debutar en Segunda División. Trala destitución de López Caro, cun Celta en clara crise, Antonio López colleu a capitanía do barco e, no seu primeiro partido como adestrador do equipo olívico, decidiu apostar por ese rapaz alto e corpulento do que tanto se falaba no campo de Barreiro. O Celta perdeu, pero gañou un xogador para o futuro e tamén, como veremos despois, para a súa historia. Esa tempada Michu xogou catorce encontros e marcou un gol, que axudou a certificar a permanencia en Motril, ante o Granada 74. Dende entón, gañouse por méritos propios o seu posto no primeiro equipo.
A decisión máis dura da súa vida e o día máis duro como futbolista
Michu xogaría no Estadio de Balaídos tres campañas máis. Nelas, nunca chegou a ser indiscutible pero si que deixou moitos detalles do xogador que podería chegar a ser. Espertaba a admiración cos seus goles e as súas tremendas condicións físicas pero tamén xeraba controversia cando parecía que non se esforzaba ó máximo durante tódolos partidos. A súa posición tamén xeraba certo debate, xa que podía desenvolverse con facilidade en calquera posición do centro do campo. Anos despois, Sandoval descubriría a súa verdadeira posición cando o adestrou no Rayo Vallecano. Igual, se en Vigo alguén se houbese dado conta disto, a historia de Michu e do propio Celta sería diferente.
Tras unha segunda tempada irregular, Michu afianzouse no Celta coa chegada de Eusebio na 2009-10. Ese ano, tras grandes actuacións, espertou a atención de equipos de Primeira División como o Zaragoza ou o Sporting. O conxunto asturiano viña de traspasar a Michel á Premier, e Manolo Preciado buscaba un recambio urxente. Parecía unha oferta perfecta para tódalas partes, tendo en conta que o Celta estaba necesitado de cartos e de goles e que a oferta incluía a un dianteiro como Kike Mateo ademais dun millón de euros. Porén, esquecían que Michu tiña un pasado no eterno rival do Sporting, o Real Oviedo. Michu recibiu moitas presións pero ó final o seu corazón puido coa cabeza e decidiu continuar no Celta. Foi un xesto que o honra e que o fixo convertirse nun rara avis no fútbol moderno. Moitos o criticaron por iso, pero o tempo pon a cada un no seu lugar.
Na tempada seguinte viviría outra situación tremendamente difícil. Foi un ano complicado, onde Paco Herrera confiaba en Trashorras por diante del, pero rematou entrando no equipo na recta final dunha tempada onde o Celta conseguiu clasificarse para o playoff de ascenso. No partido de ida ante o Granada, saiu do banco para lograr o gol da vitoria en Balaídos. Porén, Michu pasaría a escribir xunto cos seus compañeiros un capítulo de decepción na historia do Celta no partido de volta nos Cármenes. Nun choque apaixoante, o Granada venceu por 1-0 e chegouse á lotaría dos penaltis. Alí, Michu foi o encargado de lanzar o penalti decisivo, o quinto, e se marcaba o Celta pasaría de rolda. Michu tomou aire e enganou a Roberto, pero o balón foise alto. Isto, sumado ó posterior erro de Catalá, condenou ó Celta a xogar un ano máis en Segunda División.
Michu chegou a Peinador e atopouse a unha afección que o animou ata o último segundo e que pedía a súa renovación, xa que Michu remataba contrato ese mesmo verán. Un día despois, o asturiano non podía reprimir as bágoas afirmando que nunca esquecería o Celta de Vigo, a súa segunda casa, nunha rolda de prensa que soaba a despedida.
Vallecas e a súa explosión
Michu arriscou ó non renovar co Celta e tardou en atopar unha oferta da Liga BBVA. Porén, chegou a chamada de Felipe Miñambres, director deportivo do Rayo Vallecano e, curiosamente, histórico xogador do Sporting. Sandoval, adestrador do Rayo, adiantou a posición do asturiano uns quince metros, e este devolveulle outros tantos goles grazas a isto. Estes quince goles, sumados a un tremendo rendemento, levárono a ser o líder dun Rayo que acadou unha sufrida permanencia na Liga BBVA. Un gol de Tamudo en Vallecas no último partido ante o Granada, ese equipo de mal recordo para o noso protagonista, certificou esa permanencia na elite do fútbol español.
Cunha cláusula de catro millóns de euros e os problemas económicos do equipo madrileño, Michu parecía claro que tería que dicir adeus ó estadio de Vallecas. O que ninguén esperaba era o destino elexido polo futbolista asturiano. Ningún equipo español estivo demasiado atento, e Michu acabou no Swansea, un club galés que xoga na Premier League e que para moitos era un auténtico descoñecido ata este ano. Michu recalou alí por dous millóns e medio de euros e visto o seu rendemento, foi un auténtico regalo para o equipo dirixido por Michael Laudrup, que foi quen lle deu a confianza dende o primeiro día.
A Premier League e o futuro
Swansea é unha cidade costeira de apenas 240.000 habitantes onde o ocio e o entretemento destacan pola súa ausencia. É unha cidade tranquila, pero Michu fala marabillas dela, xa que lle recorda ó seu Oviedo natal, que tanto bota de menos. O Swansea é un equipo peculiar xa que para comezar é o equipo galés da Premier League. Ademais, é un equipo tremendamente humilde. Por exemplo, adestra nunhas instalacións públicas, onde os xogadores se cambian no mesmo vestiario que os habitantes da cidade que se achegan a facer deporte. É unha cultura diferente, que en España non se podería desfrutar. Alí, baixo a batuta de Michael Laudrup xogan catro españois: Rangel (o máis veterano do lugar), Pablo Hernández, Chico e o propio Michu, que está sendo a gran sensación da Premier.
O futbolista asturiano suma trece goles no que levamos de campaña e convertiuse no pichichi da liga inglesa por diante de nomes como Van Persie, Rooney ou Luis Suárez. O seu estilo adaptouse perfectamente ó fútbol inglés e levou ó Swansea a ocupar unha posición tranquila na metade da táboa. O asturiano tamén vive nunha posición tremendamente privilexiada, facendo soar o seu nome para moitos dos grandes equipos de Europa e chamando ás portas da selección. En 2008, dende o Sporting lle dixeron que o tren simplemente pasaba unha vez, pero Michu demostrou que aínda quedan xogadores que sinten as cores e prefiriu esperar na estación. No seu perfil de twitter (@MichuOviedo) ensinaba o outro día o seu carnet de socio do Real Oviedo xunto con esta mensaxe: “aínda quedamos algúns futbolistas que sentimos as cores”. Moitos xogadores o poden dicir, pero el é dos poucos que o demostra con feitos dende sempre. Por iso, merece a pena contar os seus éxitos alá onde vaia.