O outono do tecnócrata
Os últimos días de chubasqueiros e paraugas tronzados polo vento que vivimos na nosa querida Compostela fan que o mes de xullo forme parte dun recordo que semella moi lonxano no tempo, coma se as diferenzas atmosféricas nos trasladasen a unha realidade ben diferente da que estamos a pasar na fin do outono compostelán. Foi por aquel entón, cando logo dunha longa xornada de traballo, caín case por azar nun artigo do Corriere della Sera que me deixou certamente confundido. A idea principal era que estaba crecendo entre a sociedade italiana o sentimento de que as eleccións ían ser prexudiciais para o futuro do Estado, simplemente porque a xente xa non cre nos partidos.
Se algún sentiu o mesmo calafrío ca min ao reflexionar sobre este feito debe comprender que a situación de Italia era a manifestación máis evidente da tensión Unión Europea-Democracia da que fala no devandito texto Angelo Panebianco. Quedou claro nos últimos tempos que calquera opción non disposta a pregarse ao diktat de Bruxelas é sospeitosa de poñer en perigo o sistema e ser ameazada incluso de que o seu país sexa deixado caer polo resto de países (véxase o pánico que cundiu ante a alternativa de Syriza en Gracia). Pola contra, mentres un estea disposto a ser un monicreque non hai problema.
No país transalpino atopabamos un executivo á deriva, presionado polos estamentos da Unión e encabezado por ese ser incualificable que é Silvio Berlusconi, invitado polas circunstancias a dimitir e deixar que Europa fixera o que crese conveniente sen necesidade de intermediarios coma Rajoy en España. Pola outra banda, un grupo entrante formado por iso que chamamos tecnócratas ía ser brazo executor de políticas que, a todas luces, ían ser altamente impopulares. Con todo, o goberno Monti foi gañando as simpatías da sociedade con pequenos xestos que transmitiron unha honestidade política xa esquecida no país transalpino debido á sucesión de gobernos corruptos que asolagan a historia do país. O novo presidente vendeu os recortes como un sacrificio que todos debían asumir, comezando pola estrutura administrativa estatal, e anunciou que non cobraría o seu soldo como xefe do executivo nin como Ministro de Economía; ademais, aquela xa emblemática comparecencia ante os medios da Ministra de Traballo para anunciar, entre choros, a reforma do sistema de pensións dou a volta ao mundo como mostra da humanidade da corporación tecnócrata.
Andou o tempo e a medida que avanzaba o outono as pequenas simpatías foron demostrándose insuficientes, e as protestas non se fixeron agardar. O día 17 de novembro miles de persoas se botaron á rúa para manifestarse en contra dos recortes. Simultaneamente, o cabeza de goberno sometíase a unha moción de confianza no Senado. O desgaste de Monti comezaba a ser insostible e a sombra de Berlusconi a volverse alongada. Precisamente sexa isto o que faga que o actual xefe do executivo valore non presentarse aos comicios a pesar de que a dereita europea xa arroupara publicamente a súa hipotética candidatura.
Semella que a Monti quédalle tan lonxe xullo coma a min, que o seu estío no poder dou en pouco tempo nun final desta etapa do seu goberno e quizá tamén do seu outono político.