O máxico ambiente de San Mamés

Sen dúbida algunha un dos mellores ambientes futboleiros que se poden vivir ao longo e ancho da península Ibérica é o que se pode atopar na provincia de Biscaia. Toda a cidade está engalanada coas cores do equipo local, mentres que todos pensan en cando será a próxima data na que van a poder gozar do xogo do seu equipo, gañe ou perda.

Por sorte a pasada semana puiden pasar a fin de semana en Bilbao. Deunos a “pedrada” e marchamos para aló sen pensalo demasiado, facendo quendas no coche e parando no camiño o número de veces recomendado pola DXT. Iamos cinco no coche, e a pesar do alto prezo do gasoil gastamos 20€ por cabeza, ida e volta, polo que puiden comprobar que non é tan caro achegarse ao País Vasco.

Chegamos o venres á noite, facía unha calor fóra do común, 18 graos marcaba o mercurio. Deixamos o coche preto do casco vello e fomos camiñando cara o lugar onde nos aloxamos. Era de noite pero en case todos os bares había chantada unha bandeirola ou algún tipo de tea vermella e branca. Algo pouco usual nas cidades de aquí, tan só habitual cando o equipo está a xogarse algo importante, coma os ascensos dos catro equipos galegos do ano pasado.

O partido era o domingo ás cinco da tarde. Decidimos baixar ás tres e dirixirnos cara a San Mamés. Iamos pola mítica rúa de Pozas, dende onde se divisa ao fondo un escudo pintado de inmenso tamaño, que marca o lugar onde xoga o equipo bilbaíno, a mítica catedral de San Mamés.

Rúa de Pozas @Alberto Rivera

Nesa rúa e nas súas perpendiculares había ducias e incluso atreveríame a dicir máis dun cento de bares, tascas, tabernas, cafeterías, cervexarías, ou como prefiramos chamarlle, onde o nexo común é que en todos a xente se reúne arredor dunha mesa para beber un zume de malta.

Nesa morea de locais xuntábanse miles de seareiros, tanto coa camisola do equipo local coma coa do equipo visitante, neste caso o Deportivo.
Nós iamos ataviados coas cores do noso equipo, ao tempo que moitos bilbaínos nos animaban e nos felicitaban por ter regresado aos campos da que din ser a mellor liga do mundo (aínda que moito lle falta, na miña opinión, para chegar a selo). O bo ambiente era o que se respiraba nas aforas do estadio.

Un punto, case que de obrigada visita, son as obras do novo San Mamés, o estadio que se sitúa a vinte metros de distancia do vello, e que aínda está no esqueleto. Moitos eran os que se fotografaban coa construción ás costas. Esperemos que o novo non mude a tradición que ten o vello.

Xa dentro do estadio non tivemos ningún problema por ir vestidos coas cores branquiazuis, aínda que xente do despacho de billetes pensaba que si que habería e excusándose en motivos de seguridade evitaba vender entradas a todo aquel que tivese acento do noroeste peninsular. O noso asento estaba na grada de Preferencia Norte, lugar onde se sitúan os seguidores máis “hooligans” do equipo biscaíno.

Estadio de San Mamés @Alberto Rivera

O Dépor era recibido en galego cun “boas tardes”, e as indicacións eran todas no idioma propio de Euskal Herría, cousa que aquí de momento aínda é difícil de ver, un respeto tan profundo polo idioma do país. Ademais era aplaudido pola inmensa maioría do cheo estadio, onde poucas butacas se observaba que quedaban sen cubrir.

Os únicos asubíos que se escoitaban eran en contra da outrora idolatrada estrela rioxana, o xogador Fernando Llorente, ao que lle adicaban un “Llorente kanpora” que ao galego se traduciría coma un Llorente fóra de aquí.

O único reprobable ao bo ambiente foi a pouca animación que tiña o equipo ao longo do partido, xa que tan só era animado en contadas ocasións. Aínda que sen dúbida o cántico do himno do equipo ao inicio e ao descanso do partido deixaba os pelos de galiña.

A próxima semana xógase o Athletic-Celta, que coincide coa ponte da constitución, polo que animo a todo seareiro celeste que poida achegarse ata alí que non o dubide, xa que poucas veces vai vivir un ambiente de fútbol igual que o que se pode atopar en Bilbao.