Matt Le Tissier, a luz que iluminou Southampton
Poderíamos dicir que a rutina é ese elemento que sen nós querelo acompaña as nosas vidas. Os días en clase oíndo a ese impertinente e insufrible profesor, eses momentos co ordenador vendo o trixésimo sétimo capítulo da túa serie preferida ou as 8 horas diarias no sofá convértense pouco a pouco en rutina. A repetición é o habitual e o que se sae dela soe ser a alegría do día. A noite que non pensabas saír e que tan ben o pasas, o momento no que che toca un ovo con tres xemas como a Arguiñano ou o día que descobres esta obra de arte do Internet dan ese extra de felicidade necesario para seguir adiante.
Co deporte pasa algo igual. As vitorias dos grandes cada xornada de liga son rutinarias, os partidos feos e toscos dos equipos pequenos tamén e a busca da vitoria enténdese como natural. Pero o ser humano busca algo máis co deporte. Busca ese “algo” especial e por iso nos encanta quen rompe coa regra. Así nos encanta apoiar ó xogador que semana tras semana nos deixa mates coma estes, nos gustan os ciclistas especiais que arrancan sen mirar atrás e nos gustan eses futbolistas con clase capaces de desequilibrar e encantar o partido máis feo. E aí o máis grande de sempre posiblemente fose Le Tissier. Hai xogadores bos, xogadores excepcionais e xogadores que namoran. Le Tissier sempre foi dos últimos.
Matthew Le Tissier, tamén coñecido como “Le God”, naceu en Saint Peter Port, Guernsey (Inglaterra) o 14 de outubro de 1968. A súa mellor descrición atopámola no seu perfil de Twitter: “Futbolista talentoso pero un pouco vago formado no Southampton e que xogou na selección inglesa”. Sen dúbida Le Tissier foi un dos grandes talentos do fútbol dos 90. Xogador eminentemente técnico, atreveríame a dicir que cunha calidade no golpeo de balón superior ó gran Zidane. Xogaba para o espectador e para divertirse, e esta foi a principal razón pola que nunca quixo saír do club dos seus amores, o Southampton. Cando lle preguntaron a razón pola que nunca abandonara ós Saints contestou así: “É sinxelo xogar no Manchester United ou no Liverpool. Eu prefiro xogar ó borde do abismo, con presión, sacando a un equipo de baixar a Segunda. Xogar nos mellores clubs é un reto bonito, pero hai un reto moito máis difícil. Xogar contra os grandes e gañarlles. Eu adícome a iso“. Dise tamén del que rexeitou unha oferta da Juventus por non saber italiano, outra do Tottenham porque se acababa de casar e “para que ía marchar?”, polo que colleu e rompeu o contrato sen máis. Pero sobre todo é sorprendente a oferta do Chelsea, que relataba do seguinte xeito o seu ex-compañeiro no Southampton Ronnie Ekelund: “Antes dun partido en casa, Matt comentoume que o Chelsea lle fixera unha oferta de tantos, tantos cartos, que a vida dos fillos dos seus fillos estaría resolta. Logo calzou as botas, puxo a camiseta co sete á espalda e dixo que el non valía todos eses cartos. Aquel día gañamos, Matt marcou un golazo, duchouse e foise a casa. Nunca lle devolveu a chamada ó Chelsea“.
A lista de grandes xogadores que pertenceron toda a carreira a un só equipo é pequena. Paolo Maldini, Ryan Giggs, Francesco Totti, Franco Baresi, Gary Neville ou Paul Scholes son algúns deles, pero se imos ás estrelas que nunca xogaron nun gran club a lista redúcese: o primeiro, Lev Yashin. A mítica Araña Negra xogou toda a súa carreira no Dínamo de Moscova sen optar nunca a vencer en ningunha competición de clubs europea. O segundo, o noso gran Matt. Le Tissier disputou un total de 16 tempadas no Southampton, desde o 1986 ata o 2002. Despois de 6 anos na segunda división inglesa, Le God guiou ó seu equipo ó ascenso e xogaría os seguintes 10 anos na máxima división inglesa, a Premier League. 210 goles en 540 partidos falan de Le Tissier como un dos centrocampistas máis goleadores da historia. Os sesenta goles desde o ano 1992 ó 1995 en liga (25 deles na tempada 93-94) describen os mellores anos do xogador do Canal da Mancha. Le Tissier respondía deste xeito a un perfil de xogador que cos anos se foi perdendo. Un perfil de xogador que baseaba o xogo na súa calidade e que deixaba o físico nun segundo plano. Xogadores que namoraban a unha cidade e que a facían súa. Xogadores que preferían ser cabeza de rato antes ca cola de león. Dificilmente hoxe haxa un xogador que prefira ser a estrela dun Xetafe ou Sevilla antes ca un suplente de luxo no Barcelona. Pero os 90 eran diferentes. A época do Xabarín e o bravú, dos pantalóns acampanados e de Ramón García coas badaladas coincidiron coa etapa de maior abundancia de futbolistas técnicos. Unha etapa na que primaba a calidade sobre a forza bruta. Jay Jay Okocha, Mostovoi, Djalminha, Zola, Djorkaeff, Gallardo, Roberto Baggio, Lars Ricken, Mehmet Schöll… foron os xogadores cos que eu crecín e cos que moitos disfrutaron. Non eran as máximas estrelas nos mellores clubs pero deixaban esas gotas de calidade que namoraban ó afeccionado. Uns máis a miúdo como o gran Roberto Baggio e outros en contadas ocasións como o “Chino” Recoba. O último destes xogadores quizais foi Aimar, talentoso como poucos pero feble como os papaventos que voan cara o ceo.
Pero Le Tissier non se recordaría na actualidade como un dos grandes se non fose pola cantidade de goles espectaculares que marcou na súa carreira. Controis e voleas, zapatazos, faltas directas, vaselinas, á escadra, á base do pau, regateando e ata enganando ó cámara… Aquí vemos algúns dos mellores:
Ese era Le Tissier, o home que só errou un penalti na súa carreira deportiva. Ocorreu no 1993, nun partido da First Division fronte ó Nottingham Forest. O disparo saíu mordido e Mark Crossley detívoo. Foi o seu único erro nos 50 penaltis que lanzou. Era o Deus dos Saints aínda que Le Tissier nunca se recoñecese como tal. É tanto, que a cidade de Southampton, noutro tempo devastada polos nazis, reza así nunha das súas entradas: “Welcome to Southampton, you’re entering the country from Le God”. Poderíase entender doutro xeito dado o carácter relixioso da cidade, pero no interior da mesma, Le God só hai un.
O seu gran e único pero persoal foi sempre os poucos partidos que xogou coa selección inglesa. Tan só 8 partidos e sen acudir a ningunha Eurocopa nin Mundial. A pouca seriedade no campo (dicía Julio Maldonado del que foi o único futbolista ó que viu bostezar no campo) e as súas peculiaridades sempre botaron para atrás que os seleccionadores contaran con el. Cabe dicir que ó nacer en Guernsey, unha pequena illa no Canal da Mancha, Le Tissier puido escoller xogar para Francia, Inglaterra, Escocia, Gales ou Irlanda do Norte. Rumoreouse que Le Tissier xogaría para Escocia ou Francia tras non ser chamado nos anos 1993 e 1994 por Inglaterra, pero el sempre se amosou orgulloso de xogar para Inglaterra porque “se sentía inglés”. De feito dixo: “De neno eu só tiña 2 obxectivos, xogar no Southampton e na selección inglesa. Non precisaba máis. Aínda así quedoume a espiña de ser tan poucas veces internacional. Eu creo que ten que ver con que os adestradores da selección adestraran antes a clubs que intentaran ficharme. Venables no Tottenham en 1990 e Hoddle no Chelsea no 1996. Creo que iso influíu para que non fora máis veces internacional”.
Para os grandes xornalistas Le Tissier tampouco foi un máis. Para Julio Maldonado foi un deses xogadores “metade pereza, metade xenialidade. Era o Mágico González do fútbol inglés”. Áxel Torres definiríao como “unha illa de clase e fantasía case latina no contexto dun fútbol inglés que non parecía ter espazo para pernas finas e cabezas frías como a súa”. Para Gaby Ruiz era “El Trinche, Le Tissier”, establecendo unha clara metáfora co Trinche Carlóvich, unha xenial figura arxentina que espero que pronto poidamos ter por Compostimes. Michael Wade, xornalista inglés, dixo sobre el: “A clave do seu xogo era o bonito que o facía. Establecía unha arte propia -extravagantes penaltis, impresionantes tiros libres, belos lanzamentos desde a longa distancia, facilidade para driblar e demostración de habilidades que nunca antes se viron neste país-“. Nunca Le Tissier fixo caso dos halagos e autodefiniuse en moitas ocasións como Matt Le Fat, mote que segundo el se facía moito máis acorde á súa forma de vida que Matt Le God. Para moitos, entre os que me encontro, os goles de Le Tissier son o primeiro recordo do fútbol na televisión, o primeiro destello que me acercou hoxe a escribir isto. Pero non só eu e tres frikis máis crecemos encandilados del, senón que Xavi Hernández tamén sinalou a Le Tissier como o ídolo da súa adolescencia. Como o seu espello a seguir. Le Tissier non daba creto a estas declaracións: “Díxoo nunha entrevista e saiu nos xornais, non mo podía crer. Fun o ídolo de Xavi, o do Barça, cando era un neno.”
Recomendo para todos aqueles que vos encandilou a figura de Le Tissier a visión deste pequeno programa de Fiebre Maldini clicando aquí e para a segunda parte nestoutro link. E non podería rematar o artigo sen a última e máis coñecida cita do Maestro: “Nunca me gustou correr demasiado, nin na vida, nin no campo. Para min, o diñeiro nunca o foi todo. O cariño da xente, si”.