Frialdade profesional
Esta semana rotei polo servizo de Obstetricia e Xinecoloxía de Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Decidín ir un dos días ao Centro de Planificación e Orientación Familiar, por ser na miña opinión un dos aspectos máis importantes que existe dentro desta especialidade, xa que dar boa información ás mulleres sobre métodos anticonceptivos é a ferramenta básica para alcanzar unha verdadeira liberdade e autonomía reprodutiva.
Son estes centros os encargados tamén de recibir e orientar ás demandantes de Interrupción Voluntaria de Embarazo, polo que sobra dicir que coñecer máis esta realidade foi un dos motivos que desatou o meu interese.
Sen embargo, aínda que as miñas expectativas eran altas, coñecer a realidade decepcionoume un pouco. En primeiro lugar debo dicir que o persoal sanitario era moi respectuoso coas decisións das mulleres e ninguén verquía ningún tipo de comentario que puidese ferir a sensibilidade daquelas mozas que están pasando por tan difícil situación.
Con todo, ademais de ser correcto, atopo poucas calidades máis na atención que daban. Por máis que certo sector político deste país se empeñe en debuxar á muller que decide abortar como unha pelandrusca que non toma precaucións nas súas relacións sexuais porque total abortar é de balde, isto non se axusta á realidade. A maior parte das mulleres son persoas con parella estable ás que lle fallou o método anticonceptivo habitual. E isto acontece, como todos sabemos ben, máis veces das que a un lle gustaría:
- Rotura de condón
- Píldora que se queda un día X sen tomar
- Episodio forte de vómitos ou diarrea que fai que non se absorba a píldora a nivel intestinal
- Toma de antiinflamatorios que diminúe o efecto do DIU de cobre
- E un longo etcétera.
Así pois a maioría das mulleres son persoas responsables que se atopan con que pequenos erros que quedan máis no ámbito da casualidade ou da mala sorte e que, malia todo, acaban soportamdo pesadas cargas que non se buscaron en absoluto.
Aínda así, a sociedade ten que ter claro que a muller que decide abortar porque é o mellor para ambos é unha parella que sofre. Por moi ben tomada que estea a decisión esta sempre é traumática e dolorosa, especialmente para eles. Estas persoas acoden a estes centros moitas veces buscando información, pero moitas outras tamén reclaman ser escoitados e aliviar ese sufrimento inherente a un proceso tan duro. E isto é algo que non se ofrece no Centro de Planificación Familiar, ou polo menos na miña opinión, non tanto como se debería. É certo que hai un grupo de psicólogos, pero segundo me explicaron solo se mandan os casos máis graves, por exemplo a muller que leva 3 demandas de Interrupción en pouco tempo, que aínda que non sexan a maioría, desgraciadamente existen. É evidente que con estas persoas hai que falar detenidamente e con calma, pero tamén co resto, porque todos necesitamos falar e abrirnos cando tomamos decisións difíciles, aínda que esteamos convencidos de que é o mellor para nós. Todos necesitamos comprensión, é máis cando o tema do aborto é tan tabú que nin sequera vas poder tratalo con normalidade no seo da túa familia.
Insisto moito nisto porque tamén esta semana tiven a oportunidade de vivir unha intervención de Interrupción Voluntaria do Embarazo. Estábamos en quirófano, vin entrar á muller sorrindo con tranquilidade na padiola e lles preguntei aos médicos que iamos facer. Dixéronme que un Legrado. Como a miña ignorancia dos termos médicos a pesares de estar en cuarto de carreira continúa sendo ampla, preguntei en que consistía. Explicáronme que non era máis que baldeirar o útero da muller. E eu quedei toda pancha con esa explicación.
A intervención foi curtiña e pronto espertaron á muller. Os xinecólogos xa estaban fóra do quirófano, pero eu decidín quedarme. A muller empezou a falar e como o anestesista non lle facía caso, chamou por min. Acerqueime e expliqueille que todo saíra ben, solo para tranquilizala. Comezou a preguntarme como era o seu bebé. Eu quedei de pedra, asustada pola situación e pola miña ignorancia, despois de ter vivido un aborto de maneira tan inconsciente. Insistinlle en que todo saíra ben e que o seu marido a esperaba fóra para acompañala e animala. Vin asomar ás lágrimas ós seus ollos. Apertei a súa man e continuei falando de que agora tiña que ser forte, con palabras amables e tranquilas pero asustada porque ningún médico estivera alí con aquela muller, explicándolle que nun aborto de poucas semanas non podemos ver bebé ningún.
Viñeron as enfermeiras e celadores, a moza seguía cos ollos húmidos, pero non deixaba de darme as gracias. Eu sentíame mal por recibir gracias por non ter feito nada, e iso lle estaba dicindo cando unha enfermeira me recomendou que pasara dela, que cando espertan da anestesía están demasiado “droguis”. Elas optaron pola técnica de falarlle coma se fora un neno pequeno, dicindo expresións como “xa pasou”.
Saín bastante indignada do quirófano e fun ver onde andaban os meus titores. Preguntei se o que acabáramos de facer era un aborto e por que non me dixeran nada. Evasivas. Preguntei porque non quedara ninguén coa muller e informei de que cría que necesitaba axuda psicolóxica. Contestaron que eles foran xa a explicar ó marido que todo saía ben. Sobre a axuda psicolóxica insistiron en que diso xa se encargaban, se tal, en Planificación Familiar na consulta previa. E que de todas formas neste caso estaba indicado por malformación fetal, así que era o mellor que se podía facer.
En primeiro lugar indignoume que se informara ó marido cando a que acaba de abortar, de sufrir unha intervención en propias carnes, era ela. En segundo lugar, a frialdade coa que me responderon que non había axuda psicolóxica ningunha que darlle, coma se por ser a única saída posible esta teña que ser agradable. Pois non, máis ben todo o contrario. E lonxe de cambiar de opinión cando eu lles describín o que acababa de vivir, comentaron a ignorancia de imaxinarse que sae un bebé ao abortar, cando se está embarazada de tan pouco.
Os que me coñecedes sabedes que eu vivo indignada, vivía indignada moito antes que se crease o movemento social do mesmo nome. Os motivos polos que me indigno son múltiples e variados, pero dende que estudo esta carreira a falta de humanidade é un dos máis recorrentes. Como pode ser que tratando con persoas en tal situación de debilidade actuemos de forma tan autómata, tan fría. Como pode ser que sexamos inmunes ao sufrimento das persoas que temos en fronte, e que nin poñamos medios para remedialo na medida do posible. Como puidemos esquecer que antes de médicos somos persoas? Que temos o deber moral de tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen a nós? A partir de agora, cada vez que me dean as grazas nun hospital por facer algo coma o que acabo de describir indignareime. E será así porque agora son moi consciente de que a causa non é mérito meu, senón demérito de todos os demais.