A fin da cultura do monólogo
A Universidade (con maiúsculas): centro da sapiencia universal, foro de encendidas discusións intelectuais, zoco de intercambio de ideas, terra de cultivo da democracia. Esta é a imaxe da vella universitas, unha imaxe que todo o mundo ten implantada na cabeza… menos aqueles que a vivimos. En moitas ocasións (dende logo, moitas máis das que nos gustaría), na universidade non se ofrecen máis ca discursos unidireccionais. Moitas clases maxistrais consisten nun profesor que traslada o seu pensamento, único válido e verdadeiro, a unha masa de orellas con cráneos peludos no medio.
Porén, sempre quedan grupos de profesores e alumnos que se resisten a que a universidade ofreza monólogos e non diálogos. En Galicia, unha destas valerosas aldeas galas é o Club de Debate Compostela (CDC), unha asociación de estudiantes adicada ó debate de competición. Chegados a este punto, moitos lectores arquearíades as cellas, incrédulos: que é o debate de competición? Santiago Martínez, consultor político, media trainer e campión nacional de debate nos anos 2007 e 2008 defíneo como “un deporte de tipo intelectual” cuxa mecánica é moi simple: “enfróntanse dous equipos que deben preparar un tema, e uns minutos antes de comezar o debate, sortéase que postura deberán defender”. Tralo debate, Martínez explica que “uns xuíces decidirán que equipo é o gañador tras avaliar varios criterios de forma e de fondo de ambos equipos”. Esta actividade, moi en voga no mundo anglosaxón, comeza a calar pouco a pouco no mundo universitario ibérico, ameazando con rematar para sempre con esa cultura do monólogo.
Nesta ocasión, o diálogo que organizou o Club de Debate Compostela atinxía moito ós medios de comunicación. Na súa Liga de Debate, que rematou o pasado sábado, debatíase se os medios de comunicación deberían ou non estar financiados polo estado. Dun lado ó outro voaron argumentos e evidencias moi variadas: que os informativos da televisión pública obtiveron máis premios ca calquera dos das privadas, que pagar 12.000 euros por minuto de emisión de “Águila roja” era intolerable en tempos de crise, que os xornais sen subvencionar manipulaban moito máis cos subvencionados, que resultaba curioso que xustamente recibisen máis subvencións os medios máis dóciles… Ó veterano Santiago Martínez quedoulle gravada no maxín “a evidencia do aumento de impostos na comunidade valenciana para facer fronte ó burato negro de débeda da súa televisión autonómica”. Tras trepidantes medias horas de intercambio de datos, cifras e reflexións, os xuíces retirábanse a deliberar, en cada ocasión con máis cara de póker ca anterior, a medida que os argumentos se facían máis e máis afiados e difíciles de refutar.
Tomar unha decisión convertíase para os xuíces en todo un debate sobre o debate, e ó chega-lo seu remate era o tempo do tenso momento de proclamar ó vencedor. Caras longas, berros de xúbilo mal comedidos, parabéns e autocríticas, pero sobre todo o que se apalpaba no ambiente do salón de actos da facultade de Matemáticas era moito, moito compañeirismo. Despois dunha reñida fase de grupos e unha vibrante fase final, o equipo vencedor foi o formado polo estudante de Dereito Alberto Escobar e os futuros xornalistas Carla Rodríguez, Noelia Lage e Mario Nespereira. Pero, aínda que soe moi tópico, pode que o de menos fose quen gañou. O presidente do CDC, Alejandro Pardo, resalta o feito de que “xente de diferentes carreiras, que moitos nin tan sequera se coñecían, traballase xunta para preparar un tema tan complicado coma o dos medios de comunicación”.
Ora ben, que leva a un grupo de rapaces, asediados polas obrigas universitarias, a investi-lo seu tempo libre noutra actividade intelectual? Moitos membros de CDC veno claro: debatir crea adicción. Alejandro Pardo confesa que o debate de competición aprende “demasiadas cousas”: “non só como falar, senón poder falar, investigar e traballar sobre temas que poden resultar descoñecidos para moitos de nós e que ó final fan que a nosa forma de pensar sexa moito máis aberta e cun punto máis crítico e razoado”. Pola súa banda, Santiago Martínez afirma que “a formación en cuestións de oratoria na universidade e na política española é moi pobre”, causa última de que os nosos políticos escapen dos medios de comunicación, “porque os ven como unha amenaza en vez dunha oportunidade”.
Os membros da asociación coinciden en resaltar que o debate lles axudou moitísimo a mellora-las súas habilidades comunicativas. E non é falta de modestia: despois de anos adestrando a persoeiros da vida política, Martínez afirma que os membros de CDC “non están ó mesmo nivel ca eles, porque están moi por enriba”. Veremos se, no día de mañá, a semente do diálogo universitario que agromou en Compostela dá como froito uns comunicadores de primeiro nivel.