De pifia en pifia cara 2013

Agora que remata o ano é hora de rescatar do baúl dos recordos o máis destacable do período que deixamos atrás. O Nadal é época de lembranzas, de acumular uns cantos quilos de máis que se ven reflexados na balanza e, como non, de facer balance do que fixemos ao longo do ano que finaliza. Probablemente case todos pensemos naquilo que nos propuxemos e que levamos a cabo, naquelas outras cousas que tiñamos a intención de facer, mais non nos atrevimos. É época de valorar as nosas conductas e establecernos metas de cara ao ano que xa temos connosco. É un exercicio individual que se nos amosa nos programas de sobremesa da televisión e que pode ser de utilidade para cada un de nós. Se esta práctica a extendemos a facer un compendio das actividades desenvoltas polos nosos representantes a cousa aínda se volve, se cabe, máis interesante.

Por máis que intento facer un resumo da actividade parlamentaria dos políticos españois non son capaz. Non podo facelo porque o único que me vén á mente é o monotema “órdago independentista” de Artur Mas que ocupou as portadas de todos os xornais (en maior ou menor medida) desde o 12 de setembro. Levamos catro meses consumidos da nosa vida onde todas as noticias destacables do panorama político estaban vencelladas coa intención soberanista do presidente catalán. Os galegos tivemos nas nosas mans un cambio de rumbo o 21 de outubro que non soubemos aproveitar, pero que para o resto do territorio non era máis que peccata minuta. O termómetro para medir as políticas de recorte e austeridade do goberno de Rajoy. Quedaron lexitimadas pois? Algúns dirán que si e outros, pola contra, afirmarán que non é de recibo mesturar churras con merinas.

En novembro cumpliuse un ano do goberno popular. Un ano cheo de protestas, de folgas, de manifestacións e de berros dos cidadáns españois, cansos de pagar unha crise que non provocaron. En 2012 descubriuse o fraude das preferentes, cuxos responsables prefiren eludir responsabilidades e culpar á xente que confiou nos empregados da banca, nos de toda a vida, no lugar de pararse a ler liñas e liñas de letra escrita a Times New Roman, 5 puntos. Tamén foi o ano no que nos informaron doutro gran fraude: o de Bankia, que en poucos meses pasou de cotizar en bolsa como o gran valor que entraba nas cotizacións  a ter unha débeda de tantos ceros que resulta impronunciable. Mais este país é así. Algúns no cárcere por furtos menores e os Ratos Urdangarines da vida seguen nadando na abundancia a costa de todos nós. Esta claro que de roubar, mellor facelo “a lo grande”.

Volvendo a vista aínda máis cara a atrás parece que pasaron centurias desde o momento no que a coñecidísima “prima de riesgo” superaba os 600 puntos básicos e puña a España ao borde do abismo (algo así como o que pretende evitar Obama a golpe de 30 de decembro). Meses despois parece como se se volatilizara e algúns se preguntarán por que os medios de comunicación teñen tan esquecida á prima. Quizais foi secuestrada por Angela Merkel agora que se achega o seu peculiar San Martiño.

Tamén me lembro do mes de xuño, cando en España só importaba a preparación dos nosos de cara á Eurocopa, os xornais publicaban un titular con dobre negriña, contundente, forte. “España pide el rescate”. Catro palabras das que se falou o xusto e necesario, non fora que se ensombrecese a marabillosa actuación de “La Roja”. Todos sabemos que é ben máis importante gañar Eurocopa-Mundial-Eurocopa que a posibilidade de que a (des)Unión Europea nos bote unha man –algúns dirán que ao pescozo-.

Fonte: RTVE

Fonte: RTVE

A partir dese anuncio do rescate (case tan famoso coma a nosa prima) dábase algunha que outra pincelada máis no peculiar cadro no que se está a convertir España. O “ecce homo” restaurado por Cecilia Giménez era un anticipo do fiasco no que nos seguirían a meter os políticos. Porque señores, nunca o refrán de Spain is different cobrou tanto sentido coma nestes catro anos de crise. Mentres os políticos de Estados Unidos intentan superar as diferenzas entre republicanos e demócratas co obxectivo de evitar o abismo fiscal, os parlamentarios españois xogan a “Apalabrados” cunha man ao mesmo tempo que, coa outra, aproban a privatización de numerosos hospitais na Comunidade de Madrid. Seguro que a súa palabra favorita era “privatizar” coa que ademais obteñen 23 puntazos.

Fonte: El País

Fonte: El País

Mentres o presidente de Estados Unidos interrompe as súas vacacións en Hawai por defender os intereses económicos da que é a primeira potencia mundial, Rajoy intervén perante os medios por terceira vez no ano para dicir –papel mediante- o mesmo que o Rey no seu discurso de Nadal: nada.

Está claro que no noso país ser político é un auténtico chollo. Hai un par de días vía na televisión un balance que facían das intervencións e propostas dos parlamentarios no Congreso. Algúns seguramente nin saben onde se sentan, algo lóxico desde o momento no que non pisan o seu posto de traballo nin na xornada de portas abertas. Son eses mesmos os que chaman vagos aos novos que se ven obrigados a abandonar o seu fogar, aqueles xóves con tres carreiras e catro idiomas que teñen que ver como os políticos (que para chegar ao seu nivel de formación terían que nacer cen veces máis) lles chaman vagos e vividores. Si, eses mesmos políticos que nunca se pasan polo Congreso ou aqueles senadores que completan a decoración do Senado.

Por iso para este novo ano lles propoño que, por unha vez, fagan algo útil na súa vida e aproveiten o tempo para algo máis que para xogar a “Apalabrados” ou a “Booble Shooter Adventures”. Se non son capaces de facer exame de conciencia e rectificar os seus erros espero que, polo menos, lle boten un vistazo á carta que o noso compañeiro Roi Alexandre Sebio lle escribiu aos Reis Magos. A ver se deste xeito non só evitamos afundirnos senón que ademais consigamos saír a flote.