Cando o neno se cansa do xoguete

Corren tempos confusos por Málaga. Trala histórica clasificación para a Champions League lograda a pasada tempada, o equipo de Manuel Pellegrini mantén unha traxectoria ascendente inversamente proporcional ós problemas extradeportivos que sofre a entidade andaluza. Situado en postos Champions na competición doméstica, e tras superar con sobresaínte a rolda de grupos da Liga de Campións, todo deberían ser boas noticias pola Costa do Sol.  Pero a semana pasada, a UEFA anunciaba unha sanción ó Málaga por non pagamentos que o impedirá participar na próxima competición europea para a que se clasifique. A sanción será ampliable a máis participacións, sempre e cando o equipo andaluz non solucione os seus problemas nos pagamentos con facenda nos vindeiros meses. A noticia axitaba como unha bomba todo o fútbol español, un fútbol que nunca tivo demasiada sorte con estes “xeques” que tan bo resultado dan noutros lugares.

Abdullag Bin Nasser Al-Thani chegou a Málaga no verán de 2012. Sen tempo para facer nada, xa que aterrou xusto antes de comezar a tempada, presentou un proxecto ambicioso e cargado de seguridade tanto a nivel deportivo como económico. O equipo da Costa do Sol comezou mal a tempada, pero no mercado invernal o propio xeque xa fixo a súa primeira gran inversión, traendo xogadores de nivel coma Baptista, Demichelis ou Willy Caballero. O Málaga salvou a categoría en parte grazas a isto e, sen dúbida, polo necesario cambio de adestrador. Manuel Pellegrini chegou para substituír a un desacertado Jesualdo Ferreira e conseguir unir ó grupo ata ó final da tempada. Con todo o verán por diante, chegou a gran inversión de Al-Thani, asinando a xogadores como Santi Cazorla, Isco, Joaquín ou Van Nistelrooy para ó equipo andaluz. O Málaga conseguiu facer un equipo tremendamente competitivo, e conseguiría clasificarse por primeira vez na súa historia para a Champions League.

Porén, os problemas chegaron moi pronto, xa que o xeque aínda tiña que pagar parte desas fichaxes e os xogadores tamén tiveron graves retrasos nos pagamentos. Aínda que a tempada fose perfecta e a clasificación para Champions un feito, parece que Al-Thani cansouse do seu pequeno xoguete español, e deixou de enviar cartos dende a súa luxosa residencia. Como un neno que co paso do tempo recibe outros agasallos, tan típicos destas datas, e deixa de lado os antigos. Con esas, Fernando Hierro, director deportivo e unha das persoas máis importantes do proxecto, deixou o seu cargo ó non atopar garantías en Al-Thani. O Málaga viuse obrigado a vender, e comezou esta tempada cun equipo limitado e practicamente sen efectivos para afrontar tres competicións. A figura de Manuel Pellegrini foi clave para manter ó grupo unido, e o xeque pouco a pouco parece que enviou cartos. Incluso chegaron novos reforzos como Saviola ou Roque Santa Cruz. O Málaga parecía que melloraba pouco a pouco, pero xusto cando estaba de novo nun momento álxido saltou a noticia da sanción da UEFA.

A UEFA acostuma a ser estrita con este tipo de situacións. O problema é que quizais sexa máis sinxelo tomar esta decisión nun equipo como o Málaga, principiante en Europa, que en calquera outro equipo con máis historia. Porén, os problemas do Málaga son latentes, e é necesario un cambio de actitude no xeque para que isto poida ter unha solución. A Liga de Fútbol Profesional, institución máis preocupada de enriquecerse que de organizar o campionato, tamén debería tomar cartas no asunto e sobre todo poñer certas medidas de control nestas inversións foráneas de cartos no noso fútbol.

A pregunta está bastante clara, por que noutros países non existen problemas con estas inversións millonarias e en España nunca tiveron éxito? Quizais a resposta está na falta de control producida, principalmente, pola desorganización da LFP. Se isto non se amaña, quizais teñamos que sufrir máis Piterman, máis Ali Siyed, ou máis Al-Thani, porque deixando de lado os resultados deportivos, a herdanza e a débeda que pode deixar en Málaga pode ser nefasta para o futuro da entidade. Incluso teremos que asistir a algún que outro caso de engano como o do “suposto xeque” do Getafe, que non era máis que un simple camareiro.

O futuro do Málaga na actualidade parece incerto, pero considero que Manuel Pellegrini está capacitado para sacar adiante ó barco e capear o temporal. Quizais, agora a liga se convirta nun obxectivo secundario, tendo en conta que clasificarse para competicións europeas non serviría de nada. Isto, convirte ó Málaga nun equipo tremendamente perigoso na Copa do Rei e tamén na Champions. Alí, pode tentar conseguir un resultado histórico para a entidade. Postos a soñar, por que non pode o Málaga alcanzar a final? Se isto sucedera, eu non tería nada claro se a UEFA sería quen de manter a sanción ó clube andaluz. Probablemente non o fixera, demostrando de que están feitas moitas das directivas do mundo do fútbol que temos hoxe en día. Pero nisto último, simplemente estaba soñando. Ademais, se o Málaga quere manter os xogadores, o nivel deportivo e a estabilidade no futuro, o neno debe recuperar a ilusión no xoguete que ten esquecido no caixón.