Calquera tempo pasado foi mellor, tamén no fútbol

Houbo un tempo no que na primeira división española a maioría dos campos estaban enlamados, onde xogaban futbolistas calvos e con bigote, arbitraban tipos que remataron no Gran Hermano e onde algún presidente ademais era alcalde, tiña un programa en Telecinco e pelexaba a puños; onde algún porteiro tiña que xogar de dianteiro e onde a estrela invitada ás presentacións dos equipos era Cañita Brava. O fútbol mudou moito desde os 90 pero, é só nisto no que se diferencia do fútbol actual?

Os contratos televisivos
Posiblemente a maior diferenza respecto do fútbol daqueles anos estea na televisión e nos cartos que esta dá aos equipos a cambio de explotar a súa imaxe televisiva. A chegada das plataformas dixitais de pago no 1997 (Vía Digital e Canal Satélite Digital, das que logo saíu Digital + coa fusión de ambas) fixo que moitos dos equipos vendesen a súa alma ao diaño a cambio de varios miles de millóns de pesetas. Desde aquela os partidos xóganse ás horas que deciden as teles cada fin de semana, probando en cada xornada novas franxas horarias (domingos ás 11 da noite, ou partidos aos luns ou aos venres, por exemplo), o que está a complicar cada vez máis á xente acudir a animar ao seu equipo ao campo.

Un dos maiores problemas que se produciu a longo prazo foi a desigualdade entre equipos, creándose unha “liga escocesa” onde cada ano a competición é dominada por Barcelona e Real Madrid, sen opción a máis rivais. Estes dous equipos reciben cada ano 140 millóns de euros, mentres que os seguintes equipos que máis gañan coa televisión son Valencia e Atlético, con case 100 millóns menos, 42 millóns. A diferenza entre os equipos que máis cartos reciben e os que menos é de 128 millóns de euros, mentres que noutras ligas como a inglesa esta disparidade é tan só de 22 millóns como se pode observar no gráfico deste enlace. Tal é a diferenza que produciron estas desigualdades que das últimas oito ligas foron gañadas por Barcelona ou Real Madrid, mentres que as nove anteriores tiveron tamén como protagonistas a Valencia, Deportivo ou Atlético de Madrid ademais dos dous equipos “grandes”.

Antes da aparición das guerras polos dereitos do fútbol, TVE era quen emitía algún partido da primeira división. Daquela pagaba á RFEF e esta quen distribuía os cartos entre os clubs. Foi así ata que as autonómicas decidiron entrar a competir por emitir a primeira e a segunda división onde xa comezaron a negociar directamente cos equipos. A partir de mediados dos 90, cada semana emitíase en aberto un partido nas canles autonómicas, pero como non todas as rexións tiñan canle pública, La 2 de TVE era quen emitía estes partidos en directo naqueles lugares onde non tiñan a sorte de ter unha tele como a TVG. Tamén nesta época comezou Canal+ a emitir o seu partido do domingo ás 9, caracterizado pola calidade na técnica e durante dous anos Antena 3 probou sorte ao emitir un partido os luns en aberto.
Coa chegada das antes mencionadas televisións de pago, un dos problemas que comezou a preocupar aos equipos era o de que a xente comezase a faltar ao campo, polo que non se emitían os partidos dos equipos da propia provincia que xogasen na casa. Por exemplo, en Vigo non era posible ver un partido xogado en Balaídos ou na Coruña un xogado en Riazor na televisión. Isto obrigou aos empresarios que facían boas caixas por emitir o fútbol nos seus bares a utilizar a picaresca, mercando tarxetas destas plataformas nun enderezo de fóra da provincia.
Nun alarde de populismo Francisco Álvarez Cascos promulgou no 1997 a coñecida coma “Lei Cascos” onde o daquela vicepresidente do goberno obrigaba por lei ás televisións a emitir cada semana un partido de fútbol en aberto, polo medo a que as plataformas de pago monopolizasen as emisións.

O caso Bosman
Sen embargo, non foron as televisións as únicas causantes dese chamado “fútbol moderno”. Outra das causas foi o coñecido como “caso Bosman”.
Jean-Marc Bosman era un modesto futbolista belga que provocou unha revolución no mundo do fútbol. A sentenza do caso dunha simple cesión do xogador entre o Lieja belga e o Dunkerque francés cambiou as leis do fútbol levando a este cara a globalización pola que hoxe se caracteriza. O veredicto dicía que non se podía limitar a venda e traspaso de xogadores doutros países dentro da Unión Europea, o que obrigou a mudar as normativas da UEFA. A partires de aí tódolos equipos comezaron a fichar xogadores de fóra das súas fronteiras, tan só tendo limitada a fichaxe de tres xogadores extracomunitarios.

Jean-Maric Bosman, foto de soccerissue.com

Logo do caso Bosman os equipos españois aventuráronse na procura de xogadores de tódalas partes de Europa e do mundo, facendo da liga española unha liga na que a cada paso era máis raro ver xogadores españois. Xogadores coma o “piollo” López, Ronaldo, Rivaldo, Zidane, Roberto Carlos, Mazinho, Bebeto, Higuita, Mágico González, Figo ou Laudrup entre moitos outros viñeron para triunfar. Aínda que non todos serán recordados coma heroes. Xente coma Festus Agu, Renaldo, Prosinecki, Amunike, Fredy Rincón ou o “Tren” Valencia erraron ao intentar triunfar nas nosas terras.

Fóra dos campos
O espectáculo daquel fútbol non era tan só o que ofrecían os xogadores no campo. No palco chegouse a ter unha manchea de presidentes que facían das roldas de prensa e das xuntanzas da LFP un dos temas cos que encher moitas páxinas de xornais. José María Caneda, Lendoiro e Horacio Gómez dominaban o fútbol galego ao seu antollo. Máis alá dos Ancares había outros persoeiros coma José Luis Núñez ou Joan Gaspart que mandaban no Barcelona, Ramón Mendoza ou Lorenzo Sanz no Real Madrid… Este foi sucedido no ano 2000 por Florentino Pérez e a súa teoría dos “Zidanes y Pavones”. Jesús Gil e o matrimonio Ruiz Mateos-Teresa Rivero gobernaban noutros barrios madrileños mentres que en Sevilla tamén tiveron unha boa dose co peculiar Manuel Ruiz de Lopera.

Pequenos equipos que se fixeron grandes
Por último os equipos que triunfaban naquela época eran moi senlleiros aos de hoxe en día. Daquela era habitual ver en primeira a equipos de cidades pequenas ou con pouca historia en primeira, tan só comparable agora co Xetafe ou o Granada. Tamén que un equipo coma o Levante chegue á UEFA sería unha fazaña máis típica de hai quince anos. O habitual nas últimas tempadas é que Barça e Madrid sexan primeiro ou segundo, e que Valencia, Atlético, Sevilla ou algún outro equipo ocupen o resto de prazas que dan dereito a xogar competicións europeas, sen apenas mudar cada campaña.
Nos anos noventa e principios dos dous mil a competición estaba moito máis pelexada, o que propiciaba que equipos pequenos chegasen a ter tamén os seus grandes momentos de gloria. O Alavés (hoxe en 2ªB) xogou contra o Liverpool a final da Copa da UEFA máis disputada de tódolos tempos no ano 2000, rematando cun 5-4 na prórroga para o equipo británico. Outro título recordado será a Recopa de 1995 onde o Zaragoza gañaba cun gol de Nayim desde o medio campo. O SuperDépor acabou gañando a Liga no 2000 e xogando cinco anos seguidos a Champions tras perder uns anos atrás outra liga por mor dun penalti lanzado por Djukic. O Celta tamén viviu os seus mellores anos chegando a xogar dúas finais de Copa e logrando grandes xestas en Europa con xogadores coma Mazinho, Karpin, Mostovoi ou Makelele (entre moitos outros). O Mallorca de Eto’o e Luis Aragonés chegou a xogar a Champions no 2002, e a Real Sociedade a piques estivo de gañar a liga no 2003 con Nihat e Kovacevic en punta, Xabi Alonso no medio campo e Raynald Denoueix no banquiño.

O Alavés, na final de UEFA contra o Liverpool

Outros equipos habituais en primeira, ou que cando menos xogaron algunha vez na década dos noventa e que hoxe están desaparecidos, ou en paradoiro case descoñecido, foran o Mérida, o Salamanca, o Albacete, o Oviedo, o Logroñés, o Tenerife, o Extremadura, o Burgos ou o Compostela.

Sen dúbida son moitas as diferenzas entre o fútbol de agora e o da época de SuperGarcía, De La Casa e El Día Después de Pedrerol e Robinson. Moitos desexan que esa época volva. Pena que a máquina do tempo tan só exista na ficción. Desta época fan un bo resumo musical a “Fundación de Raperos Atípicos de Cádiz” neste rap: