Cada cousa ó seu tempo
En Galicia, como noutros lugares, os maiores teñen por tradición educar ós seus fillos usando un número considerable de frases feitas. Esas frases, que poden resultar por uns intres repetitivas ou carentes de sentido, non deixan de ser parte dunha filosofía de vida e, por momentos, serven para definir temas de tremenda importancia con poucas palabras. De feito, o outro día, lin unha noticia de moitos parágrafos que unha frase feita ben podería explicar en poucas palabras.
A NBA é a mellor liga de baloncesto do mundo. Porén, é un lugar onde os xogadores europeos teñen moi difícil triunfar. Chamádeme antigo, pero a tradición americana do draft e das ligas universitarias sempre fixo unha aposta maior polos xogadores da casa fronte ós xogadores de fóra. No caso español, o desembarque de xogadores na NBA nos últimos anos é algo habitual e ó mesmo tempo lóxico, tendo en conta que España converteuse nun dos países máis competitivos do deporte da canastra. Proba diso, son os últimos resultados acadados pola nosa selección en citas internacionais. O que resulta curioso é que todos eses xogadores que agora triunfan na liga americana xa chegaron ó país dos ianquis cun certo nome. Habitualmente, se precipitas a túa chegada alí, as cousas non acostuman a saír demasiado ben.
Fernando Martín foi o encargado de abrir o camiño para chegar á liga americana. A súa presenza nos Blazers foi por momentos testemuñal, pero conseguiu abrir unha vía que moitos outros seguirían anos despois. Na actualidade, temos españois triunfando na NBA como Pau Gasol, Ricky Rubio ou Marc Gasol. Os tres teñen un nome dentro da liga americana e son estrelas do baloncesto e da publicidade alí. Outros, como Jose Manuel Calderón tamén o levan facendo ben durante moitos anos, pero o fracaso español desta tempada é, sen dúbida, o de Víctor Claver. Un fracaso previsible para moitos de nós.
Víctor Claver é un xogador con condicións, que pode facer grandes cousas na súa carreira profesional pero que nos últimos anos parece que detivo a súa progresión debido a diversos motivos. Por un lado, quizais o Valencia Basket era un equipo demasiado pequeno para continuar crecendo. Por outra banda, as súas numerosas decepcións coa selección, onde a súa presenza en minutos en cancha foi escasa ou nula nos partidos relevantes, tamén poderían axudar a que súa carreira estivese algo parada. Con todo, o xogador decidiu emigrar á NBA e probar sorte nos Portland Trail Blazers nun movemento un tanto precipitado. Os Blazers son un equipo de mal recordo para os españois, xa que xogadores como Sergio Rodríguez ou Rudy Fernández non conseguiron triunfar nese lugar. No caso de Sergio porque quizais tamén marchou de xeito precipitado á NBA e no de Rudy porque non conxugou co seu adestrador e co estilo de xogo do equipo. Máis do mesmo pasou con Navarro, quen tampouco atopou acomodo nun equipo como os Grizzlies.
Volvendo o tema Claver, o outro día podiamos ler que ía a xogar algúns partidos na liga de desenvolvemento para curtirse na NBA, despois de non aproveitar os poucos minutos dos que desfruta nos Blazers neste comezo de tempada. Algúns cualificaban isto como unha boa noticia para a súa adaptación, pero a min realmente non me parece algo do que nos teñamos que felicitar os afeccionados españois. Dende o meu punto de vista, en Europa seguro que había algunha oportunidade máis interesante para o valenciano. Un equipo europeo que participase na Euroliga quizais houbese sido perfecto para coller confianza e minutos importantes de cara á selección. Se as cousas fosen ben, despois xa habería tempo de buscar un oco na NBA. Eu creo que a carreira deportiva de calquera profesional debe de forxarse paso a paso. E neste caso, como diría a miña avoa, cada cousa debe facerse ó seu tempo.