Berrogüetto ou a excelencia do folk galego
O pasado sábado 22 de decembro, Berrogüetto iniciou a súa xira De andar por casa no Teatro Colón da Coruña. Aínda non eran as 20:30 cando os sete músicos que compoñen a banda aparecían polo escenario e ocupaban os sete sillóns para eles reservados, que decorados cun estampado a cadros axudaban a crear ese ambiente familiar no que se enmarca esta serie de concertos. A puntualidade foi tal que as azafatas non permitiron que parte dos asistentes, entre os que me inclúo, se sentasen nos sitios asignados; coa intención de que non interrumpisen os primeiros compases da actuación. Soaba Vamos indo, do disco 10.0; seguida logo por Unha volta e un poema, coa que o multiinstrumentista Anxo Pintos chamou a tentar dar unha volta á situación que vivimos e apelou á poesía para recuperar “a lírica da existencia”. As melodías da formación galega comezaban a encher o corpo e a alma deste vello espazo cultural, que abriu as súas portas a finais da década dos 40 e que aínda hoxe, a pesar da remodelación que sufriu hai unha década, segue a manter a súa característica estética clasicista.
Naquel momento, Xabier Díaz, voz do grupo desde hai case cinco anos, deixou o escenario e os seus compañeiros ficaron interpretando dúas pezas instrumentais, Cracovia e Brest. Nelas fica ben claro o seu interese pola diversidade e o seu afán de experimentación con músicas que trascenden as fronteiras do noso país. A primeira delas levounos voando cara ao leste de Europa. Composta polo acordeonista Santiago Cribeiro, é unha homenaxe ao trío xudeu Kroke, un grupo de música klezmer nacido nos 90 en Polonia e cuxo nome, traducido do yidish, significa Cracovia. Logo soou Brest, tema composto polo violinista Quim Farinha, que comeza cun animado vals-musette para logo dar paso a unha melodía claramente inspirada na música tradicional bretoa.

Tras visitar A Coruña e Lugo, Berrogüetto actuará en Compostela (27/12), Ourense (03/01), Vigo (04/01) e Narón (12/01).
As seis pezas que naquel momento, case en semicírculo, se situaban sobre o escenario, conformaban un puzzle que semellaba completo. Quizais sexa porque practicamente todos xa estaban nos estudos de Elkar en marzo de 1996, cando gravaron Navicularia da man de Nando Luaces e da súa discográfica, Boa. Faltaba só Quim Farinha, que se incorporaría un mes despois tras o abandono de Paco Juncal. 16 anos xuntos, algúns máis no caso de Anxo Pintos -zanfona, gaita, violín, saxo-, o percusionista Isaac Palacín e o acordeonista Santiago Cribeiro, que en 1993 gravaban o primeiro e único disco de Matto Congrio, aquela revolucionaria formación viguesa na que tamén participaba o máis que coñecido gaiteiro Carlos Núñez. E digo que o puzzle que formaban os seis músicos semellaba completo porque aínda non voltara Xabier Díaz. Cando o fixo, demostrou como a súa voz se empasta á perfección co resto da banda, creando un conxunto realmente evocador. Esa voz que se convertía nunha auténtica revolución no panorama folk galego, dominado polas cantantes femininas, co seu disco de debut con Berrogüetto, Kosmogonías, editado en 2010.
Xabier Díaz, nacido no barrio coruñés de Eirís, substituía a principios de 2008 a Guadi Galego, a que fora voz de Berrogüetto desde decembro de 1997, participando en Viaxe por Urticaria (1999), Hepta (2001) e 10.0 (2006). O abandono de Guadi, irmá pequena de Cribeiro, fora difícil de dixerir para o resto nun momento no que era vista polos seus compañeiros, en palabras de Pintos, coma “o faro do grupo” -cita extraída de O pulso da terra (2011), biografía de Berrogüetto realizada polo xornalista Fernando Neira e principal base documental para a elaboración deste traballo-. Mais aínda a día de hoxe, como o verbalizou o propio Anxo Pintos no Colón, Berrogüetto ten palabras de agradecemento e recoñecemento para a cantante de Cedeira pola importancia capital que esta tivo durante a década na que participou do proxecto. Cando ela marchou, ao resto da banda só lles restou unha posibilidade: buscar o mellor substituto posíbel, e a poder ser un home, para así evitar comparacións. E o primeiro candidato, que ademais editara Músicas de Salitre (2005) xunto con Guillerme Fernández, guitarrista da banda, foi o escollido. Xabier Díaz debutaba con Berrogüetto en marzo do 2008 tras unha rápida e sorprendente adaptación, e facíao nun concerto moi especial celebrado na súa cidade, A Coruña. Aquel concerto non só fora especial para o cantante pola aprobación que crítica e público brindaran á súa incorporación, nin tampouco unicamente pola emocionante chamada telefónica que recibira da súa amiga Guadi Galego cando se estaba a vestir nos camerinos do Teatro Rosalía. Fórao tamén porque un dos asistentes, marabillado, decidira entregar a Xabier Díaz un agasallo co que corresponder ao agasallo que acababa de recibir desde o palco. E fixérao en forma de correo electrónico, incluíndo un poema seu de recente creación, Alalá da noite, para que a nova voz de Berrogüetto o utilizase como el quixer. Tratábase do xornalista e escritor Manuel Rivas. Unha chamada de Xabier a Quico Comesaña, bouzouki e harpa da banda, fora suficiente para compoñer a música de Alalá da noite, que abriría o Kosmogonías dous anos despois. “Eu non sabía que había / tanta alegría nas bágoas / nin neve nas bidueiras / nin esperanza nas mágoas”. Esta foi a peza que interpretou a banda no intre no que o cantante volveu ao escenario, que coa súa abenzoada voz é capaz de converter nun periplo emocional calquera das súas actuacións. Sobre a melodía principal, varios acompañamentos melódicos máis que permiten atopar novos detalles en cada escoita. Por detrás, a percusión creativa de Isaac Palacín, que parece que provén do fondo da terra, aportando cohesión e forza ao conxunto. Por sorte para todos, Berrogüetto segue soando a Berrogüetto.
A partir de aquí proseguiu o repaso a temas de toda a traxectoria da banda, como Xente, peza co selo de Guadi Galego e Guillerme Fernández que abre o álbum 10.0, ou Valseiro, composición de Pintos a ritmo de vals incluída en Navicularia; aínda que a maior parte das pezas interpretadas proceden do seu último traballo, Kosmogonías. A emotiva, lírica e onírica Caneta de poeta, composta entre Xabier Díaz e Guillerme Fernández; a enérxica Ataque de Jota, asinada por Santiago Cribeiro; ou Planeta can, cuxa traballada melodía é obra de Quim Farinha -estas dúas últimas, como moitas outras, presentadas por Anxo Pintos, que fixo gala do humor absurdo e surrealista que o caracteriza-; foron algunhas das escollidas. Todo isto dá mostra da condición de grupo asembleario, sen líder definido, mais non por iso descabezado, que é Berrogüetto; onde todos os integrantes teñen parte destacada na composición e arranxos dos temas.
Logo de que soasen estas cancións de corte instrumental, Xabier Díaz deixou a gaita e as percusións, campos nos que tamén se desenvolve con mestría; e volveu coller o micrófono. Presentou entón Rosendo en Sabaxáns, unha das pezas tradicionais editadas en Navicularia, aquel primeiro álbum no que o grupo, que aínda non tiña voz solista, contou coa colaboración de sete cantareiras da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, igual que Milladoiro no seu mítico Galicia no país das marabillas (1986). O cantante adicou a peza a todas as agrupacións da cidade herculina que tantos anos levan pelexando, con moito esforzo e poucas axudas, por preservar e dignificar a música popular galega. O Teatro Colón convertiuse entón nunha auténtica festa, con bailadores sobre o escenario -entre eles o propio Xabier Díaz- e tamén entre as butacas. O concerto, aínda que logo habería algún bis, achegábase ao fin cos sete integrantes da banda tocando de pé e un público que os correspondía completamente entregado.
Así, en pé, é como leva Berrogüetto máis de 15 anos, percorrendo o mundo e poñendo a Galiza no mapa da man da súa música. 1997, aquel ano no que compartían con Ry Cooder e o seu Buena Vista Social Club o premio da Asociación da Crítica Alemá do Disco, parece quedar lonxe. Mais despois de todo este tempo fica claro que seguen traballando para chegar á excelencia coa música popular do noso país como base e sen medo a enriquecerse bebendo de distintas fontes.
Berrogüetto -palabra composta por berro, como grito de denuncia para construír un mundo mellor; gueto, minoría de persoas marxinadas da sociedade; e Soweto, barrio de Iohannesburgo que foi a máxima expresión de oposición ao apartheid- son ritmos que veñen desde as entrañas da terra. Son melodías que atravesan a memoria dos tempos. Son, en definitiva, ríos de músicas que flúen cara ao mesmo mar. Os seus sete tripulantes desembarcaron o sábado na Coruña, provocando, durante un par de horas, un auténtico tsunami que empapou de sons e maxia o Teatro Colón. E así remataban o concerto, en pé, igual que as agrupacións de folk das que se souberon lembrar loitaron, e en épocas ben complicadas, por non deixar morrer unha parte tan importante do noso patrimonio cultural. Esperemos que así sigan, uns e outros, por moitos anos. Porque alguén entende a resistencia se non é de pé?