Audie Norris, o americano que triunfou en Barcelona
Nestas datas cúmprense 121 anos desde que un profesor canadense de educación física decidiu inventar un xogo que consistía en meter unha bóla nunha cesta colgada dun poste. Tamén nestas datas, pero 69 anos despois nacía no estado de Mississippi un home que non será recordado coma o mellor de tódolos tempos, pero posiblemente moitos rapaces que medraron nos anos 80 soñarían chegar a ser coma el.
A universidade estatal de Jackson é unha institución pequena, situada no estado de Mississippi, a dúas horas do Golfo de México. O baloncesto non é o seu deporte máis destacado, poucos xogadores saídos de alí chegaron á NBA, de feito tan só xogaron unha vez o famoso “March Madness” da NCAA (as eliminatorias finais do torneo universitario americano) no 2007, onde quedaron eliminados xa na primeira rolda. Sen dúbida o deporte máis importante nesta universidade é o fútbol americano, onde ata catro xogadores saídos de alí chegaron a formar parte do salón da fama da NFL.
Audie Norris era un xogador alto, medía 6 pés e 9 polgadas (2,06 m). O seu corpo mesturaba todo o que calquera xogador de baloncesto desexa: altura, gran fortaleza física e un magnífico dominio da técnica.
A final da temporada 78-79 na NCAA foi unha das máis recordadas da historia. Na capital do estado de Utah, Salt Lake City víanse as caras a universidade de Indiana State contra a de Michigan State. Non será recordada pola rivalidade de dous estados colindantes, pero si polo comezo da futura famosa disputa entre Larry Bird e Magic Johnson. Tras ese ano os dous ingresaron na NBA, Johnson xogando nos Lakers de Los Angeles e Bird nos Boston Celtics. Nos seguintes nove anos repartíronse entre os dous equipos oito títulos, e o único que non gañou ningún dos dous foi perdido na final polos Lakers contra os Philadelphia 76ers de Moses Malone.
Xusto no ano desa final Norris entraba na NCAA, tras pasar polo instituto de Jim Hill. Pasou os catro anos de universidade en Jackson, algo pouco habitual nos xogadores americanos hoxe en día, que soen dar o salto á NBA no primeiro ou segundo ano de carreira, xa que son máis cotizados ao ser aínda máis rapaces e ter máis anos de deporte por diante.
Tras eses catro anos foi drafteado polos Portland Trail Brazers na segunda rolda, no posto 37. Audie xa pasaba a formar parte da NBA. Alí as lesións non o respectaron e tan só puido xogar 187 partidos en tres anos, promediando un triste bagaxe de 4,4 puntos e 3,8 rebotes por partido. Cada vez xogaba menos partidos e o seu contrato fora de tan só 110.000 dólares, é entón cando decide probar fortuna no baloncesto europeo. Fai unha primeira parada en Madrid, onde fai unha proba para o Real con pouca fortuna.
Tras iso atopa lugar na pequena cidade italiana de Treviso, a Benneton era un equipo de moita tradición pero nese momento estaba na Serie A-2. Audie logra adaptarse facilmente á maior técnica do básquet europeo xa que o ritmo de partidos é moito menos e logra o ascenso á Serie A-1.
Aínda así, tras a primeira temporada en Italia, unha chamada estivo a piques de facelo cambiar de opinión. O Real Madrid quería contratalo. Chegou a viaxar á capital do estado e coñeceu as instalacións e os xogadores brancos. A súa contratación nunca se pechou a causa de desacordos económicos.
Continuou un ano máis en Treviso e a Benneton logrou a salvación sen ningún problema.
Chegaba o verán e o seu contrato remataba. Non sabía onde ía xogar ao ano seguinte ata que o seu axente lle presentou dúas ofertas de equipos grandes de Europa, o Bolonia e o Barcelona. Norris xogara a liga de verán no 84 cos Trail Blazers para intentar coller máis experiencia, na bancada estaba Aíto García Reneses observándoo.
Os dous pretendentes chegaron a un acordo sen precedentes, Audie xogaría primeiro na capital catalana dous anos e despois voltaría a Italia outros dous. Algo sorprendente e inaudito que non se chegou a consumar. Dous anos máis tarde o Barcelona pagaba unha indemnización aos italianos para quedarse en propiedade co pívot de Misisipi.
A súa adaptación á cidade condal non puido ser mellor. El completaba un equipo onde estaban Solozábal, Epi ou Jiménez entre outros. Un equipo que deixou pisada nos recordos dos barcelonistas. Aquel ano o Barcelona gañou a liga ACB e a Copa do Rei. E as dúas seguintes ligas tamén completando unha das épocas máis gloriosas dos blaugranas.
Gloriosas comezaron a facerse as súas batallas na pintura contra Fernando Martín, que tamén probara sorte na NBA e no mesmo equipo que Norris obtendo a mesma sorte. No 87, o día da lotería de Nadal xogaban en Valladolid unha das súas primeiras batallas. O madrileño fixo un bo partido, logrando 19 puntos, o americano non tivo o seu mellor día e aínda así logrou once tantos. Aínda así ese día o gordo caía de mans catalanas, cunha tripla de Nacho Solozábal sobre a bucina que lles daba a vitoria.
Ao ano seguinte voltaban a verse as caras ambos na gran final. Martín quería revancha e levar desta vez o título. Audie Norris pretendía gañar a batalla na pintura, e fíxoo, aínda que desta non puido levar o título para a casa. Drazen Petrovic facía un descomunal partido e lograba 27 puntos que axudaban ao seu equipo a firmar a levar a copa á capital española. Norris esa tarde na Coruña logrou a marca de maior número de rebotes ofensivos na Copa do Rei con doce, algo que hoxe en día ninguén logrou superar.
A súa rivalidade con Fernando Martín era das de odiarse a morte dentro da cancha, e das que fóra ben podían ir tomar unha cervexa. O día que o español faleceu Norris tiña partido no Palau Blaugrana. Ao coñecer a noticia rompeu a chorar e ao día seguinte no enterro deste foi moi recordada a imaxe de Audie apertando á nai de Martín.
A partir de aí todo foi a menos para Audie Norris, este botaba de menos as loitas no poste baixo con Fernando Martín. Ademais cada vez as súas lesións eran de máis lastre para os seus xeonllos. No 90 gañou a súa última liga co Barcelona. A partir de aí estivo tres anos máis aínda que tivo que ser varias veces cortado por mor das lesións. O Barcelona tamén neses anos viviu un gafe na Copa de Europa, onde a pesar de ter un gran equipo non logrou obter.
Norris tras eso xogou un ano máis en Grecia, no Nikas Peresteri de Atenas onde se retirou.