Atlético de Madrid: Alternativa real?

Vivimos nunha liga dominada polo Barcelona e o Real Madrid, cun reparto televisivo absurdo se pensamos no espectáculo e cuns medios de comunicación que practicamente só falan deles dous. Porén, nesta tempada un equipo sitúase entre os dous grandes na clasificación da Liga BBVA. Falamos do Atlético de Madrid. Un equipo que noutro tempo foi grande e que na actualidade quere recuperar o seu lugar na escala de valores do fútbol español. Un equipo peculiar, coñecido pola súa afección pero tamén pola súa irregularidade e inestabilidade nos últimos tempos. Con todo, tralo paso pola segunda división o equipo do Manzanares vén de realizar un último ano envexable triunfando na Europa League e na Supercopa de Europa. Ademais, un inicio esperanzador de liga con tan só dúas derrotas e un empate sitúa aos de Simeone a seis puntos do F.C. Barcelona e por diante do Real Madrid, co que perderon o pasado fin de semana. Por iso, moitos afeccionados ó fútbol nos preguntamos nos últimos días se  o Atlético pode ser unha alternativa real ós dous grandes para levarse a liga.

A clase media acostuma a buscar a estabilidade. É algo que observamos día a día nas nosas rúas e que tamén acontece na Liga BBVA en maior ou menor medida. De tódolos xeitos, no mundo do fútbol digamos que a estabilidade é a que axuda a ser clase media. Exemplo claro é o do Valencia, que cunha aposta decidida pola figura de Unai Emery conseguiu ser terceiro tres anos consecutivos cun mérito tremendo, tendo en conta que o equipo de Mestalla vendía as súas estrelas por motivos económicos cada ano. Agora, cunha nova aposta, o equipo valencianista transita pola media táboa e busca substituto para o seu adestrador Mauricio Pellegrino, ó que acaban de despedir na última xornada.

O Atlético non foi un equipo estable nos últimos anos. Cincuenta e dous cambios de adestradores en vinte e cinco anos así o refrendan. No Manzanares apostouse por homes da casa, por descoñecidos e por auténticas figuras do mundo dos bancos. Porén, Radomir Antic e Javier Aguirre foron os únicos que lograron aguantar máis de dous tempadas seguidas no banco local do Calderón. Outros, con título incluído como Quique Sánchez Flores, acabaron perdendo o seu posto cando viñeron mal dadas. A principios da tempada pasada, trala destitución de Manzano,  a dirección deportiva apostou polo “Cholo” Simeone. Tratábase dun home da casa, con experiencia no fútbol arxentino e que formara parte do equipo do mítico doblete do ano 1996. Simeone chegou para poñer orde nun vestiario rebelde é que non funcionaba ás ordes de Gregorio Manzano. Co apoio da afección dende o primeiro día, o Atlético do “Cholo” cumpriu as expectativas en certa medida. Os malos resultados en Liga foron reconducidos e o equipo colchoeiro acabou rozando a clasificación para Champions, da que se quedou fóra quizais pola súa irregularidade. Porén, unha clasificación para a Europa League non era un premio menor. Ademais, rematou a tempada da mellor maneira posible, triunfando na Europa League ante o Athletic de Bilbao de Bielsa.

Con poucos cambios no equipo e mantendo o buque insignia do proxecto, Radamel Falcao, o Atlético poñíase como obxectivo a clasificación para a Champions League nesta tempada. Tralo triunfo na Supercopa de Europa ante o Chelsea, os atléticos comezaron a liga do mellor xeito posible e conseguiron situarse nese segundo posto actual. O Atlético acostumouse a gañar en tódalas situacións posibles, e evitaba esa irregularidade que tanto lle prexudicara anos atrás. O “Cholo” fixo un grupo que traballa na mesma dirección e que está cargado de moral. Porén, o Atlético esvarou no derbi de novo.

O pasado fin de semana chegaba unha proba de alto nivel para o Atlético, xa que a pesar do dicurso realista, tódolos Atléticos soñan con ver ó seu equipo ó nivel de Madrid e Barcelona. Pero nese exame o equipo de Manzanares suspendeu por méritos propios. Unha ocasión de gol en todo o encontro foi un balance moi pobre para o equipo colchoeiro, que sumou outra derrota contra o Real Madrid, que ademais tampouco fixo un gran encontro. A maldición nos derbis madrileños segue viva doce anos despois.

Con todo, unha pregunta formúlase nas mentes dos afeccionados ao fútbol. De verdade o Atlético ten nivel para competirlle a liga ó Real Madrid e sobre todo ó Barcelona? Dende o meu punto de vista, véxoo tremendamente complicado xa que a diferenza de presuposto ten como consecuencia unha diferenza de efectivos de calidade no equipo. Ademais, o fondo de armario é menor. Polo tanto, o Atlético non pode afrontar tres competicións coa seguridade dos dous grandes do fútbol español. A miña noraboa para o equipo de Simeone por estar aí, e ogallá consiga manterse arriba máis tempo, xa que daría unha tremenda emoción a este campionato tan previsible. Pero por desgraza, creo que co tempo simplemente se poderá alzar co campionato honorífico da liga dos mortais, o terceiro posto, xa que o resto da clase media parece que este ano si que peca de irregularidade. Pero isto é só unha opinión, e os Atléticos seguen tendo licenza para soñar, aínda que o nivel nos partidos grandes debe ser moitísimo máis elevado que o mostrado o sábado pasado no Bernabéu, para así poder aspirar a metas máis altas que as actuais.

*Foto de portada: La Prensa