Aínda que fóra estea a chover
– De que maneira podo comezar a escribir sobre a festa de Compostimes do pasado xoves?
– Uf, complicado.
Preciso dun recurso que vos enganche á lectura e nada mellor que empezar este breve texto co punto forte da noite: a simpatía que levaban enriba os alí presentes. Un local case baleiro recibiume cerca da unha da mañá. Estaban os de sempre. Un sorriso particular engalanaba os seus rostros. Que estraño – pensei. De súpeto envolveunos un ambiente enrarecido pero familiar.
O Taj Mahal, un conxunto de edificios integrados que se atopa na cidade india de Agra, está considerado como o máis belo exemplar da arquitectura mongola. Tamén é un bar de copas de Santiago de Compostela rexentado polo actor e director porno Totó García. A decoración do interior pretende facerlle xustiza ó nome. Na noite do xoves as pantallas proxectaban vídeos da cidade de Las Vegas. Sen dúbida unha curiosa mestizaxe cultural.
Cal intrusa coloqueime coa cámara no fotocol do bar a inmortalizar a quen se deixaba caer pola nosa festa. Pouco a pouco os asistentes, habituais ou non do Taj Mahal, enchían o local. O meu traballo volveuse innecesario cando Totó sacou o seu aparello fotográfico. Do meu desamparo rescatoume el mesmo cando me pediu que o retratase coa súa cámara xunto a uns coñecidos. Unha das rapazas suxeriulle que lle cambiase o sitio para que a disposición quedase máis equilibrada. De súpeto o director e actor porno marchou para atender na barra a uns clientes que acababan de entrar no local. Cos seus compañeiros paralizados no fotocol, rematei de fotografar.
Supuxen que esto dos cambios de situación era algo natural. Como bo galego: que se arriba que se abaixo. Como bo español: que se esquerda que se dereita. E, desde o respecto, xa se sabe que todo son problemas de localización na súa profesión.
Nada era conforme ó planeado. As cousas non estaban a saír como desexabamos en Compostimes. Ese xoves a xente resgardábase do frío polar na súa casa. Xa non digamos da choiva, iso aquí pouco importa. Fomos soterrados polo pracer que produce un sofá á calor da familiaridade dun salón compartido. Covardes. Como diría un señor que me atopei un día en Correos, “esta temperatura é boa, ¡fainos ben!, saen as leitugas e os camaróns chegan a Santiago andando”.
Esa mesma comodidade do sofá atopeina nas caras da xente. Conversaban animosamente sobre o caos mentres axitaban os vasos de tubo que suxeitaban. Bailaban as copas, bailaban os presentes. A simpatía convertía o ambiente cuarentaprincipalesco en algo soportable e incluso divertido. Tiven que alargar a miña estancia no local cunha cervexa e foi unha decisión ben tomada. Estivemos a gusto. Fóra seguía a chover.
Invítovos con isto a que nos acompañedes na seguinte festa. Non nos gusta prometer sen recompensa e pedimos perdón se o fixemos. Temos no noso poder un bastón de Moisés capaz de separar as augas dun mar de información envelenada. Buscamos facelo ben e precisamos da vosa axuda neste proxecto. Por iso non teredes as mans desocupadas se vos achegades ás festas. Un par de bebidas frías serán as ferramentas da vosa función.
Texto e fotografías: Sara Yáñez