Acumular coñecemento: 501 coitos sen penetración

501. O número identificador do pantalón vaqueiro por excelencia. Sen engurrar. Sen gastar. Sen manchar. Sen reviravoltas estroboscópicas na cintura nin excentricidades na forma do tiro ou dos petos. Sen concesións á estética e por pura funcionalidade, os Levi´s 501 xurdiron no 1873 (posiblemente daquela nin tan sequera levaran número) cando os Estados Unidos/USA/ EE.UU./UEA/America… outorgaron a Levi Strauss e a Jacob Davis unha patente para confeccionar os primeiros pantalóns de traballo para homes en material denim (mezclilla en castelán; mesturilla en galego?). Eran os primeiros pantalóns vaqueiros e, como tal, estaban feitos para enredar coas labores do campo, das granxas, das fábricas… Malia que seguramente ninguén os coñeza como cowboy trousers nos países anglófonos, o seu nome en galego resulta esclarecedor dabondo como para non ter que seguir explicando a súa función. Quen lles ía dicir a aqueles sureños louros coma a palla que apañaban e a terra que pisaban, a aqueles cuxos dentes podrecían de sede camiño á terra prometida de California, que a roupa que vestían sería substituída por monos azuis para abrirse paso entre as pasarelas de moda e vestir ás elites financeiras de todo o mundo? Quen lles ía dicir que aquela cochambre que levaban nas pernas acabaría por marcar tendencia e considerarse o emblema dunha das multinacionais máis cotizadas do mundo? (Preguntas retóricas sen resposta).

501Polo demais, o 501 non é para a maioría dos mortais máis ca un número calquera. Como moito, un ano do máis común no calendario romano no que Domangart I se torna novo rei de Dalriada (Gran Bretaña) ou o “nome” dun BMW e dun par de avións.

Mais duns anos para acá, 501 foi volvéndose o emblema da erudición e a sapiencia como título dunha das coleccións máis selectas da inatinxible infinidade de eidos do coñecemento, unha recompilación de datos “interesantísimos” sobre películas, libros, escritores, cancións, discos, illas, cócteles… Por 19.95 euros, un cidadán normal e corrente pode dar ese paso definitivo cara integrar unha desas elites que visten os vaqueiros 501 nos ascensores de rañaceos imperiais. 19.95 machacantes que poden converter ó máis inepto sedentario nun experto en viaxes (ver “501 Viajes que no puedes dejar de hacer”) ou ó lector novel no sucesor do mesmísimo George Steiner despois de botar tan só unha ollada ó “501 Grandes escritores”. 19.95 pavos para rivalizar co espírito de Hitchcock tras indagar na profundidade dos conceptos exclusivamente cinematográficos das 640 páxinas, con cor a todo meter, de “501 Directores de cine” ou 19.95 XX para que o abstemio por excelencia se pegue unha farra con Bukowski sen caer de cu tras pegarlle un par de grolos ó axitado pero non revolto “501 Cócteles que no puedes dejar de probar”…

E tal…

Exemplar sobre cine da colección 501.

Exemplar sobre cine da colección 501.

Algo da verborrea típica de cada título e xa está. Palabras e expresións coma “tendencias”, “correntes”, “etapa influenciada por…”, “transgresión”, “movemento”, un feixe de “-ismos” ben combinados, “estilo”, simbolismos inconcibibles, “fórmula”, “comercial” vs “alternativo”, “espectro de” e cantos máis adxectivos peores ca “estroboscópico” como sexa posible fan que un parágrafo poida analizar de arriba abaixo a Ingmar Bergman. Vamos, que botarlle unha ollada a un destes libros antóllase como practicar sexo sen metela. Sábese todo acerca dun movemento literario sen ler sequera un dos seus libros, coñécense os recunchos máis indómitos da xeografía ibérica sen saír da casa e sábese que película gañou nos Oscar de cada ano sen ter visto a faciana dos seus personaxes. Datos, datos e máis datos que enchen a boca de quen os aprende. Máis grave é se cadra o de quen toma estas recompilacións coma doutrina e le, ve, viaxa e proba cada un dos autores, películas, lugares e cócteles que se lle recomenda polo sinxelo feito de estar rexistrado nunha listaxe arbitraria de “cousas”:

-Liches “A morte de Iván Ilich”?
-Non.
-Incrible! Non liches esa obra mestra de de Tolstói?
-Que non, de que trata?
-Si, bueno, claro, emmm… Coma tódalas obras do realista ruso reflicte emm…

Como unha extensión máis desta etapa na que as formas están po riba dos fondos, a sutileza, o sentimento e ata o sentido de cada novela (película, cadro, etc.) están tamén a diluírse entre a súa propia importancia. A capacidade de recrearse nos matices esvaécese na obriga que supón o que é ser culto. Acumular, amasar e retozar nunha boa morea de coñecementos é o importante; moito máis que poder gozar do que estes agochan. Reler unha páxina supón perder o tempo que se empregaría en ler unha segunda; reler unha novela, a imposibilidade de dicir que se leron dúas. Á marxe do que poida resultar máis ou menos meritorio, parece haber unha arela por saber “o que hai que saber” sen entrar no “como” se aprende e malia que en efecto non é doado aplicar un criterio propio para seleccionar o que se le e os lugares ós que se viaxa (moitísimo menos algo tan importante coma a combinación de sabores que se bebe), quizais si sexa máis gratificante guiarse pola intuición e a inquedanza de cada un que pola convicción e a convención dunha academia allea para dar cunha novela reveladora ou un recuncho encantador.

classy 501

A excepción que confirma a regra.

Non falarían os maias sobre o 501 como o número que adultera todo o que posúe? Dende que baixo o seu influxo os vaqueiros pasaron do inocente labor de protexer as pernas dos escravos ó de escravizar mediante a publicidade e dende que as películas, os lugares e os libros perden a súa condición de expresión artística para volverse unha listaxe de datos, a excepción que confirma a regra semella ser un dos modelos por excelencia de BMW. Mesmo o ano 501 parece non ter sido máis ca un mero trámite no que seguro que non houbo nin unha epidemia decente.

Visto así, quizais o acumulador de sabedoría adulterada por excelencia, a Universidade, teña o número 501 infiltrado no seu nome. Universidade de Santiago 501 de Compostela, Universidade Com501plutense de Madrid, Har501vard University, Universidade de Vigo 501 ? Haberá que investigar ó respecto…