A traxicomedia feita equipo: Los Angeles Clippers

Imaxinádevos por un momento un par de irmáns. Para o caso non importa que sexan xemelgos, home ou muller nin nada. Só que sexan irmáns. Agora ímolos describir: un deles, o primeiro e máis veterano, é un home feito e dereito. Un rapaz esvelto, coa carreira rematada e cun traballo ben remunerado. Aínda por riba cunha moza espectacular e coa vida arranxada. Pola outra parte o segundo irmán, máis novo, feo, pequeno, sen estudos e cunha enfermidade incurable desde que naceu. Veñen da mesma nai e do mesmo pai, pero o resultado son dous irmáns totalmente diferentes. Non sabemos que é o que leva a que estas diferenzas existan no cotiá. Supoño que un pouco a xenética, un pouco a sorte e un pouco como trates a vida.

Agora extrapolemos isto ó baloncesto. Los Angeles, cidade de Hollywood e da USC (University of Southern California). Alí hai e houbo historicamente dous equipos na NBA, Los Angeles Lakers e Los Angeles Clippers. Os Lakers son o irmán rico, guapo e con sorte. 16 títulos da NBA así o avalan, ademais de contar ó longo da súa historia con xente como Wilt Chamberlain, Kareem Abdul-Jabbar ou Magic Johnson, por exemplo. Os Clippers son, por outra banda, o irmán pobre, feo e sen aspiracións. 42 anos de historia para uns pírricos números de 8 presenzas en Playoffs, ningún título de división, ningún título de conferencia, e loxicamente, ningún título NBA. Falar dos seus mellores xogadores históricos sería incluso obsceno se o comparamos cos de Lakers.

Os Lakers teñen 16 aneis. Os Clippers teñen a Jessica Alba.

E é que temos un verdadeiro problema desde o momento no que en Google buscamos “Los Angeles Clippers” e nos aparece unha suxestión que amablemente nos di: “Quizás quiso usted decir Los Angeles Lakers”. Non pode ser que un equipo que leva toda a vida na NBA sexa incluso o hazmerreír do maior motor de buscas mundiais. Non pode ser, pero é que os motivos para que isto sexa así son moitos. O principal, por ir adiantando algo, é que un monicreque dun oso descabezado levaría mellor a xerencia do equipo que calquera dos seus gobernantes. Incluso diría máis, que é que ese oso descabezado tería máis nivel que algúns dos xogadores que pasaron polo equipo.

Los Angeles Clippers naceu como franquicia no ano 1970 baixo o nome de Buffalo Braves. Tras uns primeiros anos sen grandes resultados deportivos pero esperanzadores, no 1978 o equipo mudábase a San Diego pola pouca afluencia de público en Buffalo. Co cambio a San Diego o nome do equipo mudou a Clippers. Foi a través dunha votación popular e tal nome saíu elixido pola gran cantidade de barcos que chegaban polo Océano Pacífico ata as costas de San Diego. Os barcos eran o máis representativo da cidade californiana, e entre os barcos, o modelo Clipper era o máis habitual. Pero os Clippers non permaneceron en San Diego por tampouco moito tempo. Os malos resultados xunto coa mala afluencia, unidos á venda da franquicia ó multimillonario Donald Sterling, propiciaron que os Clippers se mudasen a Los Angeles en 1984. Desde entón a lenda do irmán pequeno de Los Angeles non fixo máis que crecer en forma de lesións, malos drafts, horrendos traspasos e decisións do propietario máis que polémicas.

Donald Sterling, polémico propietario dos Clippers

E despois disto, que mellor que explicar algunhas das razóns e motivos de por que os Clippers son quen son:

1) Os decepcionantes drafts

Se hai algo que funciona no modelo da NBA ese é o Draft. Os peores equipos no ano anterior elixen nas primeiras posicións (previo sorteo) co fin de que os mellores xogadores universitarios recalen nos peores equipos e deste xeito se iguale a competición. Non sabemos como entenden o draft en Clipperlandia, pero algo raro ten que haber para que algunhas eleccións sexan entendibles. Demasiadas boas rondas do draft e demasiados pufos en LAC (El-Ei-Si). Unha pequena listaxe das máis destacadas sería: 5) Danny Manning: número 1 do draft do 1988, nos 5 anos que estivo en Clippers pasou máis tempo lesionado que xogando. Ó marchar de Clippers recuperou o seu nivel, foi All-Star e xogou a gran nivel el Phoenix. 4) Yaroslav Korolev: número 12 do draft do 2005. Alero alto, ruso, novo… e xa está. Non demostrou nada de nada na NBA. En 34 partidos 1.1 puntos en 4.9 minutos. Actualmente acaba de ser cortado por Lagun Aro en ACB. 3) Darius Miles: actuou na película “The Perfect Score” e foi un número 3 do draft por facer mates no instituto. Nunca deu o que se esperaba del e tras dúas tempadas en Clippers marchou sen máis novidade. Acabou cunha lesión crónica (“raro” nun ex-Clipper). 2) Danny Ferry: número 2 do draft de 1989. Estrela universitaria… que tras ser escollida por Clippers se negou a xogar para eles. Foise a xogar un ano á Lega italiana e ó volver á NBA foi traspasado a Cleveland. Nunca demostrou o que prometía, pero foi a primeira vez que un xogador rexeitaba á franquicia que o drafteara. Como non, os Clippers volvían dar que falar, e non por algo bo. 1) Nesta lista non podía faltar Michael Olowokandi. Número 1 do draft do 1998, este pivote nixeriano parecía que podía ser o novo Shaquille O’Neal. A verdade é que o máis destacable da súa carreira na NBA foi un romance nunhas vacacións en España con Paula Vázquez, porque no deportivo nunca se acercou nin ós 1o puntos ou rebotes por partido. Fracasou estrepitosamente en Clippers e logo en Minnesota.

Melvin Ely, Chris Wilcox, Shaun Livingston, Ernie di Gregorio, Bo Kimble, Lamond Murray, John Hummer, Tom McMillen, Joe Wolf ou Al Thornton foron outras eleccións top-15 do draft que nunca se achegaron ás prestacións esperadas. Con eleccións coma estas Clippers deixou de escoller a xente como Glen Rice, Dirk Nowitzki, Paul Pierce, Kevin Garnett, Scottie Pippen, Rasheed Wallace, Chris Mullin, John Stockton, Dominique Wilkins, Vince Carter, Kiki Vandeweghe, Amar’e Stoudemire ou incluso Kobe Bryant.

2) Regalar xogadores

Ou como di o analista da ESPN Bill Simmons, “desprenderse estupidamente ou sen nada substancial a cambio” de xogadores da talla de Adrian Dantley, Bob McAdoo (o ano despois de ser MVP), World B. Free, Moses Malone, Terry Cummings, Danny Manning, Lamar Odom, Elton Brand, Andre Miller, Marcus Camby ou Billy Knight; todos eles referentes de Clippers nalgún momento da súa carreira. No momento en que o equipo mellorou, loitou por algo e ata entrou en Playoffs, a base de Clippers derruíase por un ou outro motivo. Estes continuos traspasos das estrelas non fixeron senón impedir que Clippers teña algún xogador referente na súa historia.

3) Terribles lesións

Falar dos Clippers sen falar de roturas de ligamentos cruzados é como falar de Fránkfurt sen falar das salchichas. Só contando a xogadores que eran estrelas do equipo no seu momento, contamos máis de 10 lesións claves nos Clippers. Desde a que acababa coa carreira de Marques Johnson ata a lesión máis fea que puiden apreciar no que levo de vida, a do prometedor Shaun Livingston en 2004 (un base de 2.02 que podía xogar de todo). O resto, desde as lesións crónicas de Danny Manning que xa nomeamos arriba ata as lesións que marcaban as carreiras de Ron Harper, Norm Nixon e Charles Smith, a de espalda que case acaba coa carreira de Loy Vaught, a arritmia cardíaca de Terry Cummings, as continuas fracturas do que viña como estrela Bill Walton ou os anos en branco que pasaron por sendas lesións Nate Archibald, Elton Brand ou máis recentemente Blake Griffin. Chauncey Billups foi o último en unirse á lista tras este último ano sen xogar por un desgarro no talón de Aquiles.

4) Donald Sterling

O eterno propietario de Clippers foi tachado de rácano, racista, xenófobo, rata, egocéntrico… Tamén que os postos na organización están postos a dedo e que non mira polo ben do equipo nunca e só por el mesmo. Non sei cantas destas afirmacións serán verdade, pero o certo é que Sterling nunca inverteu un euro de máis no proxecto á diferenza doutros propietarios. O seu obxectivo nunca foi vencer nin cando tivo o suficiente para elo, e sempre que fala dá a entender que os Clippers son o seu xoguete e polo tanto fai con el o que quere.

Blake Griffin, Chris Paul e Chauncey Billups. O futuro de Clippers pasa por eles

En resumo, é loxico que con estes argumentos o normal sexa estar 15 anos consecutivos sen entrar nos Playoffs (1976-1991) ou estar 12 anos seguidos en negativo no récord de vitorias e derrotas. Incluso é entendible como un equipo NBA pode rematar tan só 8 dos seus 42 anos de vida en récord positivo e como nunca ese equipo superou as semifinais de conferencia (2ª ronda de Playoffs). Se algo hai que destacar do equipo, as mellores etapas foron en San Diego con McAdoo como estrela logrando por primeira vez chegar a semifinais de conferencia e no ano 2006, onde o equipo comandado na pista por Sam Cassell xunto con Maggette e Brand case consegue eliminar tamén en semifinais de conferencia ós Suns de Nash e compañía. Pouco que destacar houbo nos 42 anos de historia dos Clippers ata o momento, pero quizais o futuro sexa seu. Por primeira vez os afeccionados Clippers están de noraboa. O equipo, comandado por Chris Paul e Blake Griffin atópase ante a súa primeira oportunidade de facer algo grande. Teñen as bases para loitar por todo. Co apoio de clásicos como Billups, Grant Hill, Caron Butler ou Jamal Crawford e promesas que cada vez son máis realidade como DeAndre Jordan ou Eric Bledsoe, Paul e Griffin teñen vía libre para levar por primeira vez ós sufridores seguidores Clippers a disfrutar con algo máis que unha simple vitoria ante os veciños ou esperar a que elección do draft do ano seguinte fose boa. E é que en España se fala do Atlético de Madrid como equipo gafe, pero os seguidores dos Clippers merecen un monumento. Estes afeccionados merecen que o irmán feo o pobre compense os 42 anos de mala vida que lle leva dando á familia Clipper. Está ante a oportunidade soñada, polo menos en canto o blanco-negro saltarín non se rompa e o base de Wake Forest non decida abandonar o barco. Se iso sucedese, sempre quedará a lastimosa frase: Que lle vas facer, os Clippers son os Clippers.